Cara a Santiago existe unha ruta marítima e fluvial que remonta o Ulla desde a Ría de Arousa ata Padrón. Un dos alicientes desta travesía é a gran variedade de aves que podemos observar en ambas as beiras do río, pois os seus canavais, xunqueiras e salgueirais están inzados de vida. Desde a terra tamén podemos descubrir algúns dos seus segredos, só cómpre un pouquiño de paciencia e aproveitar as primeiras horas do día.

Carriceiras na Ruta Xacobea

Tradicionalmente usadas para a gandería extensiva e para a obtención de madeira, as veigas do último tramo do Ulla esténdense hoxe como un tapiz de carrizas, salgueiros e pequenos prados desde Pontecesures ata a ponte de Catoira e as históricas torres do Oeste.

Este mosaico de vexetación ribeirá, con pequenas charcas, lameiros e pradeiras dá acubillo a interesantes poboacións de aves palustres e acuáticas, así como a comunidades de paxaros ligados ao mosaico rural galego.

Os roteiros
Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Roteiro en coche: Canavais do Ulla (Catoira/Dodro)

MELLOR ÉPOCA

En inverno e primavera

DURACIÓN

3 horas

DIFICULTADE

Ningunha

CONCELLOS

Catoira, Dodro, Rianxo

PERCORRIDO

Canavais do Ulla (Catoira/Dodro)

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Puntos clave da ruta

  1. Percorrido por zonas palustres próximas ao río Ulla. Desde as torres do Oeste e o seu canaval (1), onde habemos ver o rascón común e mais o rousinol papoazul, pasamos sobre a ponte de Catoira.
  2. Observando as marxes do río habemos ver corvos mariños grandes e garzotas.
  3. Na rotonda collemos cara á dereita por unha pista paralela ao río, na Loira (2). Aquí podemos atopar papuxas cabecinegras e escribentas riscadas.
  4. Logo duns 2 km chegamos ao límite do concello de Dodro (3). Neste punto seguimos unha estrada cara ao leste, non lonxe do río e pola beira dun piñeiral e dunha ampla zona de leiras (4). Nos piñeiros pode que vexamos a avenoiteira cincenta ou o cardeal común; nos espazos agrícolas, curuxas e bicos de coral.
  5. Tras pasar a carón da depuradora do Redondo (5), onde se poden observar o gabeador e mais a pica das árbores, tomamos calquera das pistas que nos conducen ao río, especialmente unha no lugar de Redondiño. Nesta zona (6) rexístrase a presenza da pica alpina e da escribenta das canaveiras.
  6. Seguindo logo polos camiños e por unha pista paralela á liña de alta tensión, habemos ver picanzos vermellos e ouriolos.
  7. En chegando aos canavais do Agro Vello (7) habemos atopar folosa das canaveira, falcóns pequenos e, ocasionalmente, tamén folosas grandes. Nas xunqueiras das Vesadas (8) localízanse, a últimos do verán, folosas acuáticas e mais folosas dos xuncos.
  8. Por unha pista accedemos á AC-305 en Tallós, onde podemos ver a avelaiona e o pardal montés. Finalmente dirixímonos cara ao oeste por Tallós, ata a ponte de Catoira, o que nos dará a ocasión de observar o picafollas ibérico e a escribenta común.

Roteiro a pé ou en bicicleta: Veiga da Cruz (Dodro)

MELLOR ÉPOCA

Inverno e primavera

DURACIÓN

3-4 horas a pé e unhas 2-3 horas en bicicleta

DIFICULTADE

Ningunha

CONCELLOS

Dodro, Padrón

PERCORRIDO

Veiga da Cruz (Dodro)

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Puntos clave da ruta:

  1. Desde a confluencia do río Sar e mais o Ulla (1) seguimos paralelos ao Sar, que flúe canalizado, ata unha pista á esquerda. Nesta zona avístanse o moucho e mais o pardal montés.
  2. Este camiño lévanos a través das agras de Lestrove (2) (onde habemos ver lavandeiras amarelas e ouriolos) ata A Cancela Abrea (3), onde é posible ver curuxas e cardeais.
  3. Na Veiga da Cruz (4) habemos procurar o rascón común, a papuxa picafollas e a escribenta das canaveiras, e regresaremos ao río Sar polo mesmo itinerario.
As aves

Nos canavais do baixo Ulla atopamos folosas das canaveiras, rascóns comúns, picafollas ibéricos e, sobre todo, as ameazadas escribentas das canaveiras. En maio son habituais os lances de caza dos falcóns pequenos e nos atardeceres primeiros de setembro centos de andoriñas comúns prepáranse para emprender a súa viaxe de regreso a África. Por último, no mes de agosto, entre as xunqueiras que aínda se conservan pé do río aparecen as folosas dos xuncos e mais as acuáticas.

Consellos e recursos
  • Levar calzado axeitado (botas de auga ou de tecidos hidrófugos) en outono e inverno.

  • É mellor realizar as visitas de mañanciña para gozar do coro das aves de carriceira.

  • Transitar só por camiños, sen invadir as leiras.

Arriba