Visualizacion: intro
Plantilla: miradoiros

VALES, RÍOS E MONTAÑAS

Da Cruz do Incio ao miradoiro da Pena do Teso Grande... O Courel dos "eidos"
Courel dos tesos cumes que ollan de lonxe!‬‬‬‬‬‬
Eiquí síntese ben o pouco que é un home ‬...‬‬‬‬‬‬
Os Eidos, Uxío Novoneyra

O Courel é un dos territorios míticos de Galicia, a reserva natural e espiritual dos galegos. Coa súa biodiversidade, as montañas destas serras conforman algunhas das postais de maior beleza que se poden atopar neste recuncho do mundo. A paisaxe, desbordante de cores e matices, pertence á categoría de lugares irreais que só se poden explicar cando son percibidos en primeira persoa. A poesía de Uxío Novoneyra, o gran poeta do Courel, foi quen de describir con palabras tanta fermosura.

Descarga a ruta
Da Cruz do Incio a Pedrafita do Courel

A serra do Courel é un sistema montañoso localizado no sector sueste da provincia de Lugo. Os seus cumios non son os máis altos de Galicia, pero si poden considerar-se dos máis belos: Formigueiros (1641 m), Pía Paxaro (1610 m) ou o Teso das Papoulas (1603 m) son algúns dos teitos desta cordilleira.

A Cruz do Incio, pequena vila entre arboredos, é o punto de partida do noso devir por estas terras. Prados e os primeiros castiñeiros acompañan o percorrido por Foilebar e Vilarxoán. Chegando á ponte do Lóuzara a estrada vaise estreitando até converterse en pista. O ascenso até Pedrafita do Courel marca o linde entre Samos e Folgoso do Courel.
 

Val do río Pequeno

O val do río Pequeno vai ser o eixo do seguinte treito. Acolledor, frondoso, colorido… esencial. A sucesión de aldeas tradicionais, idealmente integradas na paisaxe, conflúe cos verdes prados, sebes e soutos.

Sen dúbida unha das zonas mellor conservadas de Galicia, na que se consegue un equilibrio perfecto entre a natureza e a actividade do home.

De Seoane do Courel a Vilamor

Seoane do Courel, núcleo importante no microcosmos courelá, supón un cambio de orientación no itinerario. A estrada aproveita as voltas do río Lor e transcorre encaixada polo profundo val para achegarnos a Folgoso do Courel, capital municipal.

Desde aquí, o desvío cara a Vilamor e Froxán levaranos a cruzar de novo as augas do Lor en Baldomir. Ao pouco, a carón do noso camiño, a fervenza de Vilamor convida a unha pequena parada para contemplar a súa caída vertical e entre pa-redes ferruxinosas.

Vilamor é tranquilidade. O paseo polas súas estreitas rúas permite re-pasar un completo mostrario da arquitectura popular courelá, que só o paso do tempo parece cuestionar.

De Vilamor a Froxán
Froxan

Froxán é identidade. Conxunto arquitectónico e etnográfico declarado Ben de Interese Cultural de Galicia, recuperado con bo gusto, conxugando a sabedoría da arquitectura popular coas actuacións de recuperación das súas edificacións, nun trunfo contra o desleixo.

De Froxán ao miradoiro da Pena do Teso Grande
Novoneyra

O treito final transcorre elevado sobre o río Lor e ofrece impresionantes vistas panorámicas co seu celme no punto final do itinerario: o miradoiro da Pena do Teso Grande.

Dende aquí, podemos seguir parte da liña de cumios que forma o cordal do Courel: Pía Paxaro, alto do Boi, Cruz das Lastras, alto do Capelo… No primeiro termo a aldeíña de Castro Portela érguese sobre o val fluvial, allea ao brillo do ouro do Lor que, no seu día, trouxo até aquí aos romanos.

Non te podes perder

O val do Lor en Traspando

O río Lor artella boa parte do Courel, sendo eixo fundamental tanto na conexión ecolóxica como nas comunicacións a través da estrada que aproveita o leito para atravesar o concello, conectando as dúas entidades de poboación principais: Seoane do Courel e Folgoso do Courel.

Nunha das curvas do camiño, moi preto da capital municipal, sitúase a pequena área recreativa de Traspando, punto dende o que se aprecia unha completa perspectiva do curso do río Lor.

As vellas montañas do Courel, desgastadas polo tempo e a erosión, marcan os contrastes de altitude cos vales fluviais. A complexa orografía destácase polos cumios redondeados, propios das elevacións antigas, e fortes desniveis nas ladeiras. Isto implica grandes diferenzas climáticas, pasando das condicións de montaña aos microclimas mediterráneos dalgúns sectores de fondo de val. Como consecuencia, O Courel goza dunha das maiores biodiversidades de Galicia.

A presenza dos restos dalgunhas alvarizas, remiten tamén ao aproveitamento que os homes fixeron do territorio. O mel, ao igual que as castañas, é un produto fundamental desta zona, e a protección das colmeas unha teima obrigada pola antiga presenza de osos e outra fauna. A adaptación ao medio adquire, neste caso, un cariz épico.

Arriba
Axúdanos a mellorar!