Visualizacion: intro
Plantilla: miradoiros

VALES, RÍOS E MONTAÑAS

Da Fonsagrada a Negueira de Muñiz... mar de nubes no val do Navia
A Fonsagrada está nun alto
e Naraxa nun baixiño
mías arriba Vilabol
cun pelexiño de viño.
Dito popular

Entre A Fonsagrada e Negueira de Muñiz os vales suceden ás serras, nun continuo subir e baixar. As voltas do camiño ofrecen unha gran variedade de perspectivas ante o impoñente val do Navia, que transcorre paseniño cara a Asturias. A paisaxe de montaña contrasta cos fondos vales nos que se agochan cultivos e aldeas.

Descarga a ruta
Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.
A Fonsagrada
Botelo

A Fonsagrada, cos seus 949 metros sobre o nivel do mar, é unha das capitais de concello localizada a maior altitude de Galicia. Á marxe da curiosidade xeográfica, esta elevación explícase pola disposición do núcleo na procura da captación do sol, nunha zona con invernos duros. Deste xeito a vila goza dunha grande amplitude de vistas e é recoñecible dende diversas localizacións da montaña luguesa.

A vila disponse configurando un casco urbano recollido e abrigado, pese á altitude, ordenándose en orixe en relación a unha antiga capela e á praza na que se sitúa a Fonte Sagrada.

As vellas terras de Burón foron, historicamente, lugar de paso como testemuña a presenza do Camiño Primitivo a Santiago. Esta variante xacobea é coñecida como Vía de Alfonso II dado que foi o itinerario seguido por este monarca asturiano que pasou ao imaxinario como o primeiro peregrino.

Da Fonsagrada a Fonfría

Saíndo da Fonsagrada cara a Asturias destaca a presenza da aldea de Paradanova, cuxo topónimo remítenos ás antigas vendas dos camiños sendo ademais descanso para peregrinos nunha función semellante á dos actuais albergues.

O tránsito cara a Fonfría permite a contemplación ao lonxe das Terras de Oscos e de grande parte do extenso concello fonsagradino (o de maior superficie de Galicia con 400 km2). O desvío cara a Liñares de Bidul introduce o percorrido en paisaxes de piñeirais e matogueiras representativos destas serras e de rechamantes coloridos estacionais.

De Fonfría a Vilar de Cuíña

Cara a Vilar de Cuíña, a forte pendente permite as primeiras perspectivas sobre o encaixado val do río Navia. O percorrido prosegue seguindo o curso do río, acompañándoo dende o alto, pasando pola Fornaza e por Arexo co seu impoñente miradoiro

De Vilar de Cuíña a Negueira de Muñiz
Muniz

A estrada vai baixando cara ao río Navia, coas súas augas embalsadas polo encoro de Salime, na procura de Ponte de Boabdil, único paso cara a Asturias en moitos quilómetros de río. O accidentado terreo de ladeira permite o paso por dous miradoiros habilitados, bos espazos para o lecer e a contemplación, moi preto xa de Negueira de Muñiz, un dos lugares máis singulares de Galicia. A súa capital municipal é unha fermosa aldea de arquitectura popular, integrada no medio de prados e cultivos e sempre co río Navia presente. Elemento destacado é o conxunto formado pola igrexa de San Salvador e a casa reitoral, do século XVI.

Na actualidade, o tránsito entre as ribeiras do Navia segue a realizarse mediante pequenas embarcacións que atravesan o encoro de Salime, sendo esta unha máis das singularidades destas terras que miran, en silencio, cara ao río.

Non te podes perder

Miradoiro de Arexo

O miradoiro de Arexo localízase na aldea do mesmo nome, na ribeira galega do río Navia. A súa posición, cunha caída de máis de 200 metros cara ao río e fronte a un meandro, permite unha ampla perspectiva visual tanto do val do Navia como dos diversos altos da vertente asturiana (serra de Cuías e serra de Busto) e mesmo de elementos de detalle como unha alvariza que protexía as colmeas do apetito dos osos.

A principal característica paisaxística deste punto de observación é o contraste. Este ven dado por unha orografía accidentada formada por relevos de xisto e lousa e sobre todo pola forte diferenza de altitude que xera condicións bioxeográficas moi diversas.

Deste xeito, dende Arexo, poden observarse distintos tipos de vexetación e de cultivos que configuran unha paisaxe sorprendente e variada: dende as matogueiras e rochedos propios das serras próximas aos 1000 metros de altitude até os viñedos nas zonas baixas entre 200 e 400 metros, pasando polas masas de piñeirais das ladeiras.

A presenza nas zonas baixas de vides e de certa vexetación de ambientes cálidos, como pode ser a sobreira, actúan de indicador bioclimático, contrastando coas frecuentes nevaradas das serras que bordean o val do Navia.

Arexo permite a observación dende un só punto de grande parte dos valores que converten a esta comarca nun paraíso natural recoñecido con diversas figuras de protección como a ZEC Negueira ou a Reserva da Biosfera Río Eo, Oscos e Terras de Burón.

Arriba