Bono Iacobus

O denominado Camiño Inglés é unha das rutas marítimas xacobeas que se utilizaba na Europa medieval para alcanzar Compostela. Peregrinos procedentes dos países escandinavos, os Países Baixos, o norte de Francia e principalmente de Inglaterra, Irlanda e Escocia chegaban por barco ao norte de España entrando en Galicia polos portos de Ribadeo, Viveiro, Ferrol ou A Coruña. Estes dous últimos portos, situados nun amplo golfo que os romanos denominaron Portus Magnum Artabrorum, consolidáronse tradicionalmente como os puntos de partida das dúas alternativas do Camiño Inglés. Os navegantes chegaban a porto guiados polo feixe de luz da Torre de Hércules, faro romano declarado Patrimonio da Humanidade no ano 2009.

Unha vez en terra, ambas as dúas alternativas conflúen na parroquia de Bruma, pertencente ao municipio de Mesía, e chegan a Compostela despois de cruzar terras de Cambre, Carral, Mesón do Vento, Ordes e Oroso entre outras.

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Téñense noticias documentais de peregrinacións dende os países nórdicos ou as illas británicas a partir do s. XII. Así, no ano 1147 desembarcou no porto de A Coruña unha escuadra de Cruzados que, no seu camiño a Terra Santa e antes de tomar parte na conquista de Lisboa en apoio ao primeiro rei de Portugal na súa loita contra os árabes, fixeron escala en Santiago para visitar o sepulcro do Apóstolo. 

Entre os anos 1154 e 1159 un monxe islandés chamado Nicolás Bergsson deixa constancia escrita do primeiro itinerario marítimo dende Islandia ata o canal de Kiel, na fronteira entre Dinamarca e Alemaña, e desde aquí a pé ata Roma, camiño de Xerusalén. A partir de entón esta será a ruta maioritariamente seguida polos peregrinos procedentes dos países nórdicos no seu camiño a Santiago.

Posteriormente, durante a Guerra dos Cen Anos (ss. XIV - XV) foron os británicos os que utilizaron as súas naves para chegar a Santiago; da súa presenza dan testemuño as moedas e pezas de cerámica atopadas durante unhas escavacións realizadas na catedral.

Outro feito que evidencia a importancia da peregrinación británica é a doazón de ofrendas tan importantes como un retablo portátil de alabastro, no que se recrean cinco escenas da vida do Apóstolo Santiago, que foi cedido á catedral polo clérigo John Goodyear no ano 1456.

A orixe dos peregrinos que realizaban está ruta certifícase tamén a través dos rexistros de defuncións que se recollían nos arquivos das capelas e cemiterios dos mosteiros e hospitais do camiño, entre os que destacan os pertencentes á Orde Hospitalaria do Sancti Spiritus, sumándose a partir do s. XIV a Orde Franciscana.

 

Día 1

Ferrol / Cabanas – Etapa 1 (27,6 km)

O camiño comeza nos peiraos de Curuxeiras no porto de Ferrol. Deixando atrás o Paseo da Mariña a ruta leva á Igrexa de San Francisco, ao Arsenal e á Concatedral de San Xiao, atravesa a Rúa Real, a Praza de Amboaxe, a Praza de Armas e a Casa Consistorial. Abandonase Ferrol polos barrios de Recemil e Caranza para seguir en paralelo á ría ata alcanzar o mosteiro de San Martiño de Xubia. Dende aquí, pasando polo muíño de mareas das Aceas de Lembeie, crúzase a ponte sobre o río Xubia para chegar a Neda, onde atravesamos a Rúa Real coas súas casas con soportais. Seguimos polo Regueiro, O Puntal de Arriba e Conces para alcanzar Fene. Rodeando o polígono de Vilar do Colo, éntrase en Cabanas para chegar á praia da Magdalena.

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Perfil Ferrol Cabanas

Casa Pousadoira
Miño / Etapa 1

Casa PousadoiraA casa abriu en 1995, intentando recuperar unha antiga casa de labradores xunto coas súas terras. A horta está dende entón inscrita no Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia. Tamén poderá saborear ovos caseiros e conservas de etaboración propia. Casa Pousadoira é unha aposta pola vida e o traballo no medio rural, tendo como base o respecto polo medio e o contorno natural e humano.

Día 2

Cabanas / Betanzos – Etapa 2 (21,9 km)

Seguindo o paseo marítimo atravesase a ponte do s. XIV que da nome a Pontedeume, onde destaca a Torre da Homenaxe do castelo dos Andrade. Atravésanse os lugares de O Barro, A Xesta e Bañobre. Éntrase en Miño tras cruzar a ponte medieval sobre o río Baxoi. O seguinte punto é a Ponte do Porco, no estuario do río Lambre, e dende aquí chégase á igrexa de San Pantaleón das Viñas. Despois o camiño intérnase en Paderne, pasando por Souto, Gas e A Rúa para seguir ata a igrexa románica de San Martiño de Tiobre e despois ao santuario de Nosa Señora do Camiño, máis coñecido como Os Remedios, atravesa o río Mandeo e entra en Betanzos polo Arco da Ponte Vella ata chegar á Praza dos Irmáns García Naveira.

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Perfil Cabanas Betanzos

Casa de Sixto
Paderne / Etapa 2

Casa de SixtoCunha antigüidade superior a 150 anos durante os que pertenceu sempre á mesma familia, foi rehabilitada respectando a súa orixe tanto nos materiais empregados coma na súa estrutura e o seu ambiente. Neste aloxamento poderán gozar da cociña clásica galega elaborada con produtos da nosa terra.

Día 3

Betanzos / Vilacova – Etapa 3 (17,6 km)

O camiñante deixa Betanzos pola Rúa do Rolo e cruza a ponte vella das Cascas. O itinerario continúa polos lugares do Couto, Campodeira e Xanrozo e intérnase no municipio de Abegondo, deixando atrás a ponte de Limiñón e pasando por diante da igrexa de Santo Estevo de Cos. A ruta avanza pola aldea de Meangos e, tras cruzar a ponte de Presedo, séguese en dirección a Francos, Boucello e Vilardel pasando pola abandonada ermida de San Paio ata alcanzar  a igrexa de San Tomé de Vilacova.

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Perfil Betanzos Vilacova

Rectoral de Cines
Oza dos Ríos / Etapa 3

Rectoral de CinesEste establecemento ocupa un antigo convento, fundado no ano 911, que foi rehabilitado recentemente con todos os elementos adaptados ás comodidades actuais. Instalacións como o salón social, a biblioteca, a cheminea, o restaurante con menú e servizo á carta, a dispoñibilidade de hifi e wifi...forman parte do trato personalizado que ofrece. O conxunto de casa e igrexa foi declarado de interese cultural en 1986.

Día 4

Vilacova / A Calle – Etapa 4 (21,7 km)

Pasando o núcleo de Monte, a ruta discorre por zona de bosque que conduce ata Fontela, Vizoño e A Malata. A partir deste punto, o itinerario intérnase no monte ata chegar ao punto quilómetrico 42,702, onde se une coa variante que parte de A Coruña, ata chegar a Bruma.  Dende aquí o itinerario diríxenos ao municipio de Ordes, pasando por O Seixo, Cabeza de Lobo e cruza a parroquia de Ardemil, para seguir ata os lugares da Carreira, As Mámoas e A Carballeira. Ao pasar polo lugar de A Rúa déixase atrás o muíño de Trabe e a ponte do Cubo e séguese cara a Outeiro de Abaixo tomándose un sendeiro arborado que conduce á igrexa de San Xiao de Poulo en Outeiro de Arriba. O camiño segue ata chegar ao pequeno núcleo de A Calle.

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Perfil Vilacova A Calle

Antón Veiras
Ordes / Etapa 4

Antón VeirasO establecemento, situado na aldea de O Outeiro, é unha antiga casa de labranza de máis de 250 anos de antigüidade. A estrutura orixinal da edificación principal e do hórreo anexo dan lugar a un conxunto acolledor,expoñente da arquitectura rural galega.

Día 5

A Calle / Santiago de Compostela – Etapa 5 (29,7 km)

O camiño pasa por Carballo, atravesando o lugar de Casanova de Pereiro ata chegar á ponte de  A Ponte Pereira. Ao cruzar, o camiño introdúcese no bosque para atravesar o lugar de Carrás. Continúa ata o lugar de Baxoia e chega a Sigüeiro. Xa no núceo se segue pola Rúa Real para desembocar na ponte medieval sobre o río Tambre.
Superada a ponte, o camiño entra no municipio de Santiago discorrendo paralelo ao río ata a igrexa de Barciela e continúa ata a denominada "Fonte do Inglés". Pasa o polígono do Tambre dirección a Meixonfrío, entrando no núcleo urbano de Santiago polo Cruceiro da Coruña, pasa por diante do edificio administrativo da Xunta de Galicia e o monumento ao peregrino de Jose María Acuña, para avanzar polas rúas de A Pastoriza, Basquiños, e Santa Clara. Séguese pola Rúa Loureiros ata a Porta da Pena para chegar á Praza de San Martiño Pinario. A ruta segue pola Rúa da Troia e enlaza coa Rúa da Acibechería na fachada norte da Catedral de Santiago.
 

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Perfil A Calle Santiago de Compostela

Prezo

A ruta consta de 118 quilómetros que co Bono Iacobus se realiza en 5 días/5 etapas. Ao final de cada etapa, o viaxeiro é recollido a pé de camiño e conducido en automóbil a un próximo aloxamento rural, no que fará noite tras unha merecida cea caseira elaborada con produtos da zona.

Pola mañá, tras un completo almorzo, achegarase ao camiñante de novo en coche ao inicio da súa seguinte etapa.

Servizos opcionais:

  • Pícnic para a etapa de cada día.
  • Traslado da equipaxe en taxi.

Prezo con cea e almorzo incluídos:

  • 1 Persoa (cuarto individual) 410 € (IVE incluído)
  • 2 Persoas (cuarto dobre) 650 € (IVE incluído)

Bono Iacobus pode ser contratado durante todo o ano, exceptuando o mes de agosto e a Semana Santa, de forma individual, en parella ou en grupos.
Para obter toda a información adicional que necesites sobre o Bono Iacobus podes chamar ao teléfono 902 190 160 / +34 981 568 521 (*) ou enviar un correo electrónico a info@galiciaincoming.com
(*) A comercialización realízase a través de axencias de viaxes legalmente autorizadas.

Como chegar a Ferrol

  • Traslado Santiago – Ferrol en autobús con frecuencia diaria e diferentes horarios.
    • Compañía de autobuses: MONBUS – Tel.: +34 902 292 900 -Web: www.monbus.es
    • Estación de Autobuses de Ferrol: Paseo de la Estación, s/n – Tel: +34 981 324 751
  • Traslado Santiago –  Ferrol en tren con transbordo en A Coruña, con frecuencia diaria e diferentes horarios.
    • Compañía de ferrocarril: RENFE - Tel: +34 902 240 202 - Web. www.renfe.es
    • Estación de ferrocarril de Ferrol: Paseo da Estación, s/n. Tel: +34 902 432 343 – Web: www.adif.es
       

* A información sobre días operativos, horarios e duración dos traxectos é ORIENTATIVA e debe ser reconfirmada coa compañía prestataria do servizo.

Xunta de Galicia

© 2016 Turismo de Galicia | Todos os dereitos reservados
Política de privacidade | Contacto | Accesibilidade

Galicia
Arriba