Bono Iacobus

O denominado Camiño Inglés é unha das rutas marítimas xacobeas que se utilizaba na Europa medieval para alcanzar Compostela. Peregrinos procedentes dos países escandinavos, os Países Baixos, o norte de Francia e principalmente de Inglaterra, Irlanda e Escocia chegaban por barco ao norte de España entrando en Galicia polos portos de Ribadeo, Viveiro, Ferrol ou A Coruña. Estes dous últimos portos, situados nun amplo golfo que os romanos denominaron Portus Magnum Artabrorum, consolidáronse tradicionalmente como os puntos de partida das dúas alternativas do Camiño Inglés. Os navegantes chegaban a porto guiados polo feixe de luz da Torre de Hércules, faro romano declarado Patrimonio da Humanidade no ano 2009.

Unha vez en terra, ambas as dúas alternativas conflúen na parroquia de Bruma, pertencente ao municipio de Mesía, e chegan a Compostela despois de cruzar terras de Cambre, Carral, Mesón do Vento, Ordes e Oroso entre outras.

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Téñense noticias documentais de peregrinacións dende os países nórdicos ou as illas británicas a partir do s. XII. Así, no ano 1147 desembarcou no porto de A Coruña unha escuadra de Cruzados que, no seu camiño a Terra Santa e antes de tomar parte na conquista de Lisboa en apoio ao primeiro rei de Portugal na súa loita contra os árabes, fixeron escala en Santiago para visitar o sepulcro do Apóstolo. 

Entre os anos 1154 e 1159 un monxe islandés chamado Nicolás Bergsson deixa constancia escrita do primeiro itinerario marítimo dende Islandia ata o canal de Kiel, na fronteira entre Dinamarca e Alemaña, e desde aquí a pé ata Roma, camiño de Xerusalén. A partir de entón esta será a ruta maioritariamente seguida polos peregrinos procedentes dos países nórdicos no seu camiño a Santiago.

Posteriormente, durante a Guerra dos Cen Anos (ss. XIV - XV) foron os británicos os que utilizaron as súas naves para chegar a Santiago; da súa presenza dan testemuño as moedas e pezas de cerámica atopadas durante unhas escavacións realizadas na catedral.

Outro feito que evidencia a importancia da peregrinación británica é a doazón de ofrendas tan importantes como un retablo portátil de alabastro, no que se recrean cinco escenas da vida do Apóstolo Santiago, que foi cedido á catedral polo clérigo John Goodyear no ano 1456.

A orixe dos peregrinos que realizaban está ruta certifícase tamén a través dos rexistros de defuncións que se recollían nos arquivos das capelas e cemiterios dos mosteiros e hospitais do camiño, entre os que destacan os pertencentes á Orde Hospitalaria do Sancti Spiritus, sumándose a partir do s. XIV a Orde Franciscana.

 

Día 1

A Coruña / San Xoán de Sarandóns (Aquelabanda) – Etapa 1 (23 km)

A variante do Camiño Inglés que parte de A Coruña, inicia o percorrido na Igrexa de Santiago fundada a principios do s. XIII. Desde aquí continúase ata Porta Real e pola Avenida da Mariña coas súas emblemáticas galerías que datan do do s. XIX ata chegar a Os Cantóns. Seguindo as rúas Sánchez Bregua e Linares Rivas alcánzase a praza de Catro Camiños, e polas rúas Fernández Latorre e Pérez Arda chégase ao barrio de Eirís. Pásase do municipio coruñés ao de Culleredo polo lugar de O Portazgo, seguindo despois polo paseo marítimo do Burgo onde se pode ver a igrexa románica de Santiago e os muíños do s. XII de Acea de Ama. O camiño continúa por Alvedro, atravesa a ponte medieval da Xira sobre o río Valiñas e entra no municipio de Cambre, pola parroquia de Sigrás coa súa igrexa románica, para seguir cara a Sobrecarreira e entrar no municipio de Carral polo lugar de San Martín de Tabeaio e atravesar as localidades de Corpo Santo, Belvís, Sergude e Cañás. Un novo cambio de municipio introduce a ruta en Abegondo a través dos núcleos de San Xoán de Sarandóns (Aquelabanda). 

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Perfil

Costa da Egoa
Carral / Etapa 1

Costa da EgoaEsta casa de aldea está situada nunha contorna rodeada de natureza, á beira do río Abelleira, e era coñecida como a "Casa do Muiñeiro Francisco". A casa dispón de 4 cuartos dobres e 2 individuais, todas con baño, ademais de salón e comedor. O establecemento está asociado ao Eco-Museo Costa da Egoa - Muíños de Batán, podéndose gozar dun percorrido polo río Abelleira con 14 muíños de auga con represas e fervenzas, e unidos entre si na súa maior parte por canaletas de pedra.

Día 2

San Xoán de Sarandóns (Aquelabanda) / A Rúa – Etapa 2 (21.8 km)

Pola localidade de O Rueiro alcánzase o municipio de Carral para pasar por O Peito e As Travesas. Un pequeno tramo separa Mesón do Vento do punto quilométrico 42,702 pertencente ao termo de Mesía onde o itinerario se une coa variante procedente de Ferrol, ata chegar a Bruma. Deixando atrás Bruma cos restos do antigo hospital medieval de peregrinos, a ruta conduce ao municipio de Ordes, pasando por O Seixo, Cabeza de Lobo e cruza a parroquia de Ardemil, para seguir ata os lugares de A Carreira, As Mámoas e a Carballeira. Ao pasar polo lugar de A Rúa, coa igrexa de San Paio de Buscás, déixase atrás o muíño de Trabe e a ponte de O Cubo e séguese cara a Outeiro de Abaixo tomándose un sendeiro arborado que conduce á igrexa de San Xiao de Poulo en Outeiro de Arriba.O camiño segue ata chegar ao pequeno núcleo da Calle.

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Perfil

Antón Veiras
Ordes / Etapa 2

Antón VeirasO establecemento, situado na aldea de O Outeiro, é unha antiga casa de labranza de máis de 250 anos de antigüidade. A estrutura orixinal da edificación principal e do hórreo anexo, restaurados con materiais naturais como a pedra, o barro, o granito e a madeira dan lugar a un conxunto acolledor, expoñente da arquitectural rural galega.

Día 3

A Rúa / Santiago de Compostela – Etapa 3 (29.7 Km)

O camiño pasa por Carballo, atravesando o lugar de Casanova de Pereiro ata chegar á ponte de A Ponte Pereira, de posible orixe medieval. Ao cruzar A Ponte Pereira o camiño introdúcese no bosque para atravesar o lugar de Carrás, zona de prados con numerosos mananciais que provocan en ocasións que a ruta sexa impracticable neste punto. Continúa ata o lugar de Baxoia e chega a Sigüeiro, vila de orixe medieval (s. XII) e actual capital do municipio de Oroso. Xa no núcleo se segue pola Rúa Real para desembocar na ponte medieval sobre o río Tambre. Superada a ponte, o camiño entra no municipio de Santiago discorrendo paralelo ao río ata a igrexa de Barciela e continúa ata a denominada "Fonte do Inglés". Pasa o polígono do Tambre dirección a Meixonfrío, entrando no núcleo urbano de Santiago polo Cruceiro da Coruña, pasa por diante do edificio administrativo da Xunta de Galicia e o monumento ao peregrino de Jose María Acuña, para avanzar polas rúas de A Pastoriza, Basquiños, e Santa Clara, coa monumental fachada barroca do Convento das Clarisas. Séguese pola Rúa Loureiros ata a Porta da Pena para chegar á Praza de San Martiño Pinario. A ruta segue pola Rúa da Troia e enlaza coa Rúa da Acibechería na fachada norte da Catedral de Santiago.

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Perfil

Prezo

A ruta consta de 75 quilómetros que co Bono Iacobus se realiza en 3 días/3 etapas. Ao final de cada etapa, o viaxeiro é recollido a pé de camiño e conducido en automóbil a un próximo aloxamento rural, no que fará noite tras unha merecida cea caseira elaborada con produtos da zona.

Pola mañá, tras un completo almorzo, achegarase ao camiñante de novo en coche ao inicio da súa seguinte etapa.

Servizos opcionais:

  • Pícnic para a etapa de cada día.
  • Traslado da equipaxe en taxi.

Prezo con cea e almorzo incluídos:

  • 1 Persoa (cuarto individual) 195 € (IVE incluído)
  • 2 Persoas (cuarto dobre) 280 € (IVE incluído)

Bono Iacobus pode ser contratado durante todo o ano, exceptuando o mes de agosto e a Semana Santa, de forma individual, en parella ou en grupos.
Para obter toda a información adicional que necesites sobre o Bono Iacobus podes chamar ao teléfono 902 190 160 / +34 981 568 521 (*) ou enviar un correo electrónico a info@galiciaincoming.com
(*) A comercialización realízase a través de axencias de viaxes legalmente autorizadas.

Como chegar a A Coruña

  • Opción A: Traslado Santiago – A Coruña en autobús con frecuencia diaria e diferentes horarios.
    • Compañía de autobuses: MONBUS – Tel.: +34 902 292 900 -Web: www.monbus.es
    • Compañía de autobuses: ALSA - Tel.: +34 902 422 242 - Web: www.alsa.es
    • Estación de Autobuses de A Coruña: C/ Caballeros, s/n – Tel: +34 981 184 335
  • Opción B: Traslado Santiago – A Coruña en tren con frecuencia diaria e diferentes horarios.
    • Compañía de ferrocarril: RENFE - Tel: +34 902 240 202 - Web. www.renfe.es
    • Estación de ferrocarril de A Coruña: Avenida Joaquín Planells Riera, s/n. Tel: +34 902 432 343 - Web: www.adif.es

A información sobre días operativos, horarios e duración dos traxectos é ORIENTATIVA e debe ser reconfirmada coa compañía prestataria do servizo.

Arriba