O que pode considerarse o último tramo da Costa da Morte xunto coa ría de Muros e Noia, ofrecerannos aos cinco sentidos abraiantes e longas praias rodeadas dunha intensa natureza costeira.

Carnota, cos seus máis de 7 Km de lonxitude, está considerada como a praia máis longa de Galicia.

De seguro, a moitos de vós soaravos este areal, pois nel foi onde Alejandro Amenábar filmou o seu coñecido filme Mar Adentro.

Día 1º

Sexa cal sexa o camiño que elixades para chegar a Carnota, nunca esqueceredes a primeira vez que vexades as súas praias. Se o punto de partida é Cee, os impresionantes 627 metros do monte Pindo acompañaranvos todo o camiño ata chegar a destino; e se elixides a estrada de Negreira, teredes unha incrible panorámica a vista de paxaro de toda a liña de costa. A praia de Caldebarcos é o areal máis setentrional do concello de Carnota. Mide algo máis de 1,5 quilómetros e, igual cás seguintes praias que visitaremos, ten unha area de cor branca que se podería confundir coa das zonas máis cálidas do planeta.

Ademais do seu contorno, chamaranvos a atención as casetas de pescadores, case acabadas de rehabilitar, e ligadas á actividade pesqueira e marisqueira da zona; así como o contorno natural da Berberecheira, onde as mariscadoras faenan a pé. Ventosa e con frecuentes brisas costeiras, Caldebarcos reúne unhas boas condicións para a práctica de deportes náuticos como o surf ou o windsurf, ademais de ser lugar habitual de fondeo de embarcacións de recreo. Un paseo pola zona pode ser unha boa forma de lembrar que nos baixos de Caldebarcos afundiron varias naves da Armada Invencible, cando ían camiño de conquistar Inglaterra, en 1596. Se é a hora de xantar, degustar un exquisito prato de polbo con ameixas nun dos restaurantes da zona, tamén se pode converter nunha experiencia única.

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Seguimos por esta doce liña de costa cara á praia de Carnota, que foi cualificada como unha das cen mellores do mundo pola revista alemá Traum Strände. Xa desde a estrada, vese inmensa. Cos seus máis de 7 Km de lonxitude, está considerada como a praia máis longa de Galicia. Con baixamar, supera os mil metros de anchura nalgúns tramos. Na ampla zona de marismas e dunas habitan unha gran variedade de aves migratorias e de flora endémica. De feito, este é un dos poucos lugares de Galicia onde aniña a píllara papuda. A extensa frecha de area na desembocadura do río Valdebois, máis coñecida como Boca do Río, deu lugar a un dos espazos naturais de maior interese ecolóxico e paisaxístico de Galicia: as marismas de Caldebarcos e a praia de Carnota.

Se tedes sorte, poderedes ver algunha destas especies mentres atravesades a gran pasarela de madeira que parece flotar sobre este humidal ata desembocar en primeira liña de costa. Nesta enseada entre as Puntas de Caldebarcos e Sargas, a auga de cor turquesa, de novo a branca e fina area, o intenso sol, a pouca compañía das primeiras horas do día e a vista dun mar en completa calma crearán en vós unha sensación máxica e evocadora. Non deixedes de dar un paseo pola beira do mar gozando deste ambiente paradisíaco mentres as vosas pegadas van desaparecendo conforme chegan as ondas. Ao fondo, na outra punta da ría de Corcubión, o mítico cabo Fisterra miraravos de lonxe. Despedídevos do lugar botando unha última ollada; se tedes sorte, podedes atopar unha botella cunha mensaxe no seu interior…

Tamén en territorio carnotán, pero xa no límite con Muros, chegamos á praia de Lariño. O areal divídese en dúas partes ben diferenciadas. Por un lado, unha lingua de area duns dous quilómetros e, por outro, unha serie de calas situadas sobre unha base de solo que foi testemuña muda do nivel do mar en períodos anteriores. Na coñecida como punta da Ínsua, o punto xeográfico que axuda a fixar a entrada no arco de Fisterra e da ría de Corcubión, atoparedes o Faro de Lariño, dos anos 20 do século pasado, ao lado dos restos dun antigo muíño de vento. Preto de aquí naufragou en 1966 o destrutor Ariete, propiedade da Armada española que lle concedeu ao concello de Carnota o título de “Moi humanitario” por axudar a salvar a tripulación do barco.

Ancoradoiro inaugura o prolífico tramo de praias do municipio de Muros, estando só separada da nosa anterior parada por un piñeiral. De novo, veredes como os ventos de compoñente norte empuxan táboas de surf e de windsurf; e tamén a quen quere dar un paseo ata a praia de Area Maior e de Lagoa de Louro por un estreito camiño entre dunas e xuncos. Estando aquí, teredes a sensación de que o Monte Louro vos vixía como se fose unha sentinela de pedra. Ao seu lado, as dunas fan de barreira natural coa lagoa de auga doce das Xarfas e cos solitarios areais de Area Maior. Conta a lenda, que neste humidal desapareceu unha aldea e que o Monte Louro foi un templo solar na antigüidade, como o do cabo Fisterra.

Continuando cara á vila de Muros, atoparedes un desvío que vos conducirá ata o faro de Louro, situado a 241 metros sobre o nivel do mar. Dende alí, teredes unhas bonitas vistas da entrada da ría de Muros e Noia, da Serra da Barbanza e, incluso, de Corrubedo.

Pola súa proximidade, poderedes achegarvos ao petróglifo de Laxe das Rodas. Aquí veredes gravados rupestres tallados en rochas graníticas que varios expertos relacionan co culto ao sol, mentres outros os interpretan como un almanaque laboral, unha mesa de ofrendas para conseguir boas colleitas ou os vinculan coa morte ou a fecundidade.

Louro é unha pequena localidade estival con ampla tradición turística. Nas súas tascas e restaurantes, atoparedes moitas das delicias gastronómicas da ría e deste mar coas que inundar o padal de sabores intensos e completar as experiencias desta primeira xornada.

Día 2º

Deixade para a vosa segunda xornada a visita á vila de Porto do Son. Podedes aproveitar para tomar un café nas proximidades do porto ou mesmo para dar un pequeno paseo: o recendo a salitre, embarcacións que chegan logo dun longo día de faena, outras que marchan, ou mariñeiros reparando os seus aparellos son boa proba do importante que é o traballo no mar para esta atractiva vila mariñeira.

Continuamos a viaxe cara á praia e o Castro de Baroña. Unha vantaxe que aquí nos brinda a natureza: estas augas son perfectas para conseguir un bo bronceado debido á alta concentración en iodo. O areal de Castro de Baroña está abrigado dos ventos pola súa boa situación ao acubillo de dous outeiros rochosos duns 50 metros de alto. Alí atoparedes un dos castros máis coñecidos de Galicia: o de Baroña. Este asentamento prehistórico ten case vinte construcións e unha espléndida muralla que defendía os seus habitantes. A cronoloxía sitúao arredor dos séculos I a. C. e I d. C.

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

O itinerario continúa cara á praia das Furnas, pero paga a pena facer un alto no camiño para visitar a ponte do río Sieira, próxima á fervenza do mesmo nome, unha cita coa época medieval. A construción ten arco de pedra lixeiramente apuntado, para dar continuación a un vello Camiño Real baixo a sombra dun bosque de ribeira. A corrente desemboca na praia próxima do mesmo nome, formando unha lagoa que vos permitirá bañarvos en auga doce xusto ao lado do mar. De aspecto virxe e ondada moderada, a súa area case branca está unida á da praia das Furnas por unha pasarela de madeira. De seguro, a moitos de vós soaravos este areal, pois nel foi onde Alejandro Amenábar filmou o seu coñecido filme Mar Adentro. Río Sieira-As Furnas son as últimas praias que visitaremos da vila de Porto do Son. Tamén son destino habitual dos veraneantes que percorren o seu pouco menos dun quilómetro de extensión, superficie de area e rochas, como se dun paso marítimo se tratase.

Xunta de Galicia

© 2016 Turismo de Galicia | Todos os dereitos reservados
Política de privacidade | Contacto | Accesibilidade

Galicia
Arriba