A experiencia termal en Lobios funde as súas augas quentes e sandadoras co fascinante contorno do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés. Vilas termais do século XXI e asentamentos do antigo Imperio Romano rodéanse de cumes, vales glaciares, encoros, saltos de auga, erupcións de granito en forma de agullas e bolos, bosques de ribeira e de montaña que acubillan a lobos, corzos ou cabalos salvaxes. Unha arquitectura natural que convive coa humanizada dos megalitos, as calzadas romanas, os hórreos e os muíños de auga.

Unha experiencia para gozar das augas mineiromedicinais de Lobios,
unha vila termal do século XXI que comparte territorio con xacementos arqueolóxicos da época romana.
Todo isto nun contorno de espectacular beleza e riqueza natural, que percorreremos a pé e a cabalo.

Máis información...
-Centro de Interpretación Aquae Querquennae Via Nova. Teléfono 988 444 401
-Balneario de Lobios. Teléfono 988 448 440

Día 1º

Dunha vila romana a unha vila termal

De camiño á vila termal de Lobios, seguimos a estrada OU-540 que atravesa o concello de Bande, onde se atopa unha singular mostra do patrimonio da comarca Baixa Limia moi ligada ao termalismo, os xacementos romanos de Aquis Querquennis. Aconsellámosvos chegar a esta altura do traxecto a primeira hora da tarde para visitar este importante enclave. O desvío é pequeno e sinxelo; está sinalizado poucos quilómetros despois da poboación de Bande.

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

As escavacións do poboado romano de Aquis Querquennis

Trátase dun gran campamento militar romano do século I ou II despois de Cristo, dende onde se impulsou a construción da Vía Nova, importante calzada romana que unía Astorga e Braga, próxima ao xacemento. Sitúase á beira do río Limia, sobre unha lingua de terra que come espazo ao encoro das Conchas, de onde parece emerxer aínda semiafundido cando a auga vai crecida. O seu pano de fondo é azul e verde, marcado polas augas e o bosque de ribeira e unha cadea de montañas.

O xacemento é moi extenso. Ata o momento téñense escavado máis de dous mil metros de muralla rectangular e atopado multitude de elementos construtivos no seu interior, como ringleiras de piares cadrados, restos de fermosas columnas e arcos en pé.

Ao lado do campamento tamén apreciaremos o que queda dunha antiga mansio romana, unha especie de hospedaxe para os viaxeros que percorrían a Vía Nova e que contaba con forno de pan, apousentos, cociña e patio. De entre os restos veredes multitude de mananciais dos que brotan xenerosas augas termais. Podedes aproveitalas como antigamente fixeron os romanos e como seguen a facer os veciños das poboacións próximas, que lles atribúen propiedades para combater o reumatismo e enfermidades da pel.

Ás augas termais que
brotan entre estes restos arqueolóxicos
atribúenselles propiedades curativas
xa dende a época romana

Suxerímosvos que, antes de facer o percorrido polos restos arqueolóxicos, entredes no Centro de Interpretación Aquae Querquennae Via Nova, que está camiño ao xacemento. Recrea o trazado dunha calzada romana e os elementos que se atopan ao seu paso, como os miliarios. Unha guía facilitaravos a visita ás escavacións.

Na vila termal de Lobios
Retomamos a viaxe ata a vila termal de Lobios, situada na parroquia de Río Caldo, da que só nos separa unha media hora de traxecto. O concello, que forma parte do territorio do Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés,Xurés, conta con gran variedade de establecementos onde aloxarnos como casas, apartamentos ou hoteis rurais e unhotel-balneario de catro estrelas na mesma vila termal.

Unha vez instalados suxerímosvos aproveitar o que queda de tarde para recibir os beneficios destas augas bicarbonatadas, sódicas e cloruradas que manan dos mananciais a máis de 70 graos de temperatura. Podemos facelo nas piscinas interiores do hotel-balneario, que gozan de privilexiadas vistas ás montañas da Serra do Xurés,conxugando as propiedades mineiromedicinais da auga cunha masaxe ou un tratamento de estética, relax ou saúde. Ou ben no exterior, onde hai un paseo fluvial e unha ampla área acondicionada para o baño á beira do río Caldo, cunha gran piscina pública e gratuíta de augas termais fumeantes que se mesturan coas máis frescas do río.

Para cear, carne de caza ou de vaca
Aconsellámosvos cear no aloxamento elixido, pero tendo presentes os produtos desta terra. Destaca a carne de caza ou de vaca cachena, unha raza autóctona, pequena e de grandes cornos. Vive en réxime de semiliberdade en rabaños de extensivo nas chairas próximas de Leboreiro, O Quinxo, Santa Eufemia, Xurés e Pisco.

Día 2º

Ruta de sendeirismo polo Parque Natural e relax no balneario

Despois do almorzo suxerímosvos comezar a gozar das incribles paisaxes, natureza e riqueza etnográfica e arqueolóxica do Parque Natural, cunha ruta de sendeirismo, das moitas que existen aquí. Podedes pedir que vos preparen un pícnic no restaurante do aloxamento.

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Unha antigua "mansio" romana, con calefacción baixo o chan
Propoñémosvos a chamada Ruta da Corga da Fecha, que comeza no Balneario de Lobios e segue o paseo fluvial do río Caldo, onde estivemos o día anterior. A uns cen metros, ao lado da Vía Nova, asoman os restos arqueolóxicos da mansio Aquis Originis, onde as escavacións actuais déixannos distinguir o que era unha cociña e a zona termal. Tamén ten hipocausto, un sistema de calefacción que facía circular o aire quente por canalizacións baixo o chan, empregado sobre todo nas termas do Imperio.

Muíños restaurados, fervenzas e pozas azuladas
Continuamos o percorrido polo val do río Caldo ata cruzar a Corga da Fecha, onde se inicia o ascenso que nos conducirá a unhas pozas cristalinas bordeando toda a Corga. A uns cincuenta metros de aquí podedes cruzar a ponte sobre o río Caldo, á vosa dereita, e admirar un muíño restaurado dos varios que existen no curso do río.

Despois volvede sobre os vosos pasos retomando a ruta antes da ponte e iniciaredes un ascenso cara a unhas fermosas pozas e fervenzas ou corgas. Son unha serie de saltos de auga no tramo final do regato da Fecha que superan un desnivel de douscentos metros na procura da encaixada canle do río Caldo. A cada salto as augas remánsanse formando pozas onde a auga adquire unha bela coloración azulada.

Unha pequena cabana usada polos pastores
Se continuamos en ascenso gañaremos unhas bonitas vistas sobre o val do Río Caldo e da Serra de Santa Eufemia. Despois chégase a un terreo chairo, onde se pode conectar con outra das rutas do Parque, a coñecida como Cabaniña do Curro, coa posibilidade de visitar esta pequena cabana ou chivana, unha curiosa construción empregada polos pastores para resgardarse.

Se a ruta se realiza en pleno esplendor primaveral, ademais de sentir a vista inundada de belas paisaxes, o noso olfacto apreciará a enorme cantidade de aromas que desprende a abundante flora que nos sae ao paso.

Pola tarde, de volta ao aloxamento, recomendámosvos que vos poñades en mans dos profesionais do Balneario de Lobios para recibir unha masaxe que vos repoña da camiñada e gozar da piscina de chorros, das cadeiras de brazos termais e do resto dos servizos cos que contan as instalacións termolúdicas.

Na cea degustaremos queixo ecolóxico de cabra e mel
Na cea gozaredes da cociña tradicional galega, no restaurante do balneario ou noutro da zona. Aquí prodúcese un exquisito queixo ecolóxico de cabra. Hai uns anos reintroduciuse unha especie da familia da extinta cabra do Xurés, cuxo último refuxio foron estas montañas, a finais do século XIX. A boa adaptación da especie actual ao lugar permitiu poñer en valor antigos costumes e tradicións da zona como a produción deste queixo de maneira artesá. Para a sobremesa considerade que, grazas á flora rica e variada do Parque Natural, o mel deste territorio é excelente.

Día 3º

Unha ruta a cabalo

Tralo almorzo aínda hai tempo para un último baño ou tratamento termal no hotel-balneario de Lobios.

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Logo animámosvos a que gocedes das mesmas panorámicas do día anterior pero dende unha perspectiva distinta, a lombos dun cabalo.
A ruta, de grande interese paisaxístico, pódese escoller dunha, de dúas ou mesmo de catro horas de duración polo contorno de Lobios, partindo do lugar de San Martiño. Ao longo do percorrido descubriredes lugares de gran beleza. Teredes a oportunidade de atravesar aldeas que revelan os detalles da súa arquitectura popular, cruzar pontes e incluso salvar pequenas canles de auga.

Xunta de Galicia

© 2016 Turismo de Galicia | Todos os dereitos reservados
Política de privacidade | Contacto | Accesibilidade

Galicia
Arriba