Poderíase dicir que Os Ancares e O Courel conforman a maior reserva verde de Galicia. Lobos, xabarís, raposos, e corzos son algúns dos animais que poderedes encontrar se vos animades a percorrer algunha das súas belas sendas. Mesmo non sería imposible atopar as pegadas dun oso ou dunha pita do monte

Tanto nos Ancares como O Courel hai infinidade de rutas que atravesan vales e montañas, serpeando entre castiñeiros, carballos, teixos, bidueiros e ata aciñeiras!

Para comezar, propoñémosvos que vos internedes en cinco dos seus bosques máis emblemáticos: o insólito Aciñeiral de Cruzul (Becerreá), o Souto de Agüeira (As Nogais), a fermosa Devesa de Rogueira (Folgoso do Courel) e o máxico Bosque de Cabana Vella (Cervantes). Non perdades a oportunidade de visitar as aulas de natureza de Degrada e Moreda para recoller máis información sobre os espazos que percorreredes e dos que, sen dúbida, vos namoraredes.

No mesmo xeodestino Ancares-Courel, pero máis ao norte, encontraredes o sexto bosque que vos propoñemos: a ancestral Fraga da Marronda (Baleira), na que conviven carballos, castaños, acivros, e algunha que outra faia. Non perdades detalle da vosa experiencia nestes Bosques de Galicia!

A casa do oso, o lobo e a pita do monte

Os Ancares

Non é fácil atopar un oso cando paseamos polos Ancares, pero non é imposible. Segundo a Fundación Oso Pardo, este plantígrado regresou no s. XXI a estas montañas lucenses e agora atópase a gusto nos seus bosques Pero nestas terras de montaña tamén hai outros habitantes emblemáticos, coma o lobo e a pita do monte. Nos Ancares atoparemos fermosas paisaxes de montaña e unha natureza xenerosa, pero, ao tempo, agreste e con duros invernos de neve. Nalgúns pobos aínda subxacen construcións prerromanas —as pallozas— que se mantiveron habitadas ata hai poucos anos.

En todos os recunchos dos seus bosques descubriremos a maxia da natureza: a do gran carballo oco que florece cada ano ou a do acivro que salpica de vermello a neve no inverno. Aínda que son moitos os bosques que visten Os Ancares de cores, nesta ocasión propoñémosvos empezar a percorrelos coñecendo un deles: A Cabana Vella.

Ruta do bosque da Cabana Vella
Punto de inicioTipo de rutaKmDuración estimadaDificultade en progresiónDificultade en orientación
Degrada (Cervantes)Circular17,635 h 30 min.MediaMedia-alta
PERFIL: Xente con experiencia, que sabe manexar mapas e orientarse

A ilusión por percorrer Os Ancares a través desta ruta de sendeirismo havos levar a unha pequena aldea chamada Degrada, no municipio de Cervantes. Detrás do emblemático albergue do Club Ancares, atoparedes o Centro de Interpretación da Natureza, un bo punto de partida onde poderedes recoller información sobre a xornada que vos espera.

Desde alí iniciaredes unha ruta con categoría de viaxe: imos á época en que os bosques eran lugares de maxia e misterio, porque o bosque da Cabana Vella nos abre unha fiestra a aqueles tempos. A ruta non está sinalizada, pero non vos preocupedes!, é fácil orientarse, se as condicións meteorolóxicas son favorables. Tomade a pista que ascende suavemente desde a parte de abaixo do aparcadoiro do Club Ancares.

Paga a pena viaxar amodo, cos todos os sentidos prestos a captar as sensacións que nos regala o bosque. Quen sabe: talvez podamos escoitar a voz da pita do monte macho nos seus cantadoiros, tratando de seducir a femia.

Moi pronto atoparedes unha bifurcación e teredes que seguir o voso camiño en dirección ao pico dos Tres Bispos. Nuns 5,5 km desde o punto de inicio alcanzaremos ao claro dos Tres Bispos. Neste punto, a pista termínase para dar lugar a un sendeiro estreito que se introducirá afouto polo espeso bosque que veredes á vosa dereita. Pero, atención aventureiros! porque os máis atrevidos teredes a oportunidade de desviarvos unha horiña da ruta para ascender ao cume do popular Pico dos Tres Bispos. Realizaredes unha travesía máis longa e un chisquiño máis dura, pero seguro que o esforzo pagará a pena, porque poderedes gozar dunhas magnificas vistas desde o alto.

De novo no claro, a senda que teredes que atopar á vosa dereita, sentido de subida, pode ser o punto máis complicado da ruta, xa que tanto se neva coma se vos coincide atoparvos coa exuberante vexetación da primavera, poida que non a vexades ben de todo. Así que atención ao mapa!

Unha vez orientados, a senda segue entre arboredo, desembocando na golada de Vara. Alí deixamos a senda natural para comezar de novo unha pista que tomaredes en dirección dereita segundo o voso sentido de marcha e que, atravesando por fin o máxico bosque da Cabana Vella, vainos a conducir ata o punto de partida.

DOCUMENTOS RELACIONADOS...

A fraga ancestral

Fraga da Marronda

Nas altas terras do concello de Baleira, na provincia de Lugo, atoparás un bosque excepcional onde crecen as faias máis occidentais de Europa. A metamorfose das estacións levaranos dos dourados do outono ao inverno espido, dando paso á primavera que colorea de verde a luz que chega ao interior do bosque.

O ser humano adaptouse a este medio montañoso e boscoso fundíndose con el, e así, seguindo o curso dun sendeiro sinalizado, descubriremos as súas pegadas en forma de pontes, muíños, hórreos e outras construcións. Os nosos pasos levarannos ata o nacemento do río Eo, que se abre camiño cara ao Cantábrico a través das montañas e deste bosque centenario.

A luz e a cor, sempre cambiantes, hannos pedir que o volvamos percorrer e descubrir con novas miradas.

Ruta da Fraga da Marronda
Punto de inicioTipo de rutaKmDuración estimadaDificultade en progresiónDificultade en orientación
Área Recreativa A Cortevella (Baleira)Lineal20 (ida e volta)5 h 30 min.MediaBaixa
PERFIL: Sendeiristas ocasionais

A Fraga da Marronda conta cunha gran fama por ser o berce do río Eo. Conta cun itinerario perfectamente marcado, que na súa primeira metade vos ha introducir nun bosque galería colosal, que se organiza en torno ao río e aos seus afluentes. A nosa proposta de ruta para coñecer a fraga, comeza na área recreativa da Cortevella.

Todas as árbores típicas das Fragas están na Marronda: carballos, bidueiros, castiñeiros, sorbeiras, acivros ou abeleiras. Aquí destacan as colonias de faias, que lle confiren unha notable personalidade a esta paisaxe boscosa.

Dado que pode resultar complicado chegar ata ela, neste caso indicámosvos brevemente como chegar: no Cádavo-Baleira tomamos a estrada que leva a Meira. De camiño atoparedes Fonteo, onde merece a pena deterse a coñecer o nacemento do río Eo, á beira mesma da estrada. Desde Fonteo debedes continuar ata A Muíña, onde atoparedes un desvío á vosa dereita en dirección a Martín, por unha estrada espectacular entre frondosos bosques salpicados de pequenos núcleos de poboación. Ao pasar Martín, atentos ao desvío á dereita, debidamente sinalizado, cara á Cortevella.

Alí atoparedes unha contorna chea de sorpresas, que a ninguén deixará indiferente. E desde alí poderedes coller aire porque por fin iniciades a ruta! Será sinxelo, porque a nosa proposta pertence á ruta homologada PR-G 145, así que habedes atopar múltiples sinais que vos indicarán o traxecto a seguir río arriba. 

No medio do bosque abundan os sinais da presenza humana. Ademais das casas e hórreos abandonados na zona da Cabreira, a 6,8 km da Cortevella, pontes, sequeiros e algún que outro muíño vannos a saír ao paso con certa frecuencia, recordándonos que estes camiños foron feitos por xente que traballaban a fraga como parte da súa forma de vida. Propoñémosvos este punto para dar a volta e regresar ao momento de partida, aínda que se vos sentides animados, con forzas e ganas de continuar descubrindo as belas paisaxes desta zona, sempre vos quedará a opción de completar o PR-G 145.

DOCUMENTOS RELACIONADOS...

O bosque enfeitizado

Cruzul e Agüeira

Na cara leste, as aciñeiras de Cruzul. Na oeste, os soutos, ou bosques de castiñeiros, de Agüeira. Unha viaxe pola historia natural de Galicia.

No corazón da Galicia húmida un aciñeiral é unha rareza. Pero existe. O de Cruzul é diferente. Mecho, denso, no seu interior as árbores non nos deixan ver o bosque. Musgos e liques decoran os seus troncos para que non nos esquezamos de que estamos en Galicia. Nin devesa, nin porco ibérico. Aquí atoparemos mouchos, curuxas, sapos e bruxas. Cruzul é un bosque enfeitizado.

En terras de castiñeiros hai lendas que falan do poder sanador destas grandes árbores. Remedios para a gota ou para o reuma. Para a tristeza. Para a dor de barriga. E para levantar o ánimo, o pole de castiñeiro, vigorizante excelso. Durante moitos anos os soutos serviron para salvar do fame á xente do lugar. E estas paisaxes así nolo contan. Hai sendas e camiños que nos conducen polo bosque para recoller as súas castañas e troncos labrados por anos e anos de podas.

E onde non chega o home xorden castiñeiros altos e rectos que buscan a luz na sombría pendente. Fillos do bosque os máis esveltos, socios dos homes os máis anchos e traballados.

Ruta de Cruzul
Punto de inicioTipo de rutaKmDuración estimadaDificultade en progresiónDificultade en orientación
Morcelle (Becerreá)Lineal2 (ida e volta)1 hBaixaMedia-Baixa
PERFIL: Todos os públicos
Ruta de Agüeira
Punto de inicioTipo de rutaKmDuración estimadaDificultade en progresiónDificultade en orientación
Cormes (Becerreá)Lineal3 (ida e volta)2 hBaixaMedia-Baixa
PERFIL: Todos os públicos

Antes de comezar, deberedes saber que non existen rutas sinalizadas para coñecer estes dous espazos, polo que debedes prestar especial atención ao mapa e ás indicacións. Ademais, nalgúns puntos teredes que decidir ata onde penetrar no bosque, así que vos recomendamos ser moi prudentes e gozar tranquilamente da beleza e singularidade da contorna. Deseñamos estas rutas para acceder aos bosques de modo sinxelo, pero se quedades con ganas de profundar máis, non esquezades que podedes contactar con guías da natureza que vos axudarán a gozar deles sen correr riscos.

Será unha viaxe de ida e volta sinxela e intensa.

Unha das mellores formas de coñecer estas dúas xoias naturais é seguindo un sendeiro que comeza pouco antes da aldea de Morcelle, a poucos quilómetros de Becerreá. Atentos! A vosa pista para identificar o punto de inicio desta ruta será un cartel que indica a entrada a unha mina. Aí poderedes deixar o voso vehículo para penetrarvos no aciñeiral de Cruzul. Seguir o mapa é sinxelo, e o camiño de descenso e o acceso ao bosque seravos fácil de identificar.

Cando esteades no centro do aciñeiral, vós mesmos, segundo a vosa experiencia en contornas similares, decidiredes ata onde penetrar. Tede en conta que ides atopar terreos irregulares con ladeiras pendentes, ademais de liques esvaradíos que nos poden dar algún sustiño.

Para completar a vosa experiencia, tras Cruzul espéravos o Souto de Agüeira. O sendeiro que vos levará a el ídelo atopar na bonita aldea de Cormes, continuando a mesma estrada desde Morcelle. Se vos apetece e vos atopades con ganas, é posible facer este tramo andando; a estrada é tranquila e regala fermosas vistas dos Ancares. En Cormes, admiraredes as fontes que salpican a sinxela e fermosa rúa principal da vila. Podedes aproveitar para visitar a ermida de Santo Estevo e a casa Boado. Esta vez tomaredes como referencia a fonte máis baixa, onde veredes un sinal que indica o camiño ata Ferrería, o que seguiredes para descender ata o centro do Souto e a antiga estrada N-VI.

O bosque máis fermoso

Devesa da Rogueira

A Serra do Courel é unha gran reserva verde. Nos seus vales e montañas atoparemos a maior diversidade vexetal de Galicia. E é aquí onde se refuxia o noso bosque máis fermoso, a Devesa da Rogueira.

Faias mesturadas con teixos, carballos, sorbeiras, pradairos, castiñeiros…, un paraíso para os botánicos e para os que aman a natureza. Os sendeiros que atravesan este espazo mostrarannos unha acuarela de cores enche de vida que ninguén debería deixar de visitar. Achegarse a este bosque produce fascinación e embruxo. O manto verde que o abriga escala as montañas ata chegar a unha lagoa glaciar, onde as vistas son espléndidas. Un chanzo máis arriba chegaremos ao Pico Formigueiros. Estamos no ceo.

As posibilidades que nos ofrece este gran bosque son infinitas; a nosa experiencia, única.

Ruta da Devesa da Rogueira
Punto de inicioTipo de rutaKmDuración estimadaDificultade en progresiónDificultade en orientación
Alto do Couto (Folgoso do Courel)Lineal8,8 (ida e volta)3 h 15 min.MediaMedia
PERFIL: Sendeiristas ocasionais

Propoñémosche unha das mellores opcións para coñecer este belo bosque. Nesta ocasión, estamos de sorte, porque contades coa aula de natureza de Moreda, en Seoane do Courel, desde onde aproveitaredes para iniciar a ruta. Comprobar planos, situarvos, recoller información interesante, son sempre cousas que valoramos cando nos diriximos a descubrir un novo espazo.

A viaxe farásevos curta, e ao chegar de novo ao alto do Couto ídesvos descubrir a vós mesmos pensando en cando volver… Porque O Courel sempre sorprende. Aínda que se visite miles de veces.

Preferides outra alternativa máis sinxela? Tanta subida non se axusta a vosos plans? Pois poñémoscho máis fácil cun pequeno truco: o alto do Couto atópase a 1.311 metros de altitude, na estrada que une Seoane con Visuña. Case do mesmo cume do porto, parte un camiño que penetra na devesa. Trátase dun sendeiro tendido no que se alternan miradoiros a todo o val, con vistas ao bosque, con recunchos máxicos ocupados por vellas e fermosas árbores, atravesados por arroios impetuosos e salpicados de fervenzas. Seguindo o camiño, tamén chegaredes ás Fontes do Cervo, pero máis descansados. A partir das fontes, atravesaredes a devesa polo único camiño que ides atopar, ata o miradoiro de Polín, onde poderedes, unha vez máis, tomarvos o voso tempo mentres contemplades as marabillosas vistas, antes de iniciar a viaxe de regreso.

DOCUMENTOS RELACIONADOS...

Arriba
Axúdanos a mellorar!