O esteiro do río Miño, espazo compartido por Galicia e Portugal, é unha zona húmida de características excepcionais. Na beira galega encontramos unha manchea de hábitats diferentes que acollen unha nutrida poboación de aves, especialmente na migración e durante o inverno. Pero aínda hai máis: o litoral da Guarda, aberto ao Atlántico, é un bo balcón para observar aves mariñas

Aves na Raia húmida

O gran río Miño desemboca formando un magnífico esteiro: as súas augas chocan co Atlántico pero antes deixan a súa carga de sedimentos que, co transcurso do tempo, teñen dado lugar a unha gran variedade de hábitats palustres de grande extensión e interese natural.

Boa parte deles encóntranse nas illas fluviais, como a Canosa, que, ao estar a salvo das molestias humanas, resultan moi tranquilas para a fauna, en especial para as aves. Acompañando as augas do Miño no seu camiño cara ao mar encontramos aínda máis hábitats de interese, como praias e pequenos treitos rochosos nos que recalan unha boa cantidade de especies en migración.

O crebado tramo do concello da Guarda que se abre ao Atlántico, así como o seu porto, sobre todo se hai temporais, son excelentes puntos de observación de aves.

Os roteiros
Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Roteiro a pé ou a bici “Haliaetus”

MELLOR ÉPOCA

Entre agosto e marzo

DISTANCIA

11 km (só ida)

DURACIÓN

5 horas

DIFICULTADE

Ningunha

CONCELLOS

A Guarda

PERCORRIDO

Porto da Guarda - Salcidos

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Puntos clave da ruta:

  1. Este completo percorrido iníciase ao sur do porto da Guarda (1) que, no inverno, pode depararnos algunha sorpresa como a gaivota tridáctila ou a cabecinegra. Un vieiro litoral percorre a beira do mar e penetra no esteiro ata a xunqueira de Salcidos.
  2. Na punta de Santa Tegra (2) hai que estar atentos ás aves mariñas, gaivotas e limícolas de paso.
  3. A seguir, na praia de Camposancos (3) e noutras próximas, é posible ver limícolas como o pilro tridáctilo.
  4. Despois de pasar a localidade da Pasaxe, habemos encontrar un observatorio ornitolóxico (4) desde o que se pode observar a parte sur da illa Canosa, un bo punto para o avistamento de corvos mariños grandes, garzas reais, garzotas pequenas, gabitas comúns ou mazaricos reais.
  5. Un pouco máis para diante do cámping que atoparemos habemos internarnos en parte da xunqueira de Salcidos. Aquí hai outro observatorio ornitolóxico (5) que ten unha vista imprescindible, xa que permite contemplar a illa Canosa (6), na que ademais das habituais aves acuáticas imos poder ver tartarañas das xunqueiras, gatafornelas e aguias pescadoras. Na época de migración temos que estar atentos tamén a pequenas aves, entre as que podemos descubrir algún rousinol papoazul.

Itinerario a pé ou bicicleta "Marítima"

MELLOR ÉPOCA

De setembro a febreiro

DISTANCIA

4 km (só ida)

DURACIÓN

2 horas

DIFICULTADE

Ningunha

CONCELLOS

A Guarda

PERCORRIDO

Porto da Guarda - Cala da Cetárea

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Puntos clave da ruta:

  1. Saímos do porto cara ao norte, non sen revisar antes as súas inmediacións (1).
  2. Atentos ás rochas da beira do mar, especialmente alí onde se acumulen os argazos (2), xa que imos poder ver pilros escuros e outras limícolas.
  3. Hai que dirixir a mirada cara ao mar, no que se avistan algunhas aves mariñas de paso, como o mascato do Atlántico

 

As aves

A mellor época do ano para observar aves na Guarda comeza a finais do verán e prolóngase ata o inicio da primavera seguinte. Finalizando a estación cálida, moitas especies que nidificaran no norte de Europa principian o regreso aos seus cuarteis de inverno. Neste momento podemos observar multitude de limícolas como pilros tridáctilos e comúns, píllaras reais, e mazaricos reais e chiadores.

No inverno o esteiro é un espectáculo de aves no que destacan, entre outras moitas, as garzas reais e as garzotas pequenas, os corvos mariños grandes e os mazaricos reais. Nesta estación as aves rapaces poden depararnos algunha sorpresa: gatafornelas, tartarañas das xunqueiras e aguias pescadoras déixanse ver nestes lugares. O panorama complétano anátidos como os mergos cristados ou pequenas aves como as escribentas das canaveiras.

No treito de costa atlántica e, especialmente, no porto, podemos observar diferentes especies de gaivotas. Na primavera destaca a presenza de especies típicas dos canavais e xunqueiras como o rascón ou a folosa das canaveiras.

Consellos e recursos
  • Se observamos grupos de gaivotas e/ou limícolas nas praias, temos que gardar as distancias para non molestalas.

  • Levar calzado adecuado (botas de montaña con tecidos hidrófugos) en outono e inverno para andar polos camiños

  • Desde os observatorios e desde a punta de Santa Tegra é conveniente usar telescopio

Arriba