Visualizacion: intro
Plantilla: miradoiros

MAR INFINITO

Do Porto de Espasante ao Faro de Estaca de Bares...
cantís, portos e luz
A luz cría matices sobre as augas:
grises, cores, azuis case verdes
e o negro dos fagotes que descenden
da mítica montaña.
Na ribeira da ría, Laureano Álvarez (poeta de Ortigueira)

O litoral de Ortigueira e Mañón presenta algúns dos cantís máis impresionantes de Galicia. A abrupta costa procura descanso en abrigados portos que acubillan agradables vilas. Praias de mar aberto, miradoiros naturais, patrimonio e vilas nun percorrido polas paisaxes costeiras do norte de Galicia.

Descarga a ruta
O Porto de Espasante

O Porto de Espasante é o inicio dun itinerario por unha costa fascinante.

Núcleo mariñeiro, conta cun peirao que concentra grande parte da actividade pesqueira de Ortigueira. O istmo, entre as praias da Concha e a de San Antonio, remata na Punta dos Prados, lugar de relevancia pola presenza dun castro marítimo de estratéxica posición. Moi preto, a Garita da Vela vixiaba, dende comezos do século XVIII, a enseada de Espasante e a entrada á ría de Ortigueira. Aliñada coa Garita de Herbeira e co Semáforo de Bares, a Vela conformaba un completo sistema de sinalización e vixilancia marítima nestas perigosas costas.

Do Porto de Espasante ao Porto do Barqueiro

O percorrido prosegue por Espasante e Céltigos, na procura do desvío cara a Loiba e o seus impoñentes cantís nos  que se sitúa o coñecido como “mellor banco do mundo” polas súas espectaculares vistas.

De volta á estrada, aldeas e masas forestais  achégannos  cara ao Porto do Barqueiro. Agochado no fondo da ría, no fermoso esteiro do río Sor, é un deses núcleos litorais exemplares. As súas casiñas con tellados de lousa amoréanse en estreitas rúas. O pequeno peirao contrasta coa grande actividades pesqueira, localizado nun fantástico enclave fronte á lingua de area dunha praia de axeitado nome, Arealonga, pertencente xa ao Vicedo.

Do Porto do Barqueiro a Bares
Coido

O camiño transcorre agora cara a Bares. Con este nome podemos denominar diversas realidades. A primeira que atoparemos será a Vila de Bares, aldea tradicional que conserva agras, peches e hórreos, sempre coa mirada posta no mar. A praia de Bares, amplo areal que conta cunha preciosa zona de cantos rodados, anticipa a chegada ao Porto de Bares.

Ambos os dous, a vila e o porto, son moi semellantes, a versión labrega e a  versión  mariñeira dun núcleo tradicional. No porto, as casas  achéganse  á  area e xúntanse na procura de protección fronte aos fortes ventos da zona. No final da praia sitúa- se un singular peirao: o Coído.

Da Vila de Bares ao faro de Bares
Coelleira

O ascenso ao Semáforo de Bares ofrece vistas da enseada e da illa Coelleira, que agocha restos dun vello mosteiro medieval, protagonista de diversas lendas. O Semáforo é un punto de observación marítima do século XIX dende onde se emitían sinais con bandeiras e luces aos barcos. Foi tamén posto militar e base meteorolóxica e de comunicacións.

Localizado a máis de 200 metros sobre o nivel do mar, as súas vistas son formidables. De camiño ao faro de Bares, a estación ornitolóxica indica a relevancia desta costa para o tránsito de aves, sendo punto esencial para a súa observación, principal- mente en períodos de grandes migracións. A vertente acantilada forma parte do LIC Estaca de Bares.

A relevancia estratéxica do lugar demóstraa  a  presenza dunha antiga base militar da Mariña dos Estados Unidos abandonada dende o ano 1991.  A derradeira punta da costa, o punto máis setentrional da Península Ibérica, alúmase co faro construído en 1850, sempre azoutado polos ventos e abondosas choivas procedentes do océano.

Non te podes perder

O mellor banco do mundo

Loiba presume dun banco situado no borde dos cantís desde o que a amplitude de vistas permite unha panorámica completa deste tramo do litoral. Os cantís de Loiba, no concello de Ortigueira, son un sector litoral acantilado con alturas que, nalgúns tramos, superan os 100 metros de desnivel. A presenza de illotes, furnas e covas indica o dinamismo da xeomorfoloxía deste tramo da costa.

Os accesos ás praias, por revirados camiños que salvan as fortes pendentes, resultan complicados.

A aldea do Picón destaca pola súa posición no borde litoral e polo seu interese etnográfico con hórreos moi representativos das tipoloxías propias da zona, un muíño de vento e diversas construcións de arquitectura popular. Beleza e espectacularidade coa presenza, en primeiro termo, de saíntes rochosos como a punta de Pena Furada, de caprichosas formas pola acción erosiva. No horizonte, cara ao oeste, a impoñente figura de cabo Ortegal.

Arriba
Axúdanos a mellorar!