Quen viu un bosque de loureiros? Pouca xente, moi pouca xente. Porque algo así é excepcional, unha rareza botánica que visitan expertos de todo o mundo.

En Galicia hai unha illa onde un bosque cheira a loureiro e a marisco, a máis sabia combinación. Os bancos marisqueiros da Ría de Arousa achegan as ameixas, os berberechos, as navallas…, e a Illa de Cortegada pon o loureiro necesario para aromatizar tan saborosos produtos do mar.

Árbores centenarias agochan prados e terras que foron cultivadas noutro tempo. Unha ermida que se derruba, unha vila fantasma sen habitantes, un cruceiro que o contempla todo. O bosque de loureiros e a illa de Cortegada respiran misterio. Valo perder?

Ruta da illa de Cortegada
Punto de inicioTipo de rutaKmDuración estimadaDificultade en progresiónDificultade en orientación
Centro de recepción de visitantes (Illa Cortegada)Circular21 h.BaixaBaixa
PERFIL: Todos os públicos

A primeira gran experiencia que viviredes no bosque da illa de Cortegada é chegar a el! Que mellor forma de comezar a explorar descubrindo o bosque desde a costa e aproximándovos a el lentamente polas tranquilas augas da ría de Arousa. A illa, a ría, o suave abalo das olas, a brisa mariña, a cultura mariñeira que se respira polos catro costados, as pequenas vilas pesqueiras asentadas no litoral, os brancos areais que adornan a liña de costa…

Todo vos indica que a experiencia será inesquecible.

Ao chegar á illa, fronte ao embarcadoiro, ide atopar o centro de recepción de visitantes do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia, onde poderedes recoller máis información de interese sobre a paisaxe en que vos internades. A illa ofrécevos dúas rutas circulares, moi sinxelas de seguir, que vos darán a coñecer os valores que encerra este tesouro natural. Os dous sendeiros parten xunto ás ruínas da ermida da Virxe dos Milagres, do ano 1652, a cal atraía numerosos peregrinos, polas súas bondades curativas.

A primeira ruta rodea toda a illa, mentres que a segunda a rodea ata a metade para logo atravesala polo centro. Esta última alternativa é a máis completa, pois ás vistas costeiras que vos regala súmaselle unha visita interior ao bosque de loureiro máis grande do sur de Europa. Somerxerse nese ambiente tan intenso que xera o bosque, cun sotobosque cheo de todos os matices do verde, é unha experiencia única e singular. Ademais podedes chegarvos xunto a enormes eucaliptos e ata os restos unha antiga aldea, que estivo habitada ata a doazón da illa ao rei Afonso XIII, en 1910.

Unha boa idea é contratar traslado á illa e a ruta guiada con algunha das empresas locais que prestan estes servizos. Se vos apetece, recoméndovos pactar a viaxe de regreso para a tarde, tras gozar dun día de praia nalgún dos lugares recónditos e tranquilos da illa.

DOCUMENTOS RELACIONADOS...

Arriba
Axúdanos a mellorar!