Visualizacion: intro
Plantilla: miradoiros

MAR INIFINITO

De Baiona a Santa Trega...
a costa sur
Néboa na Groba,
nordeste afora.
Dito popular

O percorrido pola costa sur de Galicia, permite transitar por un tramo litoral único, sen as habituais rías, enseadas e recortes. A estrada que une Baiona e A Guarda é un dos itinerarios paisaxísticos máis fermosos da costa galega: unha longa beiramar rectilínea que descende de norte a sur coa compaña da sorprendente serra da Groba.

Descarga a ruta
Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.
Baiona e a fortaleza de Monterreal

Baiona é a saída do percorrido. Vila mariñeira e turística, o seu bo clima e a protección na súa pequena enseada permitiu o establecemento da poboación dende antigo. Cunha coidada fronte litoral, o seu casco histórico foi declarado Conxunto Histórico-Artístico no ano 1993.

A fortaleza de Monterreal é o referente patrimonial da vila. A súa localización no monte Boi, unha pequena península a carón do porto, define o litoral baionés. A súa posición estratéxica foi relevante dende antigo, sendo recinto amurallado dende o século II a.C. Os Reis Católicos outorgaron Carta de Poboamento ao recinto, comezando un período de esplendor comercial que pouco a pouco foi perdendo importancia até ser deshabitada no século XIX.

O conxunto de Monterreal conta con diversos vestixios e edificacións, destacando as portas de acceso á fortificación e as torres (Porta do Sol, Príncipe, Tenaza e Reloxo) e o antigo Pazo de Elduayen do s.XIX foi amplamente modificado nos anos sesenta para albergar o actual Parador de Turismo.

De Baiona a cabo Silleiro

Saíndo de Baiona a primeira parada é o cabo Silleiro, punto no que o litoral muda definitivamente a unha disposición norte-sur. Neste punto destaca a densidade de elementos de interese: baterías militares, miradoiros e faros.

O faro vello de Silleiro (1866), próximo ao mar e de escasa altitude, foi substituído polo chamado faro novo de Silleiro, torre octogonal a bandas brancas e vermellas que data do 1924. A contorna do cabo é espectacular: mar aberto, vistas ás Illas Cíes e un continuo rochedo que semella emerxer dende o mar até o curuto dos montes.

De cabo Silleiro a Oia
Groba

Dende Silleiro comeza a longa recta da costa sur. Co mar sempre á nosa dereita, a serra da Groba vai xurdindo con forza do noso lado esquerdo até acadar os 654 metros no Alto da Groba. O percorrido é un miradoiro continuo cara o azul infinito do mar e o verde da montaña. Por momentos non se sabe onde remata a terra e comeza ese mar que, nos días de vento chega a mollar a estrada.

Entre Mougás e Oia a serra dálle un respiro ao mar, deixando un espazo respecto á costa que é utilizado para o cultivo en pequenas e irregulares parcelas delimitadas con pedras e aproveitadas en pendente mediante algunha terraza.

Oia

Oia é un recuncho da costa. Núcleo pequeno adaptado á fronte litoral, ten rúas estreitas e un peirao ao pé do seu maxestoso mosteiro. O sol bate de fronte nas últimas horas da tarde e a fachada de Santa María resplandece.

De Oia á Guarda

A Guarda é o extremo suroeste de Galicia. Vila de cores e mar, as casas do porto manteñen a estrutura mariñeira pero gañaron en altura cos anos. O espírito mantense e consérvase a memoria. Un paseo marítimo e un gran espigón, que queda pequeno cando o Atlántico ruxe. A escuma amorease contra o muro do porto e sae voando. O mar polo aire da Guarda.

Monte e castro de Santa Trega
Tegra

Santa Trega é un monte mítico.

Vixiando a vila da Guarda dende máis de 340 metros de altitude, érguese súbito e illado no vértice que xeran o océano Atlántico e o río Miño, na súa desembocadura. Punto estratéxico ocupado dende antigo, os diversos vestixios amosan a antiga relevancia do lugar: dende os petróglifos, até a ermida de Santa Trega que lle dá nome pasando polo castro, un dos máis visitados de Galicia.

A Citania de Santa Trega é un gran xacemento arqueolóxico da cultura castrexa, que alcanza o seu maior apoxeo no século I a.C. As numerosas edificacións amosan a magnitude que o poboado alcanzou, pola súa posición estratéxica e relevancia económica, predominando as construcións circulares pero deixándose sentir a influenza romana coa presenza doutras de planta rectangular e nas murallas defensivas. O castro foi declarado Monumento Histórico-Artístico no ano 1931 e é tamén Ben de Interese Cultural.

No alto do monte a paisaxe emociona con 360 grados de vistas panorámicas: ao norte A Guarda e a serra da Groba, ao leste o Baixo Miño, ao sur Portugal e ao oeste o Atlántico, inmenso.

Non te podes perder

Mosteiro de Oia

O mosteiro de Santa María de Oia é un vello cenobio de orixe incerta. Podería ser unha fundación antiga por parte de San Martiño de Dumio, evanxelizador cristián e bispo de Braga que é considerado o apóstolo dos suevos no século VI.

Mosteiro bieito, no século XII pasa a mans da orde do Císter. Comunidade asentada en terra afastada e pouco desenvolvida, a actividade do mosteiro foi mudando a paisaxe e a economía da contorna coa introdución de cultivos e especies gandeiras (a vide e os cabalos no Baixo Miño son atribuídos a eles).

Dende o punto de vista arquitectónico a igrexa medieval destaca sobre o resto do conxunto. Nun emprazamento único, perfectamente integrado na paisaxe costeira de Oia, a fachada mira ao mar nun caso singular entre os mosteiros do Císter. Os restos dun vello peirao confirman a vocación marítima e pesqueira dos monxes.

Declarado Monumento Nacional (Ben de Interese Cultural, na actualidade) no ano 1931, agarda unha necesaria intervención que lle restitúa toda a súa beleza.

Arriba