En Baiona rememoraremos o Descubrimento de América. No Talaso de Oia sacarémoslle todo o proveito ao Atlántico. E a bordo dun veleiro sucaremos as augas da Ría de Vigo para coñecer o archipiélago de San Simón, cunha historia cargada de episodios gloriosos e tamén escuros.

Podemos aproveitarnos dos beneficios das súas augas aplicadas á talasoterapia. E deixarnos atrapar pola espectacular paisaxe, fauna e flora da baía de Vigo e a ensenada de San Simón, Zona de Especial Protección dos Valores Naturais e Lugar de Importancia Comunitaria na Rede Natura 2000

O concello de Oia móstranos a cara máis relaxante e emocionante do Atlántico. Podemos aproveitarnos dos beneficios das súas augas aplicadas á talasoterapia. E deixarnos atrapar pola espectacular paisaxe, fauna e flora da baía de Vigo e a ensenada de San Simón, Zona de Especial Protección dos Valores Naturais e Lugar de Importancia Comunitaria na Rede Natura 2000. Mentres, somerxerémonos en apaixonantes historias de corsarios, batallas navais e tesouros afundidos no seu mar.

Máis información...
- Talaso Atlántico. www.talasoatlantico.com
- Fundación Illa de San Simón. www.fundacionilladesansimon.org
- Mosterio de Santa María de Oia. www.monasteriodeoia.com

Día 1º

Historia en Baiona e auga mariña en Oia

A proposta que vos facemos para gozar dos beneficios da talasoterapia conduciranos ás instalacións do balneario mariño do Talaso Atlántico, situado nas Mariñas, no concello de Oia.

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Rememoramos o Descubrimento de América
Suxerímosvos chegar a primeira hora da tarde á zona, separada da localidade de Baiona por apenas un cuarto de hora en coche pola PO-552. Por iso aconsellámosvos parar previamente nesta vila chea de atractivos.

O que primeiro salta á vista é o Paseo Marítimo, moi coidado e de seis quilómetros de extensión. Podedes comezar a camiñada dende A Ramallosa, fronte á praia Ladeira,e continuar cara ao porto pesqueiro e o deportivo.

Se pensades en algo máis relaxado conducide cara ao centro e comezade dende o propio porto deportivo, xa na Avenida Monterreal. Gozaredes das vistas sobre a súa animada baía, chea de barcas pesqueiras e modernas embarcacións deportivas. Ao final poderedes observar a fortaleza, hoxe Parador de Turismo, coroando a península de Monterreal.

De entre os barcos, amarrada ao final dun longo espigón, chamaravos a atención unha embarcación máis antiga que vos recordará ás carabelas que acompañaron a Colón no Descubrimento de América. Trátase dunha reprodución exacta da carabela La Pinta, moi vinculada á historia de Baiona. A este porto chegou en 1493 a orixinal coa primeira noticia da existencia do Novo Mundo.

En 1493 a carabela “La Pinta
chegou ao porto de Baiona
coa primeira noticia da
existencia de América

E, en conmemoración deste fito histórico, Baiona celebra todos os anos, a primeira fin de semana de marzo, a Festa da Arribada, declarada de Interese Turístico.
É posible visitar o interior da carabela, unha forma entretida de revivir a xesta do Descubrimento. Dentro alberga un pequeno museo colombiano con figuras que representan á tripulación e aos indíxenas americanos. Posúe reproducións de metaies, plantas, alimentos e animais exóticos que, na primeira viaxe de regreso, trouxeron do Novo Mundo a Europa.

Un paseo polo casco histórico de Baiona
Trala visita teredes a sensación de seguir viaxando atrás no tempo se vos internades nas rúas angostas, con soportais e empedradas do casco histórico, ao que podedes acceder dende o porto marítimo. Seguro que gozaredes dun pequeno percorrido, pois a cada paso atópase un templo, unha fonte ou unha casa nobiliaria. En Baiona, como en calquera das vilas e cidades galegas, hai moito ambiente de tapas, por se vos apetece gozar deste costume.

Tratamentos con produtos mariños no talaso de Oia
Despois das tapas chegará a hora de dirixirse ao concello de Oia para gozar dos beneficios da auga e outros elementos mariños. Na zona atoparedes unha ampla variedade de aloxamentos, onde tamén se inclúe o hotel de cuatro estrellas que alberga as instalacións do talaso.

Acomodada a equipaxe no establecemento escollido, é momento de probar un percorrido mariño na piscina de auga de mar quentada a temperatura corporal ou algún dos tratamentos a base de algas, limos, fangos ou sales, con propiedades remineralizantes e rehidratantes.

Percebes, ourizos de mar, caramuxos ou chourizo para a cea
Tralo tratamento convén repousar un pouco antes da hora da cea. Para ese momento existen moitas alternativas. A un e outro lado da estrada costeira e nas poboacións que atravesa apóstanse restaurantes, bares e marisquerías. Debemos ter en conta que o percebe, o ourizo de mar, o caramuxo ou os chourizos teñen festa gastronómica propia neste concello.

Día 2º

A historia gloriosa e escura do arquipélago de San Simón

Durante o segundo día de estancia propoñémosvos aproveitar a proximidade coa ría de Vigo para descubrir a súa paisaxe, valor ambiental, historia e lendas, tanto as que atesoura nos fondos mariños como as que afloran á superficie, como no pequeno arquipélago de San Simón.

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

A tripulación deixaranos manexar o temón e as velas
As distintas empresas de chárter náutico da zona ofrecen percorridos a bordo de embarcacións. Isto pode axudarnos a engadir aínda máis emoción á experiencia, por exemplo sucando as augas nun veleiro. O punto de embarque será nos peiraos de Bouzas, en Vigo, a onde podemos dirixirnos tralo almorzo. Lembrádevos de coller unha peza de abrigo, a crema solar e evitar o calzado con sola negra.

Antes de partir, a tripulación danos todas as indicacións e o material de seguridade necesario. Ademais, se é o noso primeiro bautizo de mar, deixaranos ensaiar as manobras de manexo das velas e o temón. Este será o instante de lembrar o que o capitán Nemo lle dixo ao profesor Aronnax: “nestes momentos estamos na baía de Vigo e só depende de vostede penetrar nos misterios encerrados nela”. Porque tamén nesta ría Xulio Verne achou inspiración para as súas 20.000 leguas de viaxe submarina..

Xulio Verne inspirouse na
ría de Vigo para escribir
20.000 leguas de viaxe submarina

Detémonos ante unha batea de ostra ou de mexillón
Xa a bordo poñemos rumbo á ensenada de San Simón, que constitúe o punto final no interior da ría de Vigo. Os polígonos de bateas para o cultivo de bivalvos como a ostra e o mexillón flanquean os dous extremos da ría facéndonos como unha roda. Un pouco máis adiante a ruta contempla a parada nunha delas para coñecer de preto o proceso de cría nestas plataformas flotantes.

Os fondos da
enseada de San Simón
poderían albergar os tesouros que
os galeóns españois trouxeron de América

Continúa a travesía e vemos como as marxes da ría se estreitan ata unirse pola tensada ponte de Rande, a de maior lonxitude do mundo deste tipo no momento da súa inauguración. Tras ela entramos na enseada de San Simón. Din que nos seus fondos encóntranse os tesouros que trouxeron de América os galeóns españois atracados aquí e que a escuadra francoespañola mandou afundir cando se viron derrotados pola coalición anglo-holandesa na memorable batalla de Rande, librada o 23 de outubro de 1702.

Colonias de patos, garzas, gaivotas e corvos mariños
O aspecto da enseada recordaranos unha gran lagoa. Aquí conflúen as correntes das augas salgadas do Atlántico e as doces dos ríos Verdugo e Maceira. Deste fenómeno xorde un ecosistema único, recoñecido como Zona de Especial Protección dos Valores Naturais e Lugar de Importancia Comunitaria na Red Natura 2000. Ante os nosos ollos esténdese unha paisaxe de estuario e de marisma. Se sodes afeccionados á ornitoloxía, as colonias de patos e aves limícolas (garzas reais, gaivotas e corvos mariños) ofreceranvos un magnífico espectáculo.

En San Simón recíbenos unha escultura do capitán Nemo
Ao irnos aproximando ás illas de San Simón e San Antón, unidas por unha bonita ponte de tres arcos, vemos en metade da auga a escultura do capitán Nemo, señor do submarino Nautilus. Cando baixa a marea aparecen dous mergulladores aos seus pés que as augas volven engulir en preamar.
Entraremos en San Simón tras ter atracado no peirao do Capitán. A partir deste momento somerxerémonos na historia do arquipélago, que reviviu tras anos de abandono. Tense convertido nun think tank, un laboratorio de ideas que serve de plataforma de expresión e libre circulación de pensamento para distintos colectivos. Un proxecto de recuperación do contorno incluíu a rehabilitación dos seus antigos edificios. Con esta iniciativa homenaxéase o pasado glorioso e tamén escuro da historia das illas.

O arquipélago de San Simón foi
hospital de leprosos,
campo de concentración e
prisión franquista

Sediame eu na ermida de San Simón e cercáronme as ondas, que grandes son; ¡eu atendendo o meu amigo, eu atendendo o meu amigo!”.
Mendinho, trovador galego-portugués

Ao longo de dez séculos foron asentamento de monxes templarios, lugar de inspiración na lírica galaico-portuguesa medieval, obxecto de saqueos viquingos e piratas e testemuñas de batallas navais. E, máis tarde, lazareto, campo de concentración e prisión franquista, orfanato e residencia vacacional da garda de Franco. Os detalles desta historia podémolos descubrir no Centro de Interpretación e Documentación, que ocupa o edificio coñecido como “hospitalillo” na Illa de San Antón.

Comemos e paseamos pola Illa de San Simón
Trala visita podemos cruzar a ponte cara á outra illa de San Simón para xantar no edificio destinado a cafetería e restaurante e despois dar un paseo. A beleza da súa paisaxe non deixa indiferentes aos visitantes. A súa vexetación exuberante conta con moitas especies foráneas, mesmo exóticas. Destaca o Paseo dos Buxos, unha bóveda de buxos que vai camiño da segunda centuria. Aínda que a pequena extensión do arquipélago permite percorrelo en media hora, recomendámosvos unha camiñada pausada e ir descubrindo a multitude de detalles naturais e artísticos, que

A media tarde, unha vez que atraquemos en Vigo, pode ser moi apetecible regresar aotalaso e gozar do circuíto termal antes da cea.

Día 3º

Do mar á montaña

Tralo almorzo aínda queda tempo para un megullo na piscina de auga mariña do talaso. Tamén podemos darnos unha masaxe o un último tratamento relaxante, estético ou de saúde.

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Entre cabalos en liberdade
Ao rematar podedes dirixirvos cara o sur do concello de Oia, seguindo a estrada costeira para, despois dunha fin de semana moi mariña, explorar tamén a montaña. Neste traxecto animámosvos a tomar algunha das estradas que dende Viladesuso ou Mougás ascenden cara á Serra da Groba. As súas pistas forestais préstanse a descubrir o mundo das brañas e os cabalos en estado de liberdade.

Estamos na terra dos curros máis tradicionais de Galicia, un dos espectáculos máis populares e concurridos na zona que consiste no acurralamento dos cabalos destas montañas e o seu posterior rapado e marcado. A súa celebración transcorre entre os meses de maio e xuño.

Aquí celébranse os curros
máis tradicionais de Galicia,
unha loita entre o home e o cabalo
cuxa fin é rapar e marcar aos animais

Un mosteiro fronte ao mar
Tamén vos recomendamos que continuedes algo máis ao sur ata a localidade de Oia, onde se atopa o Mosteiro de Santa María a Real de Oia. Ademais da magnífica construción deste austero cenobio cisterciense, fundado no século XII coa axuda do rei Afonso VII, sorprenderavos a súa localización, fronte ao mar.

Arriba