Visualizacion: intro
Plantilla: miradoiros

VALES, RÍOS E MONTAÑAS

De Montederramo a Manzaneda... a través do Macizo Central ourensán
Cando vamos a Cabeza Grande,
Cabeza de Manzaneda.
Miña Galicia querida.
Ese é o Ceo da terra.
Canción popular

O tránsito polo Macizo Central ourensán supón toda unha experiencia para os sentidos. As impresionantes vistas das serras, as cores propias dunha suxestiva vexetación e o compás do silencio permiten realizar un relaxante percorrido por algunhas das paisaxes mellor conservadas de Galicia. Pequenas aldeas salpicadas nun territorio de extraordinarios valores naturais e que conta, ademais, coa única estación de montaña de Galicia: Manzaneda.

Descarga a ruta
Montederramo
Montederramo

O Macizo Central é unha sucesión de serras que atravesan a provincia de Ourense. Os vales da vertente norte ofrecen admirables percorridos entre prados e sobre un manto de acivros, carballos e bidueiros que ascenden polas ladeiras ate as cimeiras rochosas das serras de San Mamede, Burgo, Queixa e Cabeza de Manzaneda. Non son as montañas máis altas de Galicia, pero a súa beleza está fora de toda dúbida.

Montederramo é o inicio ideal para este percorrido. A súa acolledora praza central artéllase arredor do mosteiro de Santa María, xoia arquitectónica confluencia de diversos estilos. Pouco despois da saída atópase o desvío cara o Bidueiral de Montederramo, unha gran concentración de bidueiros (Betula alba) a modo de bosque nórdico pero no sur de Galicia.

De Montederramo ao encoro de Queixa
Queixa

Seguindo o curso do río Mao, imos atopando aldeas perfectamente integradas nas paisaxes gandeiras tipo bocage cos seus vellos peches de pedra e sebes. De fondo, a serra de San Mamede cambiante segundo a época do ano.

Pasando San Fiz, nunha volta do camiño, o amplo val de Queixa ábrese ante o viaxeiro coa serra do mesmo nome como fondo escénico propio dun decorado. A estrada transcorre de seguido abeirando o encoro de Queixa, superándoo polo muro da presa.

De Chandrexa de Queixa a Manzaneda

As terras de Chandrexa de Queixa lévannos cara a Manzaneda, única estación de montaña de Galicia na que practicar actividades vinculadas á neve.

Cabeza Grande de Manzaneda (1.781 m) é unha das montañas referenciais da xeografía galega, sendo a altitude máxima do Macizo Central ourensán e formando parte dun cordal que limita co val do río Bibei.

De Cabeza de Manzaneda á vila de Manzaneda

A baixada cara á vila de Manzaneda permite vistas dunha nova vertente, especialmente dende o miradoiro de Chaira das Lamas. No marco dunha paisaxe de montaña, destacan as matogueiras e os pastos extensivos para o pastoreo, práctica de uso histórico na zona. O descenso da cota de altitude permite a presenza dos primeiros soutos, con exemplares míticos como o Castiñeiro de Pumbariños no Souto de Rozavales.

A vila aséntase nunha chaira e con- serva a morfoloxía da época medieval e parte da muralla defensiva. A Porta da Vila (século XII) é o principal vestixio deste sistema de protección que tivo no seu día máis de 400 metros de lonxitude. Dende aquí, a rúa da Igrexa ou rúa do Medio artella o casco medieval de estreitas e coidadas calexas, desembocando na igrexa de San Martiño.

O sistema defensivo completábase co castelo, do que hoxe quedan restos aproveitados como miradoiro. A revolta Irmandiña supuxo a fin da torre medieval, polo que o castelo foi reedificado no século XVI baixo o mandato dos Condes de Ribadavia. A nova construción incluía un penal coñecido como Cárcere dos Sarmiento pola liñaxe dos condes, convertida hoxe en centro cultural.

Non te podes perder

O miradoiro de Queixa

O tránsito paseniño polo concello de Montederramo achega o percorrido a San Fiz, dende onde xa se intúen as ladeiras da serra de Queixa. Pero esta pequena aldea agocha unha sorpresa para o viaxeiro cando, sen previo aviso e tras varias curvas, o val do río Queixa ábrese ao viaxeiro coa vista impoñente da serra ao fondo, establecendo un fantástico punto de observación dende o miradoiro de San Fiz.

O macizo de Manzaneda marca a paisaxe deste sector de complexo relevo. A serra de Queixa esténdese con cumios por riba dos 1700 metros (Seixo, Sistil Branco) aliñados con Cabeza Grande de Manzaneda e alternando co val do río Queixa, depresión fluvial que foi utilizada para establecer un encoro, inaugurado no 1953.

A serra de Queixa, con base granítica, presenta dende este punto diversas ondulacións orixinadas pola acción fluvial. A forte inclinación e as condicións climáticas fixaron a poboación nos vales fluviais, como sucede na contorna do encoro de Queixa, mantendo na actualidade unha destacable actividade gandeira que se traduce nunhas paisaxes ben conservadas.

Arriba
Axúdanos a mellorar!