Bono IacobusA peregrinación a Santiago de Compostela tivo en terras lusitanas unha importante proxección, participando o pobo portugués activamente no desenvolvemento do culto xacobeo.

Xa dende o século XII os peregrinos partían dende núcleos de poboación do país veciño tan importantes coma Lisboa, Coimbra, Porto ou Braga. A motivación fundamental desta peregrinación foi relixiosa, pero este fluxo secular de persoas que poboaron os camiños de Santiago tamén contribuíu a establecer entre Portugal e Galicia profundos lazos de intercambio cultural, económico e de pensamento.

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

 

Día 1

Tui - Inicio

A Torre do Xudeu
Tui / Inicio

A Torre do Xudeu O hoteliño con encanto A Torre do Xudeu, está situado nunha magnifica casa señorial , que conta con máis de tres séculos de historia . Emprazada en pleno casco histórico da cidade de Tui, polo cal discorre o popular Camiño de Santiago, é un lugar ideal para o descanso e goce dos seus clientes.

Día 2

Tui / Redondela - Etapa 1 (31.2 km)

Na saída da cidade atopamos a igrexa románica de San Salvador de Rebordáns (s. XI). Seguindo en dirección ao Porriño contemplaremos a capela da Virxe do Camiño. Descéndese cara ao río San Simón, onde encontramos a Ponte das Febres. Chegamos ao lugar da Madalena e continuamos cara a Ribadelouro. Deixamos ao poñente Gándaras de Budiño. Cruzamos O Porriño pola súa zona histórica e camiñamos cara a Mos. Alí emprendemos a subida pola Rúa dos Cabaleiros, onde ao final vemos un valioso cruceiro do s. XVIII. Seguindo o camiño, pasamos diante do miliario romano de Vilar de Infesta e atravesamos a meseta de Chan das Pipas. Seguimos a vía romana e o trazado volve outra vez á N-550, internándose en Redondela á altura do convento de Vilavella.

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Perfil

Pazo Torres de Agrelo
Redondela / Etapa 1

Pazo Torres de Agrelo Torres de Agrelo é un nobre conxunto de arquitectura histórica cuxa orixe se remonta a 1750. Situado nun enclave con vistas á ría de Vigo e á illa de San Simón, este pazo atópase nun xardín de oitenta mil metros cadrados con multitude de zonas paisaxísticas e especies arbóreas únicas en Galicia. Foi convento de franciscanos, hospital militar na I Guerra Mundial e refuxio durante a Guerra Civil (aínda se conservan vestixios dos túneles subterráneos que conectaban as construcións entre si).

Día 3

Redondela / Pontevedra (Ponte do Burgo) - Etapa 2 (20.4 km)

Logo de pasar a ponte do ferrocarril o camiño intérnase nun bosque. Descende polo lugar de Setefontes para atravesar Arcade, localidade famosa polas súas ostras, e segue pola Ponte de San Paio, sobre o río Verdugo. A ruta percorre a vila de Ponte Sampaio, subindo por estreitas canellas.

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

De seguido entramos na Canicouva, avanzamos deixando a un lado o cruceiro de Cacheiro e os restos dunha antiga casa de postas. Percórrense varias aldeas ata entrar en Pontevedra pola avenida Conde de Bugallal. Unha vez na cidade pódese visitar o santuario da Virxe Peregrina, punto de referencia para as devocións dos peregrinos. A etapa darase por rematada atravesando o río Lérez pola Ponte do Burgo.

Perfil

Casal de Folgueiras
Meis / Etapa 2

Casal de Folgueiras Casal de Folgueiras pertence á familia dende 1680 e ofrécelle ao viaxeiro a tranquilidade e o relax dunhas instalacións que contan con xardín, horta e un bosque propio. Situada no centro das Rías Baixas, esta casa, que practicamente non mudou dende a súa construción no século XVIII, ofrécelle ao viaxeiro as comodidades hoxe demandadas nun hábitat enteiramente rural.

Día 4

Pontevedra (Ponte do Burgo) / Caldas de Reis - Etapa 3 (20.7 km)

O camiño abandona Pontevedra pola rúa da Santiña. A vía do ferrocarril discorre paralela ao camiño ata o lugar de Pontecabras, proseguindo cara ao norte ata alcanzar a igrexa reitoral de Santa María de Alba. Pasada a capela de San Caetano, agardan os mestos bosques de Reiriz e Lombo da Maceira. Dende San Mauro a ruta encara a aldea de Ponte Balbón, adornada con dous interesantes cruceiros, un deles á beira da casa de Amonisa. No fuste do outro, Santiago Peregrino indica o camiño a seguir. De Ponte Balbón á capela de Santa Lucía, en Amenal. Tibo, con fonte, cruceiro e lavadoiro, dá paso a Caldas de Reis.

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Perfil

Torre do Río
Caldas de Reis / Etapa 3

Torre do Río Torre do Río nace a partir das ruínas dun complexo téxtil que data do século XVIII. Situada sobre o río Umia nun enclave declarado de interese paisaxístico dada a súa extraordinaria beleza, esta casa atópase a pouco máis dun quilómetro do centro da vila termal de Caldas de Reis.

Día 5

Caldas de Reis / Padrón - Etapa 4 (18.6 km)

Abandónase Caldas de Reis e éntrase en val do río Bermaña, rodeado por bosques centenarios. Ao carón, a igrexa románica de Santa María de Bemil. Iníciase un leve ascenso para chegar ao conxunto de Santa Mariña de Carracedo, composto por igrexa, casa reitoral e hórreo. Continúamos polos lugares de Casal de Irixo e O Pino e entramos en bosques a través do monte Albor. Á altura de Muíño de Solleiro vírase ata San Miguel de Valga. Chégase ao lugar de Infesta, en Pontecesures. Pola rúa dos Coengos pasamos a igrexa de San Xulián de Requeixo, dirixíndonos á Ponte de Cesures, obra de orixe romana. Tras cruzar a ponte a ruta continúa ata Padrón, seguindo un trazado paralelo á N-550.

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Perfil

A Casa da Meixida // Casa de Marcelo (segundo dispoñibilidade)
Padrón / Etapa 4

Casa da Meixida A Casa da Meixida é un hotel rústico que no seu día foi unha antiga casa de labranza do século XIX e que foi totalmente reconstruída e restaurada, conservando intacta a súa estrutura orixinal. Mantén o sabor dunha edificación rústica, coa solidez dos seus muros e o agarimo que lle proporcionan os materiais nobres, coma a madeira e a pedra.

Casa MarceloCasa Marcelo, casa de labranza que data de 1898 e que foi restaurada e acondicionada en 1993, conservando a arquitectura que caracteriza este tipo de casas. Encóntrase no tranquilo e pintoresco val do río Ulla, famoso pola pesca da lamprea, e á beira de Herbón, mundialmente coñecido polo cultivo dos pementos de Padrón.

Día 6

Padrón / Santiago de Compostela - Etapa 5 (23.9 km)

O camiñante deixa atrás a zona histórica de Padrón para dirixirse a Iria Flavia, e de alí ao santuario da Escravitude. Inmediatamente aparece a Igrexa de Santa María de Cruces, logo dun tramo de bosques e de cruzar a vía de ferrocarril na pintoresca aldea de Angueira de Suso. Séguese cara á rúa de Francos, cun fermoso cruceiro gótico. Un desvío conduce ás ruínas de Castro Lupario, nome que recorda os dominios da Raíña Lupa. Percórrense unha serie de núcleos urbanos cada vez máis poboados. Atravésase Milladoiro en dirección a Agro dos Monteiros. O vello camiño medieval deixa a un lado as ruínas do castelo arcebispal de Rocha Vella. Chégase ao barrio de Choupana, preto da capela de Santa Marta. Entramos na zona histórica de Compostela pola Porta Faxeira, unha das sete portas que permitían o paso a través das murallas da cidade, hoxe desaparecidas, e finalmente penetramos na Catedral pola portada románica de Praterías.

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Perfil

Prezo

A ruta consta de 115 quilómetros que co Bono Iacobus se realiza en 6 días / 5 etapas. Ao final de cada etapa, o viaxeiro é recollido a pé de camiño e conducido en automóbil a un próximo aloxamento rural, no que fará noite tras unha merecida cea caseira elaborada con produtos da zona.

Pola mañá, tras un completo almorzo, achegarase ao camiñante de novo en coche ao inicio da súa seguinte etapa.

Servizos opcionais:

  • Pícnic para a etapa de cada día.
  • Traslado da equipaxe en taxi.

Prezo con cea e almorzo incluídos:

  • 1 Persoa (cuarto individual) 495 € (IVE incluído)
  • 2 Persoas (cuarto dobre) 740 € (IVE incluído)

O Bono Iacobus pode ser contratado durante todo o ano, exceptuando o mes de agosto e a Semana Santa, de forma individual, en parella ou en grupos.
Para obter toda a información adicional que necesites sobre o Bono Iacobus podes chamar ao teléfono 902 190 160 / +34 981 568 521 (*) ou enviar un correo electrónico a info@galiciaincoming.com

(*) A comercialización realízase a través de axencias de viaxes legalmente autorizadas.

Como chegar a Tui

  • Opción A: Traslado Santiago – Pontevedra e Pontevedra - Tui en autobús cunha frecuencia de luns a venres. Horario Santiago – Pontevedra: Saídas frecuentes aproximadamente cada hora. Horario Pontevedra – Tui: De luns a venres: 09:00 - 12:00 - 19:00 h.
    • Compañía de autobuses: MONBUS – Tel.: +34 902 292 900 - Web: www.monbus.es
    • Estación de autobuses de Santiago: C/ San Caetano, s/n – Tel: +34 981 542 416 - Web: www.tussa.org
    • Estación de autobuses de Pontevedra: Avenida da Estación, s/n - Tel.: +34 986 852 408 – Web: www.autobusespontevedra.com
  • Opción B: Traslado Santiago – Vigo e Vigo – Tui en tren con frecuencia diaria e diferentes horarios.Horario Santiago – Vigo: Saídas de luns a domingo. Duración aproximada dunha hora e media.Horario Vigo – Tui: De luns a domingo: 7:50 – 19:37 h. Duración aproximada de 45 minutos.
    • Compañía de ferrocarril: RENFE - Tel: +34 902 240 202 - Web: www.renfe.es
    • Estación de ferrocarril de Santiago: C/ Horreo - Tel: +34 981 591 859 - Web: www.adif.es
    • Estación de ferrocarril de Vigo: Plaza da Estación, s/n - Tel: +34 986 269 403 - Web: www.adif.es

A información sobre días operativos, horarios e duración dos traxectos é ORIENTATIVA e debe ser reconfirmada coa compañía prestataria do servizo.

 

Xunta de Galicia

© 2016 Turismo de Galicia | Todos os dereitos reservados
Política de privacidade | Contacto | Accesibilidade

Galicia
Arriba