Conta a lenda que cando Deus acabou de crear o mundo, descansou pousando as súas mans sobre Galicia dando lugar ás rías galegas. Neste itinerario pola ría de Arousa, teremos a ocasión de descubrir unha ría chea de lendas de mouros, de piratas e de sereas que se mesturan cun contorno máxico que invita a soñar. 

Ai Sálvora, ai San Vicente
Ai Sálvora, adiós Mourente
Ai Sálvora, ollos da ría
para boas mozas, en Vilagarcía.
     Canción popular galega
 
Ide tomar nove ondas
antes de que saia o día
e levaredes convosco
as nove follas da oliva.
     Romance popular

Día 1º

A primeira xornada desta ruta comezámola nun dos puntos clave da fermosa liña costeira da ría de Arousa: no concello de Ribeira. Nel agárdanos unha das xoias naturais de Galicia, o Parque Natural de Corrubedo. Antes de sentir as súas impresionantes dunas, o primeiro protagonista da nosa xornada será o gran vixía do Atlántico, o faro de Corrubedo, activo dende 1854. A súa fachada presenta forma semicircular cara ao mar e rectangular cara á terra para así paliar os efectos dos fortes temporais que adoitan sacudir a zona. Dende alí, apreciaredes o poder e a intensidade do Atlántico, sen que nada, agás este último, se opoña entre vós e o Novo Continente.

O propósito inicial deste faro era chamar a atención sobre o alto risco dos baixos que abundan nesta liña de costa, aínda que non sempre o conseguiu. Ao longo de tantos anos de actividade, esta torre foi testemuña dalgún que outro afundimento. O naufraxio do transatlántico Santa Isabel fronte á illa de Sálvora, probablemente por unha confusión entre o faro de Corrubedo e o de Sálvora, foi o causante de que se trocara a luz branca por unha vermella, o que lle valeu o alcume de “faro comunista”.

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Deixando atrás este enclave, poñémonos en camiño cara ao noso seguinte destino. Trocamos o asfalto por camiños de madeira e area, internándonos no Parque Natural de Corrubedo. Alí, camuflado entre o contorno salvaxe da zona, atoparedes o Centro de Interpretación Casa da Costa (CIELGA). Trátase dun espazo didáctico que conta con exposicións sobre este particular ecosistema. A auténtica perla do conxunto é o propio complexo dunar de Corrubedo e as lagoas de Carregal e Vixán, que ocupa unha área de 1.000 hectáreas entre as parroquias de Corrubedo, Artes e Carreira. Preguntádelles aos biólogos calquera dúbida que teñades e logo poñede en práctica o aprendido, explorando e deixando as vosas pegadas sobre as brancas areas das praias do Vilar e da Ladeira, pertencentes ao Parque Natural. Animádevos, tamén, a visitar o espectacular cordón de area formado nun lento proceso por unha represa da auga que configurou a lagoa de Carregal. O transporte exercido polo vento permitiu o desenvolvemento de varios cordóns litorais de dunas, moitas delas semiestabilizadas pola vexetación, pero tamén unha móbil, a meirande do noroeste peninsular.

Conta a lenda, que na lagoa de Carregal está asolagada a cidade de Valverde onde habitaban os mouros que foron vencidos por Carlomagno. Vestixio desta lenda é a pegada do cabalo de Roldán, sobriño de Carlomagno, gravada nun penedo da lagoa cando este pediu, despois da posta de sol, unha hora máis de día para poder derrubar os inimigos. Por iso despois do solpor, aínda hai unha hora máis de luz.

Seguindo o fío desta lenda, poñemos rumbo ao porto de Aguiño para que una embarcación de recreo nos conduza ata á misteriosa illa de Sálvora. Segundo conta a historia, Roldán, certamente ferido, conseguiu escapar da contenda de Roncesvalles refuxiándose nesta illa arousá. Un día, mentres paseaba pola praia, atopou unha rapaza de gran beleza que saía do mar, caendo perdidamente namorado dela… Resultando ser unha serea! Tan grande foi o seu amor por Mariña (como así a bautizou el mesmo) que tiveron un fillo, dando lugar á estirpe dos Mariño. Froito desta mítica historia, atoparedes a estatua de pedra con forma de serea dándovos a benvida á illa e marcando o camiño de pedra que conduce ao faro de Sálvora, gardián da ría de Arousa, xunto co de San Vicente, no Grove.

Día 2º

E dunha illa... á outra. Nesta segunda xeira, deixamos atrás terras barbancesas para emprender camiño cara á illa que lle dá nome a esta afamada ría: a illa de Arousa. Durante o século XIX, foi un importante centro conserveiro; de feito, foi aquí onde se instalou unha das primeiras fábricas da era moderna. A principal actividade da illa era, e segue sendo, o mar en tódalas súas vertentes. Atrevédevos a descubrir as distintas opcións de ocio acuático, así como as xoias gastronómicas cociñadas ao estilo local.

Comezaremos a visita polo faro de Punta Cabalo, construído no 1852 e activo dende o seguinte. Nos seus inicios era atendido por dous torreiros e, tras sucesivas reformas, foi convertido en restaurante. Este faro, que xorde entre as rochas, é un lugar perfecto para gozar do solpor despois dunha intensa xornada de actividade na natureza. Sentados nalgunha das grandes rochas que hai xusto diante da torre e acariñados pola suave airexa mariña, conseguiredes albiscar a grandeza da ría de Arousa: dende as illas de Areoso e Rúa ata a desembocadura do Ulla. Neste tramo, milleiros de bateas arroladas polo mar dan lugar á meirande produción de mexillón do mundo.

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Toda a illa é un relanzo de paz, pero un lugar moi especial é Area da Secada, unha praia natural de area branca que aínda conta cun contorno forestal virxe. A ela chegaremos atravesando un frondoso piñeiral por unha pasarela de madeira. O único son que escoitaredes é o relaxante bater das ondas e o rechouchío dalgún paxaro na busca de alimento. Esta é unha praia de augas tranquilas, ideal para a práctica de relaxantes deportes náuticos. Animádevos a alugar un kaiak para navegar entre as bateas de mexillóns e algún que outro arroaz curioso. Un erro que non debedes cometer é abandonar a illa sen dar conta dun bo prato de polbo, preparado ao característico estilo insular.

De volta ao “continente” visitamos O Grove, situado na entrada da ría de Arousa que, de non ser polo túmulo areoso da Lanzada, aínda sería unha illa. Internacionalmente coñecido pola súa gastronomía, O Grove celebra no mes de outubro a deliciosa festa do marisco, que non deberiades perder se vos coincide estar pola zona.

Se queredes ter unha inmellorable panorámica da ría, subide ata o cumio do monte Siradella. O pequeno esforzo que supón a subida aos seus 167 metros sobre o nivel do mar é amplamente recompensado polas espectaculares vistas do istmo da Lanzada e o complexo intermareal do Umia e do Grove, co Atlántico como pano de fondo. Xa que chegastes ata aquí, aproveitade o momento para visitar a Aula de Interpretación da Natureza onde, a través de material didáctico, comprenderedes a importancia de coidar o delicado ecosistema da zona.

Como colofón, nada mellor que rematar este percorrido pola costa salvaxe nun dos areais máis coñecidos e visitados das Rías Baixas, a praia da Lanzada. Aberta ao Atlántico, é ideal para a práctica de deportes como o surf ou o windsurf. Os seus máis de dous quilómetros de area branca e fina, así como a calidade das súas augas, fana digna merecedora de toda a súa sona. Fama que, por outra parte, tamén lle vén dada polas lendas que lle atribúen poderes máxicos ao seu santuario. A tradición rebélanos que tomar un baño de nove ondas xusto na media noite da romaría, o último día de agosto ou na de San Xoán, pon fin á infertilidade. Outra versión sostén que as mulleres que queiran completar o ritual de fecundidade deberán deitarse sobre o berce da Virxe que se atopa na capela de Nosa Señora da Lanzada. O santuario é unha igrexa románica de finais do século XII dende onde podemos contemplar unha das mellores vistas do areal.

Xunta de Galicia

© 2016 Turismo de Galicia | Todos os dereitos reservados
Política de privacidade | Contacto | Accesibilidade

Galicia
Arriba