A un paso das cidades da Coruña e Ferrol, nunha contorna ben coñecida como destino turístico estival, podemos gozar da observación de aves fóra da temporada de sol e praia. En efecto, a Ría de Ares e Betanzos ofrécelle ao observador a oportunidade de gozar dos lances da aguia pescadora, ver centos de pentumeiros comúns en estadía invernal e coñecer innumerables recunchos poboados por ducias de especies de paxaros. Acompáñanos!

Un paraíso para as aves acuáticas

Ría “dobre” formada polos ríos Eume, Lambre e Mandeo. Ten relevos en xeral suaves e acolle nas súas ribeiras poboacións de tamaño medio como Ares, Pontedeume, Miño, Betanzos e Sada.

Nalgúns sectores consérvanse marismas e intermareais de grande atractivo ornitolóxico, en especial entre setembro e febreiro: a praia e a xunqueira de Ares, o areal de Pontedeume, a marisma do Baxoi e A Ponte do Porco en Miño, as extensas xunqueiras do esteiro do Mandeo, xa preto de Betanzos, e a praia e as brañas de Sada son os puntos estrela que non habiamos perder.

Os roteiros
Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Roteiro en coche: Betanzos - pazo de Mariñán (observatorio ornitolóxico) - Betanzos

MELLOR ÉPOCA

Entre xaneiro e abril

DISTANCIA

16 Km

DURACIÓN

2 horas

DIFICULTADE

Ningunha

CONCELLOS

Bergondo, Betanzos, Paderne

PERCORRIDO

Betanzos - pazo de Mariñán (observatorio ornitolóxico) - Betanzos

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Puntos clave da ruta

  1. A ruta comeza coa observación de andoriñas de cu branco no centro de Betanzos (1).
  2. Desde alí emprendemos a ruta cara ao norte, pola marxe dereita da ría, ata chegar ao lugar de Souto (2) e aos seus campos próximos á ría, para localizar rascóns comúns, cardeais comúns e escribentas das canaveiras.
  3. Cruzando os campos cara ao oeste habemos chegar ao magnífico observatorio ornitolóxico de Souto (3); quizais o mellor lugar da ría para localizar a aguia pescadora, a tartaraña das xunqueiras e, na época axeitada, o cullereiro común e o bilurico escuro.
  4. Máis ao norte, tras atravesar O Porto de Abaixo, collemos á esquerda a estrada cara á ponte do Pedrido (4). Neste punto imos poder avistar millafres negros e andoriñas dos penedos.
  5. Xusto chegando á beira occidental da ría tomamos un desvío á esquerda para chegar ao pazo de Mariñán (5) e ao seu observatorio (6), onde habemos gozar das súas vistas sobre a Ría de Betanzos e poderemos anotar a aguia pescadora, a tartaraña das xunqueiras e o rascón común.
  6. Máis ao sur, en Miodelo (7), podemos observar cullereiros comúns, píldoras cincentas e biluricos claros na intermareal. A ruta finaliza novamente en Betanzos (8)

Roteiro a pé ou en bici: Centroña - Nogueirosa

DURACIÓN

2-3 horas a pé e 1-2 horas en bicicleta

DIFICULTADE

Baixa

CONCELLOS

Pontedeume

PERCORRIDO

Centroña - Pontedeume - Nogueirosa e regreso

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Puntos clave da ruta:

  1. Esta ruta percorre a beira meridional do esteiro do río Eume partindo desde o litoral de Centroña (1). Alí habemos ter a oportunidade de ver a mobella pequena e a gaivota cabecinegra.
  2. A continuación chegamos ao núcleo de Pontedeume (2) para rexistrarmos a andoriña de cu branco e, na intermareal, a garzota pequena, a gaivota arxéntea e o gaivotón real.
  3. Seguindo ata Nogueirosa (3) poderemos ver varias especies de paseriformes polas ribeiras do Eume, ademais de millafres negros, falcóns peregrinos e picapeixes comúns.
As aves

Propoñemos a observación de aves polas ribeiras e augas libres da Ría de Ares e Betanzos, incluíndo as marismas de Betanzos e Miño, a metade externa do esteiro do río Eume, a praia e a xunqueira de Ares, o esteiro do Lambre, o último treito do Mandeo, as brañas de Sada e o litoral deste concello. Esta é unha área importante para a estadía invernal de garzas, limícolas e anátidos. Dentro destes últimos, imos poder gozar da principal poboación galega invernante de pentumeiros comúns. Non obstante, a “estrela” máis popular deste espazo é a aguia pescadora, que imos poder observar, cun pouco de sorte, fronte ao observatorio ornitolóxico de Souto, en Paderne, ou fronte ao observatorio do pazo de Mariñán, en Bergondo. Canda ela, vermos ademais tartaraña das xunqueiras, rascóns comúns ou lavandeiras amarelas. A recalada de cullereiros en outono é cada vez máis numerosa, e incluso a recentemente protexida marisma de Bañobre, en Miño, acolle un número cada vez maior de limícolas, como o bilurico claro e de rapaces como o millafre negro. Diante da Praia Grande de Miño son habituais os mergullóns de pescozo negro e os mascatos do Atlántico. Na Ponte do Porco obsérvanse doadamente as andoriñas dáuricas, e na intermareal ante a vila de Sada, no inverno, os anátidos adoitan contarse por centos.

Consellos e recursos
  • Levar calzado axeitado (botas de auga ou de tecidos hidrófugos) en outono e inverno

  • Recoméndase o uso do telescopio para a observación das aves acuáticas

  • Transitar só por camiños, sen invadir as leiras

Arriba