Visualizacion: intro
Plantilla: miradoiros

VALES, RÍOS E MONTAÑAS

De Pedrafita do Cebreiro a Samos... a entrada do Camiño de Santiago
O Cebreiro,
transmisor de costumes e estruturas prerromanas
é sempre fito e feudo dos peregrinos a Compostela.
Elías Valiña, o Cura do Cebreiro

Os camiños xacobeos conectaron a Galicia con Europa durante séculos e ségueno a facer. Entre as diversas variantes o Camiño Francés é o máis coñecido, sendo O Cebreiro o punto de entrada en Galicia. Este itinerario comparte o percorrido das primeiras etapas galegas dunha das vías de peregrinación máis importantes do mundo.

Descarga a ruta
Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.
Pedrafita do Cebreiro

Pedrafita do Cebreiro é lugar de  paso. Historicamente as diversas infraestruturas viarias foron procurando sitio neste porto de 1099 metros que marca o paso entre Galicia e a Meseta Central e serve tamén de punto de partida para acceder tanto aos Ancares como ao Courel.

Pequena localidade de montaña é a capital municipal á maior altitude de Galicia. Destacan as súas magníficas queixerías, que fan do Queixo do Cebreiro un dos máis valorados de Galicia.

De Pedrafita ao Cebreiro
Linares

Dende Pedrafita do Cebreiro a estrada cara O Cebreiro transita pola ladeira a modo de continuo miradoiro con fermosas vistas das serras, dun verdor irreal.

O Cebreiro é un dos grandes fitos do Camiño de Santiago en Galicia. Aldea tradicional recuperada como centro  espiritual e turístico conta con diversos elementos patrimoniais de interese e unha localización privilexiada.

Do Cebreiro ao alto de San Roque
Roque

No alto de San Roque una impoñente estatua serve de homenaxe ao esforzo dos peregrinos; e non moi lonxe, a aldea de Hospital, topónimo viario que se relaciona coa presenza dun antigo hospital (entendido como atención aos viaxeiros).

Se ben non se teñen atopado restos na zona, tamén se lle coñece como Hospital da Condesa, pola posible fundación a cargo de dona Egilo, señora de Triacastela, no século IX-X.

Do Alto de San Roque ao Alto do Poio

O Alto do Poio (1335 m) é outra das referencias do percorrido. En plena serra do Rañadoiro e con vistas ás serras de Oribio e Courel, é unha boa mostra das paisaxes de montaña da contorna pero tamén das dificultades orográficas que deben superar os peregrinos.

Do Alto do Poio a Triacastela

A chegada a Triacastela marca un certo descanso nas subidas e baixadas.

Dende este punto o percorrido transcorre recollido polos frondosos vales fluviais do Oribio e do Sarria, de húmidos prados.
 

De Triacastela a Samos

Samos é vila monástica. O mosteiro de San Xulián ocupa posición central na vila, na ribeira do río Sarria. Fundación bieita na Idade Media, o conxunto monumental conta con edificacións e elementos de diversos estilos arquitectónicos, fundamentalmente renacentistas, góticos e barrocos. De grandes dimensións, conta con dous claustros e igrexa barroca do século XVIII.

O río Samos artella unha agradable vila no medio de fragas e moi viva polo pulo que lle dá ser un dos referentes do Camiño de Santiago en Galicia.

Non te podes perder

O Cebreiro

Aldea santuario, O Cebreiro é un núcleo tradicional da montaña luguesa rehabilitada polo seu interese etnográfico. Punto histórico de entrada do Camiño Francés en Galicia, o santuario de Santa María a Real supón o centro do conxunto. Edificación prerrománica do século IX, a base de cachotaría de lousa, a fachada foi reformada respecto á orixinal. No seu interior conta con diversas reliquias e elementos de interese como un cáliz do século XII.

A presenza de catro pallozas, convertidas en museo, permite entender a orixe da aldea con orientación ao pastoreo e á gandería. Estas vivendas circulares adáptanse ao hábitat de montaña pola ausencia de vans (o que permite o illamento do exterior) e os tellados vexetais (que soportan a neve).

A posición elevada, sobre 1300 metros, expón a aldea os fenómenos meteorolóxicos pero tamén permite o aproveitamento máximo da luz solar. A tradición oral recolle que as campás da igrexa eran utilizadas para guiar aos camiñantes nos días pechados polas frecuentes néboas e nevaradas. Isto, xunto coa dura subida dende terras de León, converten ao Cebreiro nun lugar épico do Camiño de Santiago.

 

Arriba