Desde a ría de Ferrol ata a de Cedeira, son moitas as praias de fina e branca area, e de varios quilómetros de lonxitude, que se alternan con calas con encanto e faros en cantís recortados.

Esta é unha zona ideal para agradables paseos en calquera época do ano e para a práctica de deportes náuticos como o surf ou o windsurf.

“Cando chove e máis vai sol,
vai o demo por Ferrol
cargadiño de culleres
chamando polas mulleres”.

“Marraxo, peixe sapo, bonito e percebes son as especies máis comúns para elaborar os pratos máis demandados da gastronomía local desta zona”

Día 1º

Partimos de Ferrol. Comezaremos a nosa ruta polo barrio mariñeiro da Graña, coas súas típicas casas estreitas e rúas empedradas que nos levarán ata o interior do Castelo de San Felipe. Esta fortaleza é un fiel reflexo do estilo dos modelos académicos da súa época, a Ilustración. Contemplando desde aquí as magníficas vistas sobre a ría e o Castelo da Palma, situado no municipio de Mugardos, será imposible non recordar a importancia histórica e cultural do conxunto formado polas fortalezas defensivas da ría de Ferrol e do Arsenal Militar, que facían desta entrada un fortín inexpugnable desde o mar, sobre todo para as incursións inglesas.

Continuamos o noso camiño en dirección a Cariño para acceder a Doniños, a primeira praia salvaxe da nosa ruta, ao lado da lagoa do mesmo nome. Esta última, ademais de contar cunha lenda que asegura que aquí está afundida a antiga cidade de Valverde por castigo divino, figura na historia da Batalla de Brión, pois foi por onde os ingleses desembarcaron e se retiraron derrotados polas tropas e veciños de San Felipe e A Graña. Este enfrontamento conmemórase o 25 de agosto cunha representación e, ademais, argumenta as visitas teatralizadas cada vez máis frecuentes no Castelo de San Felipe.

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

No areal, atoparedes restos dunha batería de costa e, desde o seu extremo esquerdo, accederedes á pequena praia de Lumebó. Se a visita vos coincide en marea baixa e no remate do día, a fortuna regalaravos unha impresionante posta de sol entre esculturas de pedra naturais. No outro extremo da praia, por unha pasarela de madeira, podedes continuar o paseo e, en caso de levar bicicleta, poderedes seguir polo carril habilitado case todo o traxecto cara a Covas.

A nosa seguinte parada é a praia de San Xurxo, situada no extremo sur de cabo Prior. Con forma de cuncha, area moi branca e ventosa por influencia do nordés, é unha das preferidas polos veciños durante o verán. Quizais tamén porque os seus máis de dous quilómetros a converten nun lugar ideal para longos paseos polas dunas ou pola beira do mar en marea baixa, sentindo as ondas romper contra os pés. Desde punta Herbosa, á que se chega por un sendeiro próximo, teredes unha panorámica do arco completo que forman os areais de San Xurxo, Esmelle e O Vilar, coñecidos popularmente como as praias de Covas. Un encadre perfecto de augas cor turquesa entre altos piñeiros.

En cabo Prior, atoparedes tamén o faro do mesmo nome, activo desde 1853. Neste lugar existía un destacamento militar do que xa só quedan as infraestruturas, cunha curiosa forma vista desde a distancia. Na parte traseira do faro, hai unha escaleira que permite baixar un treito deste istmo de 171 metros e ver ao norte a praia e a illa de Santa Comba, coa súa ermida románica. Podedes achegarvos tamén ata a cala das Fontes, onde o mar vos deixará pozas de auga verde esmeralda: un lugar perfecto para mollar os pés e tombarvos ao sol.

Pasamos agora as dúas pequenas praias de Sartaña e Medote para chegar a Ponzos, a máis salvaxe das tres. No seu extremo dereito hai unha zona nudista e, con baixamar, poderedes atravesar as rochas para chegar ao solitario areal de Casal, xa no veciño municipio de Narón. Camiñar descalzos pola area, mentres o vento vos enreda os cabelos, é unha experiencia que non vos debedes perder en calquera destes bravos areais.

Día 2º

A primeira parada desta segunda xornada sigue cara a Valdoviño, para obsequiarvos coa primeira panorámica do día desde o faro da Frouxeira. Admirade a inmensidade da praia do mesmo nome, deixade as vosas pegadas na lingua de area de tres quilómetros ata que as bravas ondas ou os fortes ventos que aquí sopran as varran. Perdédevos tamén polos túneles que hai debaixo do faro. Ao final deles, comprobaredes a forza coa que rompe o mar e darédesvos conta do arriscado traballo dos percebeiros que manteñen unha tradición viva. Ben seguro, que por eles pregan na romaría da Virxe do Porto a principios de xullo, igual que por todos os mariñeiros da zona. A capela está situada moi preto de aquí, a uns tres quilómetros, sobre un pequeno illote ao que se accede por unha estreita escaleira. Pequena, de estrutura sinxela e paredes brancas, amósase maxestosa neste escenario natural.

 

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Deixando atrás a parte máis salvaxe da praia da Frouxeira, e tamén con acceso desde o faro, entrade no espazo protexido da praia e lagoa de Valdoviño: aberta ao mar de maneira natural; unha importante zona para avistar aves, sobre todo no inverno. Aquí viven especies como o parrulo real, o pilro común ou a focha común.

Cara ao norte, pola beira dos cantís, o Miradoiro do Paraño ofreceravos unha panorámica do outro extremo da praia da Frouxeira para despois empezar a baixar por unha estrada que desemboca directamente na praia de Rodo ou Pantín. Este último é o nome co que se coñece máis popularmente ao campionato de surf que se celebra aquí desde 1988 e no que se reúne á elite do surf mundial.

A nosa seguinte parada será o areal de Vilarrube: encantadora praia de augas tranquilas, ideal para longos paseos, e con propostas gastronómicas como a de degustar unhas racións de navallas ou de percebes nas tascas que hai nas súas inmediacións. Se tedes oportunidade e a climatoloxía acompaña, mergulládevos nestas augas ricas en iodo para favorecer o bronceado.
Chegados a Cedeira, cando a tarde aínda concede unhas horas de luz, atravesade a zona histórica ata a branca ermida de Santo Antón. Este miradoiro natural ofreceranos unha magnífica panorámica da entrada da ría conforme comezamos a ascensión ata o faro de punta Candieira. Aquí, no cumio do monte Purrido, podedes baixar as famosas dez curvas da estrada en “forma de lazocara a esta sinal marítima activa desde 1954 ou ben, admirar esta paisaxe agreste desde a aba da montaña mentres vos cruzades con algunha cabra ou cabalo salvaxe.

Na última comida desta viaxe polas Rías Altas non deberiades esquecer de incluír no voso menú “guiso de marraxo”, un tipo de quenlla, “rape á cedeiresa”, “bonito en salsa” ou o “pastelón”, un tipo de empanada feita con follado en lugar de masa de pan, e enchida de delicias como bonito, bacallau con pasas, congro,… Tamén os percebes son prato habitual que evocarán no padal o inconfundible sabor e olor que lles dá este bravo mar.

Xunta de Galicia

© 2016 Turismo de Galicia | Todos os dereitos reservados
Política de privacidade | Contacto | Accesibilidade

Galicia
Arriba