Visualizacion: intro
Plantilla: miradoiros

VALES, RÍOS E MONTAÑAS

De Aciveiro a Carboeiro... os mosteiros do centro de Galicia
Así son aquelas terras de Camba, Deza e Trasdeza,
con tantos anos de historia como anos ten o mundo;
dende os celtas que construíron un castro en cada curuto.
Antonio de Valenzuela (escritor de Silleda)

As comarcas centrais de Galicia presentan un rico legado de valores naturais e patrimoniais. Comarcas gandeiras que manteñen unha paisaxe ben conservada, sucesións de vales que conviven con áreas de media montaña como a serra do Candán e feiticeiros mosteiros que nos levan a outras épocas.

Descarga a ruta
A Galicia central

A Galicia Central pode presumir de contar con abondosas áreas de paisaxes tradicionais ben conservadas. A orientación gandeira de comarcas como Tabeirós- Terra de Montes e Deza levou a conformar un territorio que combina amplas zonas de pastos nos vales con superficies de arboredos e de matogueira nas serras.

A posición central en Galicia motivou, dende o medievo, a presenza de activos mosteiros que actuaban como centros relixiosos, produtivos e xurisdicionais, con salientables exemplos como Aciveiro e Carboeiro.

Mosteiro de Santa María de Aciveiro

Aciveiro localízase no concello de Forcarei, aos pés da vertente oeste da serra do Candán. Lugar fermoso e frío, o mosteiro de Santa María de Aciveiro acomódase nunha volta do río Lérez, aínda pequeno neste curso alto. A soidade do lugar pareceu apropiada para a fundación como mosteiro bieito no século XII, pasando á Orde do Císter no século XIII. O seu poder residía en amplos dominios territoriais, exercendo xurisdición no centro de Galicia.

O conxunto arquitectónico foi obxecto de importantes reformas e cambios. A igrexa de santa María, posiblemente inspirada na catedral de Santiago, é un dos grandes exemplos do prolífico románico pontevedrés, exceptuando a fachada que foi totalmente remodelada.

Do mosteiro de Aciveiro á serra do Candán
Neveiras

Dende Aciveiro comeza o ascenso ao porto do Candán, suave dende esta vertente. As paisaxes de serra con rochedos e matogueiras combínanse con pastos de montaña, nunhas altitudes que bordean os 1000 metros e nas que a neve soe facer acto de presenza no inverno.

A serra do Candán é un espazo singular e protexido como Zona Especial de Conservación dende o ano 2014, Lugar de Interese Comunitario dende 2004 e forma parte da Rede Natura 2000.

Do Candán a Silleda

O porto do Candán (854 m) marca a división entre Forcarei e Silleda, deixando Tabeirós–Terra de Montes e entrando no Deza. O cambio de vertente ofrece unha ampla perspectiva da comarca do Deza. A baixada é un miradoiro continuo sobre o verde val. A chegada a Laro marca o fin do descenso e o desvío cara a Silleda comezando un tramo entre prados e carballeiras moi representativo destes vales.

Silleda é un núcleo relevante en plena Vía da Prata. As instalacións feirais da Semana Verde de Galicia, con diversas actividades expositivas ao longo do ano, outorgan dinamismo a esta vila na que a parada é obrigada para degustar os seus famosos melindres. Recomendable é tamén a visita aos castros dos arredores como Toiriz (anexo ao casco urbano) e a Copa do Castro (a carón da fermosa igrexa románica de San Mamede).

Mosteiro de Carboeiro
Carboeiro

O mosteiro de Carboeiro agóchase nunha frondosa fraga, perfectamente integrado nun meandro do río Deza. Fundado no século X como mosteiro bieito é unha das obras máis representativas do románico galego, con trazos de transición ao gótico. A súa localización nunha paraxe afastada e abrupta trasládanos a épocas pretéritas, poñendo fin a este itinerario.

Non te podes perder

Miradoiro do Candán

O porto do Candán ofrece unha vasta perspectiva da comarca do Deza. Coas serras de Faro e Farelo ao lonxe, a amplitude de vistas permite apreciar os valores naturais, estéticos e produtivos da comarca.

O gran val do Deza, rodeado por serras e montes, constitúe unha sub-conca hídrica propia que forma parte da vertente do río Ulla. Ríos de tamaño medio, como o Arnego ou o Asneiro, sucan o territorio creando unha densa rede de regos e regatos. O conxunto forma parte do Sistema fluvial Ulla-Deza, espazo natural protexido polos seus bosques de ribeira e pola acreditada presenza de peixes.

Arriba
Axúdanos a mellorar!