Esta illa paradisíaca ofrécenos os beneficios do mar nos seus centros de talasoterapia. No Grove probaremos o mellor marisco. Embarcaremos no seu porto para navegar pola Ría de Arousa; nas súas augas coñeceremos o traballo nas bateas, onde se cría o mellor marisco do mundo.

Queremos proporvos unha escapada en parella aos seus centros de talasoterapia. Aquí é posible combater o estrés, embelecer corpo e espírito, divertirse ou relaxarse. E, ademais, saborear a súa espléndida gastronomía e contemplar o azul intenso do seu horizonte.

A Illa da Toxa é un refuxio para vivir o mar a fondo. Pódese aproveitar o seu efecto beneficioso sobre a saúde, gozar dos manxares que del se extraen ou recrearse en paisaxes costeiras e submarinas. Queremos proporvos unha escapada en parella aos seus centros de talasoterapia. Aquí é posible combater o estrés, embelecer corpo e espírito, divertirse ou relaxarse. E, ademais, saborear a súa espléndida gastronomía e contemplar o azul intenso do seu horizonte.

Máis información...
- Talaso Hotel Louxo La Toja. www.louxolatoja.com
- Balneario da Toxa (Hotel Eurostars Isla De La Toja). www.eurostarshotels.com/eurostars-isla-de-la-toja.html
- Balneario da Toxa (Eurostars Gran Hotel la Toja). www.eurostarshotels.com/eurostars-gran-hotel-la-toja.html

Día 1º

A tranquilidade da illa

O itinerario máis habitual para chegar á Illa da Toxa segue a autovía do Salnés AG-41, en dirección Sanxenxo-Cambados-O Grove. Chegados a esta localidade, cruzamos a puente que a une coa illa.

A península do Grove abraza a illa da Toxa, protexéndoa da forza más embravecida do mar. Atópase, así mesmo, favorecida polo clima suave que domina en todo o Val do Salnés. Son feitos que preludian a serenidade que vimos buscando. Esta sensación de tranquilidade acentuarase no hotel escollido, de entre a luxosa oferta de aloxamento que hai na illa. Ademáis do hotel talaso existen dous hoteis balneario.

O poder salutífero e relaxante da auga do mar
Recomendámosvos chegar a primeira hora da tarde. Tan pronto como acomodemos a equipaxe, podemos dirixirnos ao spa e aos espazos talasoterapéuticos do hotel. Atoparemos un abano moi grande de programas de relax, beleza, adelgazamento, saúde e mesmo rehabilitadores.

No talaso a auga do
mar elévase á temperatura
corporal para que, ao somerxernos nela, a pel
se volva permeable aos minerais que a compoñen

E xa podemos empezar a comprobar o poder salutífero da talasoterapia, baseada en tratamentos que usan principalmente elementos mariños. A auga do mar elévase á temperatura corporal para que, ao somerxernos nela, a pel se volva permeable aos minerais que a compoñen. Ao mesmo tempo, a densidade deste líquido elemento descárganos de boa parte do peso do corpo.

Podemos acompañar o baño con distintas técnicas de masaxe manual que ofrecen estas instalacións. Algunhas practícannas varios profesionais ao unísono. As súas mans entrecrúzanse en perfecta sincronía e conseguen relaxarnos de pés a cabeza. Ao rematar, apreciaremos os efectos sobre corpo e espírito.

Neste punto o estado de relax é total, así que, para coroar o tratamento, resulta recomendable, e ata moi desexable, unha pequena sesta para asimilar integramente os beneficios talasoterapéuticos, como unha parte máis da experiencia termal.

As augas e baños da Toxa
curan dos males horribles,
dos males que estarrece nomear

Emilia Pardo Bazán

Un paseo pola illa
Tras un descanso reparador, deixarnos convidar pola illa a un paseo é unha opción vivificante. As súas marxes ofrecen vistas privilexiadas á ría, a veces dende brancas balaustradas. As súas sendas con palmeiras e piñeiros estimulan o noso ánimo e así apreciaremos, máis intensamente se cabe, os sabores de peixes e mariscos da Ría de Arousa. A súa calidade ten xusta fama e, acompañados polos albariños da terra, adoitan ser unha elección irrenunciable.

Día 2º

No Grove gozamos do mar e do seu marisco

Podemos dedicar a mañá a una actividade apaixonante, como explorar o fondo submarino e a costa da Ría de Arousa. Desembarcados no porto do Grove, pensaremos en gozar da calidade culinaria do lugar. Despois de comer podemos continuar a ruta pola mesma comarcal, ata o propio San Vicente, no outro extremo da península. De volta na Toxa aconsellámosvos probar novos tratamentos para repoñer enerxías.

Navegamos pola Ría de Arousa
Despois dunha véspera tan relaxante estaremos ateigados de enerxía. Podemos dedicar a mañá a una actividade apaixonante, como explorar o fondo submarino e a costa da Ría de Arousa.

Pódese facer en veleiro, en catamarán ou en barcos de fondo transparente, que parten do porto deportivo de O Grove. Chegaremos en pouco máis de cinco minutos en coche, tras cruzar a ponte que une a illa con esta localidade. Na primeira rotonda collemos o primeiro desvío cara á Avenida de Beiramar e continuamos ata ver os peiraos, á dereita.

Unha vez a bordo, a embarcación deixará o seu ronsel polo perfil da ría e os seus illotes. Se a opción é o catamarán, fondeará ao lado de verdadeiros bosques de algas, fáciles de observar dende o fondo acristalado do barco. Non esquezamos que as rías galegas son un dos maiores depósitos de fitoplancto do planeta, segundo a FAO. Esta característica outorga ás augas unha calidade excepcional e permite que os bivalvos criados nelas medren en tempo récord. E comprobarémolo deténdonos nalgunhas das bateas, plataformas de madeira sobre o mar, onde se crían mexillóns, ostras e vieiras.

As rías galegas son
un dos maiores depósitos de
fitoplancto do planeta,
o que fai que o marisco
medre con rapidez

O traballo nas bateas
É doado atopar un mariñeiro de faena sobre as bateas, dado que esta actividade é un dos motores económicos da zona. A pesar do apoio mecánico, a dureza do traballo é perceptible. Cada corda que suxeita os bivalvos pode pesar ata trescentos quilos e hai que manipulala para limpala de algas ou parasitos. Tamén é necesario desdobrar as cordas a medida que os bivalvos van medrando. Dende o interior do barco é posible ver como as cordas penden das bateas cara ao fondo mariño.

Seguindo a travesía, con toda probabilidade atravesaremos bancos de peixes, onde poderemos atopar bogas ou sargos, entre outros. Algúns, como o peixe bésta, resultan moi rechamantes polas súas vivas cores. E, se a sorte nos sorrí, quizais divisemos unha familia de delfíns próxima á costa, disposta a divertirnos durante un anaco cos seus cantos e piruetas.

Os produtos do mar
Desembarcados no porto do Grove, pensaremos en gozar da calidade culinaria do lugar. As marisquerías e restaurantes do porto son unha boa opción. Están surtidas de produtos da ría como mexillóns, ostras, vieiras, ameixas, berberechos, centola ou boi de mar. Tamén destacan os peixes das súa frota de baixura que se poxan na lonxa. Se preferimos carne, atoparemos produtos asociados á matanza do porco e tenreira.

Se buscamos cociña de autor e ambiente vangardista, cara a San Vicente acharemos restaurantes recoñecidos pola biblia gastronómica, a guía Michelín. Probar alí un boi de mar esmigallado ou un crocante de arroz de choco son exemplos que demostran que a relación co produto autóctono xamais se perde.

Paseos á beira do mar
Despois de comer podemos continuar a ruta pola mesma comarcal, ata o propio San Vicente, no outro extremo da península. É perfecto para osixenar o corpo con aire puro cun paseo polas súas sendas de madeira, como a de Con Negro, que discorren entre os cantís máis agrestes do concello.

E se preferimos un plan máis relaxado, antes de volver á illa poderemos dar un pequeno paseo polas rúas e prazas do Grove e admirar unha rede de máis de 50 esculturas de granito, que medra cada ano grazas aos participantes no Simposio de Escultura, unha das actividadees que teñen lugar a principios de outubro durante a celebración da Festa do Marisco.

Tratamentos a base de viño ou chocolate
De volta na Toxa aconsellámosvos probar novos tratamentos para repoñer enerxías. Atoparemos numerosas propostas a base de viño, algas, aromas, cores ou chocolate, sempre combinadas con auga de mar.

Día 3º

Despedímonos da illa entre cunchas, sales e xabóns

Antes de poñer punto final á viaxe non podemos deixar de visitar un dos edificios relixiosos máis singulares de Galicia. Trátase da coñecida como Capela das Conchas, en pleno centro da illa

Unha capela recuberta de cunchas de vieira
Conserva o seu culto a San Caralampio e á Virxe do Carme dende o século XII. O seu interior, con certo aire mariñeiro, é modesto. Pero a verdadeira atracción é o exterior, completamente recuberto de cunchas de vieira.

A Toxa, como estandarte termal, estendeu esta alquimia natural á fabricación dun dos xabóns con máis tradición de España. Onde noutrora se atopaba a fábrica, hoxe existe unha tenda-museo cos produtos da marca “La Toja”, cuxa historia podemos percorrer en paneis explicativos. Atoparemos sales, xabóns, cremas e produtos de estética e saúde.

As pintorescas vendedoras de colares
Tanta tradición como os xabóns teñen as vendedoras de colares de cunchas. As súas mans teñen enfiado durante décadas as sinuosas formas que o Atlántico lles achega ata a súa costa. Apostadas xunto á estrada, baixo os seus parasoles de praia, dannos a benvida e tamén nos despiden da illa.

Arriba
Axúdanos a mellorar!