Bono IacobusO Camiño Primitivo debe o seu nome a ser o primeiro itinerario xacobeo do cal se ten referencia.

Un dos primeiros devotos en seguir esta ruta foi o rei Afonso II o Casto que, gobernando o Reino Astur, realizou o camiño dende Oviedo ata Santiago de Compostela no primeiro terzo do s. IX, para visitar a tumba do Apóstolo descuberta poucos anos antes. A achega do monarca resultou chave para consolidar a peregrinación a Compostela ao confirmar que os restos aparecidos pertencían a Santiago o Maior. Por orde do rei construíuse unha pequena igrexa no lugar do achado, e a noticia propagouse entre a comunidade de crentes, iniciándose as peregrinacións e a organización do culto apostólico na nacente urbe.

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Historicamente o punto de orixe do Camiño Primitivo encóntrase na cidade de Oviedo, sumándose á ruta ovetense peregrinos procedentes do norte de España e de Europa. No s. X, coa consolidación do Camiño Francés dende León, confluirán os dous itinerarios no municipio de Melide.

O traxecto dende Oviedo ata Lugo, entrando en Galicia a través do alto do Acebo, é un percorrido de alta montaña. Gran parte deste itinerario sitúase por enriba dos oitocentos metros de altitude, con continuas subidas e baixadas. Estas características orográficas, así como as condicións climáticas con frecuentes nevaradas e fortes ventos convérteno nun camiño de especial dificultade. As esixencias do camiño motivaron a proliferación de hospitais para peregrinos ao longo do mesmo.

A dureza da ruta vese compensada pola beleza da paisaxe e a variedade do contorno. A maior parte do itinerario transcorre en plena natureza atravesando bosques, montañas, ríos, regueiros, vales, campos de cultivo ou pequenas aldeas, pero tamén ofrece a posibilidade de pasear por urbes históricas como Lugo, a cidade máis antiga de Galicia con máis de dous mil anos de historia, onde é indispensable unha visita á súa catedral románica revestida de barroco e neoclásico, así como un paseo pola muralla romana que rodea o núcleo histórico e que foi declarada Patrimonio da Humanidade no ano 2000.

Día 1

A Fonsagrada / O Cádavo – Etapa 1 (26 km)

O itinerario comeza na capital municipal de A Fonsagrada. Na súa zona urbana encontrase a “fons sacrata” cuxa orixe se relaciona cun milagre do apóstolo Santiago que, despois de ser atendido hospitalariamente por unha viúva, converteu para ela a auga desta fonte en leite fresco para os seus fillos. A tradición xacobea desta poboación é extensa, existindo documentación do paso de peregrinos que se remonta a finais do s. XII. Saíndo de A Fonsagrada divísase San Xoán de Padrón coa súa igrexa dieciochesca, alcanzándose pronto o lugar de Montouto onde se sitúan as ruínas do que quizais foi o último dos hospitais dos Camiños de Galicia que continuou aberto ata ben entrado o s.XX, conservándose nas súas inmediacións un fermoso dolmen. Abandonado Montouto continúase ata Paradavella onde se conservan numerosas pallozas e edificios singulares que reflicten a evolución da construción tradicional desta zona de montaña. A ruta descenderá despois ata a aldea de A Degolada e ascende de novo alcanzando o alto de A Fontaneira, e de aí a O Cádavo.

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Longarela Casa Rural
Castroverde / Etapa 1

LongarelaO seu nome procede da contracción das palabras galegas longa e arela, cun significado semellante a "profundo desexo". Trátase dunha antiga casa de labranza, no seu tempo rica e importante, con referencias documentais que se remontan ao s. XVII. A actual configuración arquitectónica, composta por catro edificacións rehabilitadas ao xeito tradicional, data de finais do s. XIX e sitúase nun terreo de 70.000 m2 de pradaría poboada de árbores autóctonas como carballos, castiñeiros, acivros bidueiros ou freixos.

Día 2

O Cádavo / Lugo – Etapa 2 (31 km)

Iniciase o camino salientando nas inmediacións da ruta a aldea abandonada de Soutomerille onde se conserva en bo estado a igrexa de orixe prerrománico, reformada por última vez a principios do s. XVII. Deixando atrás Soutomerille entre campos de cultivo e pequenas aldeas, o camiño achégase a Lugo, pasando polas localidades de Carballido, Fazai e Santiago de Castelo. O Camiño Primitivo entra na antiga Lucus Augusti pola Porta de San Pedro, dirixíndose por un trazado xa urbano cara á Catedral de Santa María, románica revestida de barroco e neoclásico. Destacan o deambulatorio e as capelas radiais de estilo gótico, o retablo maior renacentista, así como o claustro e a capela da Virxe dos Ollos Grandes, obras de Fernando de Casas, autor tamén da fachada do Obradoiro. Destaca tamén a muralla romana (ss. III-IV) con 2.140 m de perímetro, 10 portas e 46 torres defensivas, que se declarou Patrimonio da Humanidade no ano 2000. Outros monumentos significativos da cidade son: o convento de Santo Domingo, o Pazo Episcopal, o edificio do Concello ou a fonte da Praza do Campo, ou a igrexa conventual de San Francisco, situándose no seu convento a sede do Museo Provincial. Resulta tamén suxestivo o paseo a beiras do río Miño ou a visita ao balneario da cidade con orixe nunhas termas romanas das que aínda se conserva unha parte.

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Pazo de Orbán e Sangro
Lugo / Etapa 2

Pazo de Orbán e SagroA construción da Casa dos Sangro iníciase en 1730, a partir dun encargo realizado ao arquitecto compostelán Lucas Ferro Caaveiro, sufrindo certas modificacións en 1769, como a incorporación do escudo dos Quiroga que preside a súa fachada. A edificación situada en pleno centro histórico de Lugo foi reformada e inaugurada como hotel en marzo de 2008. Do seu interior cabe destacar a escalinata, pétrea no primeiro piso e de madeira nos dous seguintes, a decoración propia de cada un dos seus espazosos cuartos e baños, e a profusión de detalles únicos como cadros, lámpadas, radiadores, tallas de madeira, etc que decoran as estanzas comúns; todo iso acorde ao esplendor dunha casa señorial do s. XVIII.

Día 3

Lugo / Ferreira – Etapa 3 (27.2 Km)

Pártese de Lugo pola Porta Miñá ou Porta do Carme - a máis antiga da muralla - atravesando unha ponte de orixe románica ata alcanzar o barrio de San Lázaro. Pásase pola pequena localidade de San Vicente do Burgo cunha interesante igrexa barroca. A 3 km. do camiño pódese visitar o templo paleocristián de Santalla de Bóveda declarado Monumento Nacional e que conserva un dos conxuntos de pintura mural altomedieval máis interesantes da Península Ibérica. Regresando á ruta pásase polo lugar de Bacurín, con igrexa románica do s. XII dedicada a San Miguel, e posteriormente pola aldea do Francés para entrar no municipio de Guntín atravesando a parroquia de San Romao da Retorta. Máis adiante alcánzase a igrexa románica de Santa Cruz da Retorta cun crismón dos chamados "trinitarios" característicos das zonas de influencia do Camiño de Santiago. Séguese o camiño por Seixalbos e Xende ata chegar a Ferreira.

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Perfil

Casa da Ponte
Palas de Rei / Etapa 3

Casa da PonteEsta antiga casa de labranza situada na bisbarra da Ulloa foi construída entre os anos 1840 e 1841, sendo restaurada no ano 1993, para dedicarse a turismo rural a partir de 1995. Consta de dúas plantas, con 130 m2 de superficie cada unha delas. Na planta baixa encóntranse os espazos comúns (cociña, comedor, sala de estar e adega), mentres que na planta superior se distribúen os 5 cuartos e os baños da casa. Está encravada nun terreo de 3000 m2 onde se conservan outras edificacións como o palleiro, o forno e o hórreo. O terreo linda co río Ferreira e a ponte romana por onde discorre o Camiño Primitivo.

Día 4

Ferreira / A Castañeda – Etapa 4 (28.2 km)

Ao deixar Ferreira encontrámonos con Leboreira, Augas Santas e Merlán, entrando na provincia da Coruña polo concello de Toques despois de cruzar a serra de Careón e as poboacións de Vilouriz e Vilamor. A ruta chega así a Melide, núcleo de intensa identidade histórica xacobea, coincidindo a partir deste punto co traxecto do Camiño Francés. Destacan nesta vila a igrexa de Sancti Spiritus, onde se encontran sepulcros señoriais do s. XV, e o templo románico de Santa María de Melide. Ao lado da capela de San Roque levántase un cruceiro gótico do s. XIV, considerado como un dos máis antigos de Galicia. Deixando atrás Melide, o itinerario transcorre por Boente, onde destaca a igrexa de Santiago, ata chegar a A Castañeda onde se situaron os fornos de cal que se empregou para a construción da Catedral de Santiago.

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Perfil

Casa Milia I e II
Arzúa / Etapa 4

Casa MiliaCASA MILIA I levántase sobre unha antiga casa de labranza recentemente rehabilitada con materiais como pedra e madeira. A primeira construción en cachotaría data de 1940, sendo reformada no ano 1993 e conservándose en perfectas condicións na actualidade. Dispón dunha superficie útil de 130 m² distribuídos en catro cuartos con baño e un salón social, ademais dun amplo xardín que rodea a casa.

CASA MILIA II é unha acolledora pensión rural situada ao lado da casa de labranza de igual nome. Foi construída no ano 2001 con fachada de pedra e estilo rústico. Dispón de 4 cuartos dobres con baño, comedor e restaurante onde se pode degustar a cociña galega tradicional.

 

Día 5

A Castañeda / O Empalme – Etapa 5 (21.3 km)

Cruzando unha ponte medieval atravesamos o río Iso, chegando ao hospital de Ribadiso convertido actualmente en albergue de peregrinos. Seguindo a ruta entramos en Arzúa onde se encontran numerosos vestixios xacobeos como a Igrexa de Santiago ou a capela gótica da Madalena. Ademais a bisbarra é coñecida pola elaboración do queixo de denominación de orixe Arzúa-Ulloa. Abandónase a localidade e séguese camiño atravesando as aldeas de A Calzada, A Calle e Ferreiros, A Salceda e A Brea para finalizar a etapa no Empalme.

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Perfil

A Pena de Augasantas
Touro / Etapa 5

Casa da PenaA casa foi adquirida a mediados do s. XVII por un galego emigrado a Cuba. Coñecida como a "Casa da Pena" foi usada como estanza de veraneo, pasando a ser residencia habitual a finais do s. XVIII. A edificación, tipicamente galega, de planta rectangular con distintos niveis, sustentada por robustos muros e vigas de castaño, foi restaurada en 2001 conservando ao máximo a súa morfoloxía e elementos orixinais. Está rodeada por un terreo con árbores propias da zona, algúns deles centenarios, bordeado por muros e peches típicos da época.

Día 6

O Empalme / Santiago de Compostela – Etapa 6 (23.2 km)

Iníciase o percorrido pasando polas aldeas de Santa Irene, coa súa singular capela e fonte, e A Rúa para chegar a Pedrouzo (Arca), capital do municipio de O Pino. Abandonando O Pino éntrase no municipio de Santiago, pasando polas inmediacións do aeroporto. Ao chegar a A Lavacolla os peregrinos tradicionalmente lavábanse no regato do lugar, para ascender despois ao Monte do Gozo e poder divisar por primeira vez na distancia as torres da Catedral. No descenso iníciase un tramo urbano que se interna na cidade polo barrio de San Lázaro, despois o camiñante alcanza o antigo barrio de Os Concheiros onde se situaban os postos que vendían as cunchas de vieira aos peregrinos recén chegados. Baixando pola rúa de San Pedro desembócase na Porta do Camiño, seguindo pola Rúa das Casas Reais, a Praza de Cervantes e a Rúa da Acibechería para alcanzar a meta final entrando na Catedral de Santiago.

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Perfil

Prezo

A ruta consta de 156 quilómetros que co Bono Iacobus se realiza en 6 días / 6 etapas. Ao final de cada etapa, o viaxeiro é recollido a pé de camiño e conducido en automóbil a un próximo aloxamento rural, no que fará noite tras unha merecida cea caseira elaborada con produtos da zona.

Pola mañá, tras un completo almorzo, achegarase ao camiñante de novo en coche ao inicio da súa seguinte etapa.

Servizos opcionais:

  • Pícnic para a etapa de cada día.
  • Traslado da equipaxe en taxi.

Prezo con cea e almorzo incluídos:

  • 1 Persoa (cuarto individual) 530 € (IVE incluído)
  • 2 Persoas (cuarto dobre) 760 € (IVE incluído)

Bono Iacobus pode ser contratado durante todo o ano, exceptuando o mes de agosto e a Semana Santa, de forma individual, en parella ou en grupos.
Para obter toda a información adicional que necesites sobre o Bono Iacobus  podes chamar ao teléfono 902 190 160 / +34 981 568 521   (*) ou enviar un correo electrónico a info@galiciaincoming.com
(*) A comercialización realízase a través de axencias de viaxes legalmente autorizadas.

Como chegar á Fonsagrada

  • Traslado Santiago – Lugo y Lugo – A Fonsagrada en autobús cunha frecuencia diaria. Horario Santiago – Lugo: Saídas frecuentes operadas por dúas compañías de autobuses cunha duración media de dous horas dependendo da ruta. Horario Lugo - A Fonsagrada: Saídas frecuentes dependendo do día de operación.
    • Compañía de autobuses (Santiago – Lugo): MONBUS – Tel.: +34 902 292 900 -Web: www.monbus.es
    • Compañía de autobuses (Santiago – Lugo): EMPRESA FREIRE – Tel: +34 981 588 111 - Web: www.empresafreire.com
    • Compañía de autobuses (Lugo – A Fonsagrada): HERVEI – Tel: +34 982 222 900 - Web: www.her-vei.com
    • Estación de autobuses de Santiago: C/ San Caetano, s/n – Tel: +34 981 542 416 - Web: www.tussa.org
    • Estación de autobuses Lugo: Plaza Constitución, s/n – Tel: +34 982 223 985

A información sobre días operativos, horarios e duración dos traxectos é ORIENTATIVA e debe ser reconfirmada coa compañía prestataria do servizo.

Arriba