Visualizacion: intro
Plantilla: miradoiros

VALES, RÍOS E MONTAÑAS

Da Gudiña a Pradoalbar... a serra Seca e o val do Conso
O gaiteiro da Gudiña
e mais o da Martiñá
andan en preito co vento
e non sei quen gañará
Cancioneiro popular

A contorna da Gudiña é un territorio rexo e pouco habitado. A sorprendente paisaxe convida a gozar transitando por vellos camiños de saída e entrada a Galicia. Parte do itinerario proposto de vagar, é aquel que coincide coa da Vía da Prata, aquela que sobe á serra Seca coa mirada continua sobre os montes do Invernadeiro. A parte final, remontando o río Conso, é un espectáculo de fervenzas e corgas até o destino final: a agochada aldea de Pradoalbar.

Descarga a ruta
Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.
A Gudiña

A Gudiña é a porta sueste na que Galicia contacta con Sanabria a través da Mezquita e da Portela da Canda. Esta posición implicou a condición de lugar de paso histórico, punto obrigado de tránsito para arrieiros, seitureiros e peregrinos. Esta circunstancia fixo da Gudiña, moi próxima tamén a Portugal, unha vila dinámica e receptora de xentes de paso, condición que permanece a día de hoxe coas modernas infraestruturas viarias.

A Gudiña, como vila antiga, conserva na parte alta a súa vella estrutura de calellas artelladas pola rúa Maior, eixo central polo que transita a Vía da Prata. Na praza Maior, a carón da igrexa de San Martiño e San Pedro, a Vía da Prata divídese en dous camiños: a variante sur que leva a terras de Verín e a alternativa norte que vai cara a Laza pola serra Seca, o denominado Camiño Antigo ou Verea dos Galegos.

Da Gudiña a Vilariño de Conso

Saíndo da Gudiña o itinerario transcorre pola serra Seca, vento sa e illada pero con extensas vistas sobre os vales e coa compaña de prados, matogueiras e algún castiñeiro que ofrece colorido no outono. A altitude vai en aumento na procura do Alto do Espiño, entorno aos 1.000 metros. O percorrido está salpicado de vendas, antigas pousadas constituídas hoxe en aldeíñas que teñen unha orixe estratéxica ao servizo de arrieiros e seitureiros na procura da antiga sega castelá.

Superada a Venda do Espiño, agárdanos a Venda da Teresa punto no que deixamos a Vía da Prata para dirixirnos cara a Vilariño de Conso.

Parque natural O Invernadeiro
Conso

O Parque Natural do Invernadeiro preséntase fachendoso, coas súas verdes ladeiras que contrastan coas rochas dos cumes e coa neve presente nos inclementes invernos da zona. A orografía configúrase a través dunha sucesión de ondulacións xerada polos regos que descenden cara ao río Camba, embalsado neste tramo polo encoro das Portas.

Chegada a Pradoalbar
Lobishome

O desvío cara a Pradoalbar dá paso a un mundo idílico de prados e soutos e introduce ao viaxeiro no val do río Conso. Os regos e regatos baixan do Invernadeiro caendo súbitos ao encontro co río conformando corgos, como se denomina ás fervenzas na zona: Gorbias, Val do Cenza, Suafraga… soberbios ao lonxe.

Edrada, aldea de pequeno tamaño pendurada nunha vertente do río Conso, pode presumir de ter unha das paisaxes mellor conservadas de Galicia, equilibrio entre valores estéticos e naturais, franqueada por fervenzas, verdes prados e un denso souto.

Pradoalbar é o final do percorrido, nun tranquilo val do curso alto do río, destaca a súa igrexa e os vellos peches de pedra das fincas que marcan trazos irregulares. É a porta de entrada á parte máis recóndita do Invernadeiro.

Non te podes perder

O miradoiro das Portas

O miradoiro das Portas brinda unha formidable vista panorámica do Parque Natural do Invernadeiro e do río Camba, embalsado neste tramo polo encoro das Portas (rematado no 1974). Localizado moi preto do propio muro da presa, da que se pode observar a fachada interna, o miradoiro das Portas actúa como auténtico balcón sobre o manto de auga, cunha forte pendente cara ao río.

Á fronte, emerxendo das augas, poden observarse os diversos lombos e corgos que caen do Invernadeiro e que, nalgúns casos, superan os 1500 metros de altitude, como o alto da Pereisada (1501 m).

O Parque Natural do Invernadeiro forma parte do Macizo Central Ourensán, sistema montañoso que conforma unha dorsal que atravesa a provincia con orientación leste-oeste. As serras de Queixa e Fial das Cordas definen un espazo de preto de 6.000 hectáreas que foi declarado Parque Natural en 1997.

O Invernadeiro é un espazo de montaña de paisaxes graníticas, cuberto por matogueiras con uces, protagonistas que mudan de cor segundo a época do ano e con nevaradas frecuentes. O acceso está restrinxido á solicitude de permiso como medida de protección dos seus sobranceiros valores ecolóxicos, sendo o único Parque Natural de Galicia deshabitado, dado que non conta con ningunha entidade de poboación na súa delimitación.

Dende o miradoiro das Portas, exposto aos ventos, pódese gozar do silencio dun lugar detido no tempo no que os invernos son longos e os veráns calorosos.

Arriba