Bono IacobusO Camiño do Norte é quizais a ruta máis histórica, a primeira que toman os peregrinos de todo o cristianismo europeo da época para alcanzar Santiago de Compostela. A orixe da peregrinación a Santiago pola ruta da costa cantábrica remóntase aos momentos inmediatamente posteriores ao descubrimento da tumba do que din ser o apóstolo Santiago o Maior (s. IX).

A dominación da práctica totalidade da Península Ibérica por parte dos musulmáns, deixa acantoados os reinos cristiáns nas zonas máis setentrionais do país. Os camiños do antigo Reino de Asturias foron pioneiros en canalizar os devotos peregrinos a Santiago.

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Así, o Camiño do Norte conformouse como unha ruta medieval que xerou unha corrente xacobea internacional cara aos santuarios de Oviedo e Santiago de Compostela. Estes peregrinos viñan por terra dende Francia, ou por mar, recalando nos portos vascos e cántabros, procedentes de lugares como Inglaterra, Flandes, Alemaña e Escandinavia.

O itinerario da costa gozou dunha vitalidade semellante ás dos demais camiños xacobeos "primitivos", antes de que nos séculos XI-XII os monarcas hispanos potenciasen o Camiño Francés como itinerario privilexiado, vertebrando os reinos cristiáns do norte peninsular.

Día 1

Ribadeo / Vilanova de Lourenzá - Etapa 1 (28 km)

A saída de Ribadeo pasa por diante do campo de fútbol, xusto en fronte deste encóntrase o sinal xacobeo, continuando en dirección ao cemiterio. Case sempre en ascenso e despois de percorrer preto de 9 km. chégase a Vilela. Tras superar esta aldea, un treito relativamente chairo condúcenos ata O Esfolado, dende onde se inicia un ascenso que nos levará ata Vilamartín.

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Perfil

Un descenso de tres longos quilómetros achéganos ata Gondán, e por pistas moi ben sinalizadas, primeiro en ascenso e despois en descenso, pasando antes polo Corveiro, éntrase en Vilanova de Lourenzá, vila conformada en torno ao mosteiro beneditino fundado no s. X.

O Cabazo da Curuxa
Lourenzá / Etapa 1

O Cabazo da Curuxa Entre as fermosas praias da Mariña e as fragas de Trabada, no val sucado por ríos ricos en salmóns, O Cabazo da Curuxa conserva a súa atmosfera rústica orixinal de casa de pedra e madeira de castiñeiro. Os seus cinco bonitos cuartos complétanse co comedor e un acolledor salón con estufa de leña. O seu xardín, con árbores froiteiras e presidido por un impresionante hórreo estilo Mondoñedo, conta cun porche e unha pequena terraza que domina o val.

Día 2

Vilanova de Lourenzá / Martiñán - Etapa 2 (33.8 km)

O camiñante xa se encontra a bastantes quilómetros da costa, en zona máis montañosa, seguindo dirección sur cara ao interior de Galicia. Todo iso fai que a densidade de poboación sexa considerablemente menor e máis longas as distancias dos tramos entre localidades.

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Perfil

De Lourenzá camíñase ata San Pedro da Torre, superando a continuación un novo desnivel antes de entrar na cidade de Mondoñedo, capital dunha das antigas sete provincias do Reino de Galicia, que pola súa historia e monumentalidade merece unha visita sosegada.

A partir de aquí, Lousada é practicamente a única aldea que encontraremos, a cal se alcanza en ascenso seguindo unha vía que nos conduce directamente ata ela. Tras acometer unha forte subida ata o alto do outeiro, iníciase un agradable descenso cara a Gontán, que é a antesala de Abadín.

A partir de Abadín, o camiño intérnase na Terra Chá a través do municipio de Vilalba. Durante o traxecto gózase dunha agradable paisaxe gandeira e rural, pasando pola parroquia de Castromaior e alcanzando o final de etapa no lugar de Martiñán.

Casa Grande de Anllo
Cospeito / Etapa 2

Casa Grande do Anllo Casa Grande de Anllo, tamén coñecida como”Casa do Secretario” ou “Casa da Escola”, foi construída no ano 1885, rehabilitándose para turismo rural e abrindo as súas portas no outono do 2007. A vivenda conserva todos os elementos típicos da ”Terra Cha” luguesa, como son o forno de leña, a lareira e a cociña central. A estrutura é de mampostería de pedra e granito, con trabes e portóns de madeira que rematan nos chans con tarima de madeira nobre.

A edificación principal, de dúas plantas, alberga un amplo patio con chan de cantería que serve de distribuidor; na planta baixa sitúanse os espazos comúns e na primeira os dormitorios e unha ampla e soleada galería. Todo o conxunto está rodeado por unha gran extensión de terreo que linda co río Támoga.

Día 3

Martiñán / Ponte de San Alberte - Etapa 3 (33.4 km)

A ruta continúa ata Santiago de Goiriz con numerosas mostras de arquitectura popular como o cemiterio neogótico da vila. Séguese por un territorio practicamente chairo ata entrar en Vilalba, corazón da Terra Chá, célebre pola súa gastronomía (capóns e queixo de San Simón) e encrucillada de camiños defendida pola fortaleza dos Andrade. Do seu conxunto defensivo do s. XV subsiste a poderosa torre transformada en Parador Nacional de Turismo.

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Perfil

Abandónase a vila de Vilalba polo paseo fluvial do río Magdalena. Séguese por Ferreira ata chegar a Baamonde onde sobresae a igrexa parroquial de estilo románico construída en honor do Apóstolo Santiago; o conxunto complétase con tres cruceiros dieciochescos e un curioso castiñeiro centenario. Seguindo o río Parga chégase á capela gótica de San Alberte e á ponte baixomedieval do mesmo nome.

Hotel Bi-Terra
Friol / Etapa 1

Hotel Bi-Terra Bi-Terra, dúas formas de gozar deste lugar estreado en 2008: descansando nunha casa con máis de 200 anos de antigüidade remodelada con toques rústicos, aires modernos e espazos únicos; ou saboreando no restaurante deliciosas receitas de cociña caseira de verdade (atinada mestura da cociña galega e da vasca), preparadas con moito mimo.

Día 4

Ponte San Alberte / Marco das Pías - Etapa 4 (28.6 km)

O camiño continúa por Santa Leocadia de Parga ata chegar a San Paio de Seixón cuxa igrexa románica conserva das súas orixes a portada con arquivoltas.

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Perfil

A ruta continúa en lixeiro descenso alcanzando Miraz, xa no municipio de Friol, lugar onde aínda se levanta unha torre ameada de planta cadrada do s. XV pertencente á antiga torre dos Saavedra. Próxima a esta encóntrase a torre de San Paio de Narla que actualmente alberga a sección de etnografía do Museo Provincial de Lugo. Seguindo en suave ascenso alcánzase Marco das Pías, límite da provincia de Lugo.

Hotel Bi-Terra
Friol / Etapa 4

Hotel Bi-Terra Bi-Terra, dúas formas de gozar deste lugar estreado en 2008: descansando nunha casa con máis de 200 anos de antigüidade remodelada con toques rústicos, aires modernos e espazos únicos; ou saboreando no restaurante deliciosas receitas de cociña caseira de verdade (atinada mestura da cociña galega e da vasca), preparadas con moito mimo.

Día 5

Marco das Pías / Casaldoeiro - Etapa 5 (27.3 Km)

O traxecto prosegue ata chegar á lagoa de Sobrado, antesala de Sobrado dos Monxes, poboación que alberga un dos mosteiros máis emblemáticos de Galicia. Dende aquí séguese ruta cara a Castro, baixando cara a Corredoiras e Gándara, capital do municipio de Boimorto. Remátase a etapa nas proximidades de Arzúa, máis concretamente no lugar de Casaldoeiro.

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Perfil

A Paínza
Arzúa / Etapa 5

A Paínza A Paínza é unha aldea construída no s. XIX co fin de facilitarlles unha vivenda aos agricultores que arrendaban terras de propiedade da casa principal -os chamados "caseiros"-, e que actualmente se rehabilitou integramente para o uso turístico. Na casa principal pódense visitar os seus impresionantes xardíns situados dentro dun recinto amurallado con cenadores e túneles de buxo, fontes e unha gran variedade de plantas e flores.

Tamén poderá coñecer o seu interesante museo etnográfico. Nas vivendas, dotadas de todas as comodidades actuais, gozará sentíndose como na súa propia casa, rememorando o encanto da vida rural de hai máis dun centenar de anos.

Día 6

Casaldoeiro / A Rúa - Etapa 6 (21.1 km)

Casaldoeiro conecta inmediatamente con Arzúa, punto no que o Camiño do Norte e o Camiño Francés se unen. Nesta vila, célebre polos seus queixos con denominación de orixe Arzúa-Ulloa, a ruta faise urbana e pódese visitar a igrexa de Santiago e a capela da Madalena, que pertenceu a un antigo hospital de peregrinos.

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Perfil

Abandónase o núcleo de Arzúa entre prados e bosques de carballos e eucaliptos que rodean pequenas aldeas con nomes como A Calzada ou A Calle que denotan unha vinculación secular coa ruta xacobea. Despois de Salceda súbese ao alto de Santa Irene, atravésase o pobo do mesmo nome e, continuando o ascenso, chégase a A Rúa, unha pintoresca aldea de ambiente medieval con casas de pedra, hórreos e hortos domésticos.

Casa Calvo
O Pino / Etapa 6

Casa Calvo Casa Calvo é unha antiga casa solariega do s. XVIII, recentemente restaurada. Encrávase nun espazo rodeado de bosques de carballos, á beira do río Tambre. Cada un dos seus cuartos posúe personalidade propia con mobiliario, decoracións e arquitecturas específicas.

Día 7

A Rúa / Santiago de Compostela - Etapa 7 (20.7 km)

Esta última etapa transcorre por Arca, capital do municipio de O Pino. Nesta zona encóntranse restos de citanias da cultura castrexa e unha ponte de orixe romana sobre o río Mera.

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Perfil

O percorrido continúa por unha frondosa senda forestal e segue pola Lavacolla, pasando polas inmediacións do aeroporto compostelán. Comézase o ascenso ata o Monte do Gozo, dende onde se pode albiscar por primeira vez unha extraordinaria panorámica da cidade de Santiago e das torres da Catedral. A partir deste punto iníciase un percorrido urbano que transcorre polos barrios de San Lázaro e Os Concheiros, para continuar pola Rúa de San Pedro, Porta do Camiño, Rúa das Casas Reais, Rúa das Ánimas e Rúa da Acibechería que conduce directamente á Praza do Obradoiro.

Prezo

A ruta consta de 193 quilómetros que co Bono Iacobus se realiza en 7 días / 7 etapas. Ao final de cada etapa, o viaxeiro é recollido a pé de camiño e conducido en automóbil a un próximo aloxamento rural, no que fará noite tras unha merecida cea caseira elaborada con produtos da zona.

Pola mañá, tras un completo almorzo, achegarase ao camiñante de novo en coche ao inicio da súa seguinte etapa.

Servizos opcionais:

  • Pícnic para a etapa de cada día.
  • Traslado da equipaxe en taxi.

Prezo con cea e almorzo incluídos:

  • 1 Persoa (cuarto individual) 610 € (IVE incluído)
  • 2 Persoas (cuarto dobre) 880 € (IVE incluído)

O Bono Iacobus pode ser contratado durante todo o ano, exceptuando o mes de agosto e a Semana Santa, de forma individual, en parella ou en grupos.
Para obter toda a información adicional que necesites sobre o Bono Iacobus podes chamar ao teléfono 902 190 160 / +34 981 568 521 (*) ou enviar un correo electrónico a info@galiciaincoming.com
(*) A comercialización realízase a través de axencias de viaxes legalmente autorizadas.

Como chegar a Ribadeo

  • Opción A: Traslado Santiago – Ribadeo en autobús con frecuencia diaria e unha duración aproximada de catro horas. Horario: De luns a domingo: 08:30 - 18:00 h.
    • Compañía de autobuses (Santiago – Ribadeo): ALSA - Tel.: +34 902 422 242 - Web: www.alsa.es
  • Opción B: Traslado Santiago – Ferrol en autobús e Ferrol – Ribadeo en tren con frecuencia diaria e diferentes horarios.Horario: Santiago – Ferrol: Diferentes horarios. Duración aproximada dunha hora e media. Horario Ferrol – Ribadeo: De luns a domingo: 8:10 – 10:30 – 15:18 – 18:45 h. Duración aproximada de tres horas.
    • Compañía de autobuses (Santiago – Ferrol): MONBUS – Tel: +34 902 292 900 – Web: www.monbus.es
    • Estación de autobuses de Santiago: C/ San Caetano, s/n – Tel: +34 981 542 416 - Web: www.tussa.org
    • Estación de autobuses de Ferrol: Paseo de la Estación, s/n. Tel: +34 981 324 751
    • Compañía de ferrocarril: RENFE - Tel: +34 902 240 202 – Web: www.renfe.es
    • Estación de ferrocarril de Ferrol: Avenida de Compostela, s/n – Web: www.adif.es

A información sobre días operativos, horarios e duración dos traxectos é ORIENTATIVA e debe ser reconfirmada coa compañía prestataria do servizo.

Xunta de Galicia

© 2016 Turismo de Galicia | Todos os dereitos reservados
Política de privacidade | Contacto | Accesibilidade

Galicia
Arriba