Arrinca motores, ponte en ruta. Coñecerás, de faro en faro, a Galicia que vive e sente o mar.

É a nova proposta de MarGalaica Turismo Mariñeiro para sorprenderte coas paisaxes máis abraiantes da costa e introducirte na cultura da Galicia mariñeira en contacto directo coas súas xentes. Témolo todo preparado, o percorrido, os paseos máis interesantes da costa, os restaurantes Km. 0  MarGalaica, as actividades mariñeiras e todo o que necesitas para as túas vacacións e as túas escapadas máis auténticas.

Pero ti pos as regras. Podes escoller a túa propia ruta, a zona para visitar. sexa cal sexa a túa elección, temos preparados os escenarios máis incribles, os mellores restaurantes para degustar produtos do mar ou as propostas de lecer máis variadas.
Desde Ribadeo, no límite con Asturias, ata A Guarda, a beiras do Miño e con Portugal á vista; as Rías Altas e as Rías Baixas; os grandes cantís, as inmensas praias e as pequenas calas; as cidades e as vilas mariñeiras; portos pesqueiros e lonxas; e, por suposto… os faros.
Fai a equipaxe, quenta motores e… ponte en Ruta!

Os Faros

Ducias de faros de arquitecturas distintas situados nas paraxes máis espectaculares. O mito do fin do mundo en Fisterra, co próximo Touriñán lembrando que a ciencia o acredita como aínda máis occidental. A rotunda lección de historia e lenda da Torre de Hércules, o faro en activo máis antigo do mundo. Faros en illotes como Illa Pancha, as Sisargas ou Tambo, no Parque Nacional das Illas Atlánticas en Cíes, Ons, e Sálvora. Torreóns co mar rompendo contra as rocas en cabos e cantís en Ortegal, Estaca de Bares, Vixía  Herbeira, Cabo Vilán ou Cabo Silleiro. Vigías das Rías en Monte Louro, Corrubedo ou Cabo Home e sentinelas apostados en vellas fortalezas nos castelos de San Felipe, A Palma ou San Antón. As novas arquitecturas na Frouxeira e Punta  Nariga. Quizais o mar sexa só un, pero nunca é igual.

Top 50 Paseos e Top 100 Selfies

O Top 50 Paseos da costa de Galicia é unha selección, ao longo do litoral, das paradas imprescindibles para asombrarnos e coñecer esta variedade da costa galega. Salpicando a ruta, o Top 100 Selfies, escenarios para subir fotos únicas. Faros de lenda como a Torre de Hércules e Fisterra. Iconas da costa agreste como o Barranco de Loiba, a Fervenza de O Ézaro ou a Praia das Catedrais. Vilas de especial sabor mariñeiro en Redes, Laxe, Muros ou Combarro. Nomes que evocan tradición en Santo André de Teixido, Camariñas, Muxía, Rianxo, e Combarro. Miradoiros cara ao infinito mar ou que permiten otear varias rías nun instante no Vicedo, o Castelo de Santa Cruz, A Curota, Cotorredondo e Santa Trega. Paseos urbanos, sendeiros na costa e nas illas, parques naturais… paraísos que non podías imaxinar.

Restaurantes Km. 0

Unha marca para aprenderse e buscala! Km. 0  MarGalaica é a marca gastronómica de calidade que identifica os restaurantes que ofrecen produtos do noso mar. Todos os restaurantes da Ruta dos Faros de Galicia teñen este selo, que garante que preparan e identifican para ti aqueles pratos elaborados baixo a filosofía Km. 0

Produtos da pesca costeira artesanal  e do marisqueo, usando técnicas tradicionais e sustentables.
Descargados en portos e lonxas da zona, cun límite máximo de 100 Km e sempre en portos galegos. Garantía de frescura.

Os nosos restaurantes comprométense, a través deste selo, co cliente, ofrecéndolle a máxima calidade. Pero tamén se comprometen coa súa terra e as súas xentes, apoiando formas de pesca e marisqueo sustentables a nivel ambiental e social.
 

A filosofía Km. 0 é un movemento internacional vinculado á gastronomía, restauración e alimentación que defende o consumo de producións alimentarias locais, o cal xera múltiples beneficios:
 

  • Calidade e frescura para o cliente.
  • Redución da pegada de carbono. O transporte de produtos a longas distancias fai que a pegada de carbono daquilo que cociñas e comes sexa moi alta. Optar por produtos locais é tamén unha forma de ser responsables coa nosa contorna.
  • Responsabilidade social. Foméntase o traballo dos produtores locais, que están así máis preto do consumidor final e menos presionados (eles e ti) polos grandes distribuidores.
  • Protexemos a variedade. Apostar polas producións locais é facelo polas distintas variedades de produtos (pola biodiversidade) e tamén pola diversidade na cultura culinaria.

Actividades Mariñeiras

As actividades mariñeiras son o corazón da oferta turística. A Ruta dos Faros implica a xentes que teñen no mar o seu medio de vida e que se abren ao turista para transmitir a esencia da vida mariñeira. Non son profesionais disto do turismo, aínda que se prepararon para recibirte, ás veces, si coa colaboración de guías turísticos. Aprender os oficios do mar coas redeiras de Corme ou de Burela, carpinteiros de ribeira con séculos de tradición construíndo embarcacións, as mariscadoras, os fabricantes de conserva artesanal; visitas a portos, lonxas e vilas pesqueiras… contacto directo coas xentes do mar.

A costa nunca acaba e ofrece moito máis. A Ruta dos Faros de Galicia seleccionou o mellor dos servizos turísticos de Galicia. Tanto o turista cunha vocación moi definida (cultural, de aventura, de mar, de paseo tranquilo e de visita guiada) como aquel que busque saltar dunha experiencia a outra, vai poder gozar ao máximo da Ruta.
Paseos en barco, cursos de surf para non iniciados, rutas guiadas por vilas mariñeiras, museos dedicados ao mar, sendeirismo, kaiak… Un catálogo moi, moi completo.

Tamén forman parte da Ruta dos Faros unha selección de aloxamentos. Distintas gamas, distintos prezos… para adaptarse a todos os gustos e, de novo, tamén, para quen gusta de variar nun mesmo viaxe. Hoteis con encanto, algún de luxo, pequenos establecementos con servizo  esmerado, turismo rural

Toda a información en ...

Arriba