Visualizacion: intro
Plantilla: miradoiros

VALES, RÍOS E MONTAÑAS

De Ourense a Ribadavia... baixando o Miño cara O Ribeiro
Se queres tomar un bo viño,
ó pasar polo Ribeiro
vai por Castrelo de Miño
Dito popular

O Miño é un río esencial na xeografía e na cultura galega. Este itinerario propón un percorrido seguindo o seu val dende a cidade de Ourense até Ribadavia, a través das paisaxes do viño da comarca do Ribeiro.  Este percorrido, que combina valores patrimoniais, naturais e estéticos, discorre por terras de herdanzas romanas e trazos climáticos mediterráneos.

Descarga a ruta
Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.
Cidade de Ourense

Ourense é unha das grandes cidades de Galicia, sendo a terceira entidade de poboación do país. A cidade da auga pola súa relación co río Miño e pola relevancia termal, permite un recomendable paseo no que xuntar patrimonio, natureza e boa gastronomía regada cos grandes viños da provincia.

O casco histórico ourensán é un conxunto de grande interese: a Catedral, obra románica con diversas influenzas polas sucesivas reformas, baixo a advocación de San Martiño; As Burgas, fontes termais do século XVII pero que veñen sendo utilizadas dende a Idade Antiga, e que permiten hoxe un caloroso baño no centro da cidade; e feiticeiros recunchos como o praza do Trigo, o Eironciño dos Cabaleiros ou a praza da Madalena.

Da Ponte Vella ás Termas de Outariz
Outariz

O itinerario parte da Ponte Vella, de orixe romana, e reconstrucións dos séculos XIII e XVII , é un punto estratéxico de paso da Vía da Prata. Foi declarada Monumento Histórico-Artístico no ano 1961. Dende a capela dos Remedios, temos unha fermosa perspectiva.

O itinerario a carón do río Miño permite ir vendo o paseo da ribeira e as sucesivas pontes, incluíndo a contemporánea Ponte do Milenio, obra vangardista do ano 2001 e que constitúe un miradoiro en si mesma. O percorrido segue baixando pola marxe esquerda do Miño até chegar ao parque das Termas de Outariz.

De Barbadás a Toén

No tránsito de Barbadás a Toén, o frondoso bosque de ribeira deixa paso a extensos viñedos, protexidos polo val fluvial e que medran coas altas temperaturas do verán. A chegada do outono tinta estas paisaxes do seu variado cromatismo.

Camiño de Ribadavia

O camiño cara a Ribadavia pasa polo Parque Náutico de Castrelo, acertada iniciativa que soubo conxugar o lecer co aproveitamento hidroeléctrico. Moi preto, na zona da presa temos unha fermosa estampa coa igrexa de Santa María de Castrelo dominando a paisaxe dende un outeiro elevado sobre o río.

Ribadavia, capital do Ribeiro
Ribadavia

Ribadavia, capital do Ribeiro, acubíllase a carón do río Avia, que se atopa co Miño pouco despois da vila. O seu legado patrimonial e a profusa cultura do viño ben merecen unha tranquila parada.

Non te podes perder

O Parque Náutico de Castrelo

Documentado dende o século IX, é coñecido que foron os romanos os que introduciron o cultivo de vides nestas terras polo século III. As favorables condicións climáticas e as propiedades dos solos secos das ladeiras dos vales do Avia, Miño e Arnoia, permitiron o desenvolvemento dunha longa tradición produtiva e cultural vinculada ao viño.

O encoro de Castrelo de Miño anegou dende 1969 amplas zonas de viñedo. A día de hoxe, sorprende a quietude do encoro, auténtico mar interior da provincia que se estende dende Castrelo a San Paio, chegando até o Balneario de Laias e Barbantes.

A presenza da grande extensión de auga permite a observación das ribeiras viñateiras, creando un fermoso mosaico cromático. Agudizando a mirada, pódense distinguir cara ao norte as curiosas formas rochosas de Pena Corneira (675 m), coñecida como o Menhir do Ribeiro.

O Parque Náutico de Castrelo actúa como centro de ocio e deporte na comarca. O club náutico é unha referencia deportiva e a pista de remo do encoro está considerada como unha das mellores de España, polo que é moi valorado por deportistas de toda Europa como lugar de adestramento e competición.

A combinación de actividades deportivas, paseos turísticos, áreas de lecer e a oferta gastronómica e enolóxica fan moi recomendable a visita ao Parque de Castrelo.

Arriba