Unha ruta dunha semana polos espazos de referencia das cinco denominacións galegas. Visitaremos pazos señoriais, xoias arquitectónicas, adegas, recunchos de montaña, vilas mariñeiras; dende as Rías Baixas ata Santiago de Compostela, pasando pola Galicia interior.

Esta é unha experiencia para vivir nunha semana o mellor dos viños das denominacións de orixe galegas: Rías Baixas, O Ribeiro, Ribeira Sacra, Valdeorras e Monterrei.

Pasea entre viñedos pola beira do mar e do río, en ladeiras e vales, en montañas e canóns; achégate a pazos, mosteiros, igrexas, castros e fortalezas. Saborea albariño, treixadura, mencía, godello, loureira, caíño branco, brancellao e ata máis de 20 variedades de uvas autóctonas, combinadas en sabias proporcións en adegas señoriais, rústicas ou vangardistas. Descansa e rodéate de atencións en confortables edificios de valor histórico e artístico, en plena natureza ou na urbe.

Máiis información...
- Denominación de Orixe Rías Baixas. www.doriasbaixas.com
- Denominación de Orixe Ribeiro. www.ribeiro.es
- Denominación de Orixe Ribeira Sacra. www.ribeirasacra.org
- Denominación de Orixe Valdeorras. www.dovaldeorras.tv
- Denominación de Orixe Monterrei. www.domonterrei.com

Día 1º

En Cambados, vila mariñeira e señorial

O Val do Salnés, no corazón das Rías Baixas e baixo o amparo da Denominación de Orixe do mesmo nome, será o noso punto de partida.

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

A súa proximidade coa arteria vial de Galicia, a Autoestrada do Atlántico (AP-9), e a súa conexión coa Autovía do Salnés (AG-41) dótano de excelente accesibilidade. Dentro do val, a coñecida como “capital do albariño” é a localidade de Cambados. Recomendámosvos chegar pola mañá cedo a esta vila mariñeira e señorial, antigo feudo dunha poderosa fidalguía galega.

Cambados ofrece aloxamento en pazos, casas señoriais ou establecementos rurais ou hoteleiros. Pero o seu estandarte é o Parador do Pazo de Bazán, mansión do século XVII, que no seu día aloxou ao mesmo De Gaulle. A súa situación en pleno centro facilítanos a chegada en poucos minutos á impoñente Praza de Fefiñáns, declarada Ben de Interese Cultural, xunto co conxunto artístico do século XVI que se alza arredor.

Visita á adega do Pazo de Fefiñáns

Destaca o impresionante Pazo de Fefiñáns, cuxa adega nos dispoñemos a visitar. O noso percorrido non só será un encontro de tecnoloxía abrazada á tradición na elaboración destes albariños, senón tamén unha lección de historia, heráldica e arte mentres percorremos os salóns, corredores e estancias do pazo. Sentirémonos seducidos pola exuberante natureza que encerran os seus muros, camiñando entre os seus viñedos en emparrado e polo seu magnífico xardín de especies autóctonas e buxos centenarios. Concluiremos a visita coa degustación dalgún dos seus excelentes viños.

O contorno de Fefiñáns rodéase de restaurantes onde acompañar os afamados mariscos da ría de Arousa co “príncipe dourado dos viños”, como denominaba Cunqueiro ao albariño.

Historia e mar

Pola tarde aconsellámosvos seguir a gozar da fermosa arquitectura palaciana de Cambados polo aristocrático barrio de Fefiñáns. Atravesando as rúas do seu centro histórico alcanzaremos o barrio de San Tomé, o máis mariñeiro da vila. Atoparémonos cos restos da Torre de San Sadurniño que, en preamar, parece xurdir da ría.

Para completar a visita, suxerímosvos subir ata a parte máis alta da poboación e coñecer o Museo Etnográfico e do Viño, situado ao pé das ruínas da Igrexa de Santa Mariña Dozo, e presenciar a posta de sol dende o próximo mirador da Pastora, que vos proporcionará unhas bonitas vistas do Val do Salnés e da Ría de Arousa.

Día 2º

Das adegas de Vilanova de Arousa ao marisco do Grove e Baiona

Tralo almorzo e unha pequena camiñada polo Paseo Marítimo de Cambados, poñemos rumbo a Tremoedo, no veciño concello de Vilanova de Arousa.

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Dende Cambados atopamos unha paisaxe de ladeiras onduladas cheas de emparrados e adegas. Cando degustemos os seus caldos en salas de cata, que son unha alegoría arquitectónica ao mundo do viño, entenderemos a importancia que aquí se lle concede á cultura enolóxica. Nas súas mesas poderannos ofrecer algunha exquisitez do mar como empanada de mexillóns, zamburiñas á prancha ou minifilloas de marisco para acompañar os viños de albariño.

Outra posibilidade é dirixirnos á localidade do Grove, coñecida como a “capital do marisco”. Unha boa elección para o xantar son as marisquerías apostadas fronte ao seu porto e ao longo do Paseo Marítimo. Trala comida, un percorrido polo porto situaranos ante un dos maiores bancos marisqueiros do mundo, onde se cultivan mexillóns, ostras e vieiras nas bateas, plataformas flotantes na ría, que distinguiremos a simple vista.

O Paseo Marítimo de Baiona, un bo lugar para relaxarse e comer

Pola tarde avanzamos cara ao sur. Poderemos percorrer tranquilamente parte da costa das Rías Baixas, pasando por Sanxenxo, Pontevedra, Arcade, Redondela e Vigo ata chegar a Baiona. Ou ben alcanzar rapidamente esta poboación pola Autoestrada do Atlántico e logo pola AG-57. Unha vez alí, un percorrido polo Paseo Marítimo é ideal para contemplar a baía e as brancas galerías acristaladas da fachada marítima e entretérmonos ata a cea.

No peirao hai unha reprodución exacta da carabela La Pinta, que hai máis de 500 anos trouxo ata esta localidade a primeira noticia que soubo Europa do descubrimento de América. En canto ao aloxamento, a oferta é moi variada pero o establecemento máis emblemático e que xa vemos dende o porto é o Parador, a medio camiño entre fortaleza e pazo señorial. Está dentro do recinto amurallado do século XIV que percorre a península de Monterreal e conserva as tres torres dende as que se vixiaba a fortaleza. Para a cea pode tentarnos unha mariscada ou unha robaliza en salsa de grelos procedente da súa cociña ou os menús dos restaurantes do Paseo Marítimo.

Día 3º

De Baiona a Tui

Cando rematemos de almorzar podemos despedirnos de Baiona percorrendo un tramo do Paseo Monte Boi, una senda que rodea a fortaleza. Dende aquí divisamos as illas Estelas e Cíes, entre o mar e un monte de piñeiros, salgueiros, freixos e carballos.

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Continuamos cara ao sur, deixando atrás o dominio máis exclusivo do albariño, cara a terras onde a nobreza desta uva enriquécese dos matices aportados pola loureiro e a tan delicada caíño branco. Esta fórmula practícase no Val do Rosal, a parte máis meridional de Galicia e fronteiriza con Portugal.

Por unha serie de estradas provinciais alcanzamos Couselo. Aquí poderemos visitar unha adega situada nun pazo de hai 200 anos que foi restaurado. E pasearemos polo seu viñedo, unha antiga herdade dos monxes cistercienses, aos cales se atribúen os inicios do cultivo da vide nestas terras xa no século XII. Ademais dos viños, algunhas adegas contan con salas de destilación, herdeiras da tradición dos poteiros do Rosal. Degustaremos o seu viño, augardentes e licores, que se destilan e logo maceran neles deliciosos produtos como os mirabeis.

A Guarda, capital da lagosta

Por proximidade propoñémosvos comer na localidade da Guarda, “capital da lagosta”. Gozaredes da actividade animada do seu porto. No seu contorno poderedes degustar exquisitos mariscos e peixes e a típica rosca de xema.

Despois da comida, suxerímosvos primeiro un pequeno paseo polo dique dos mariñeiros e logo subir ao Monte de Santa Tegra e coñecer un dos poblados castreño-romanos mellor conservados de Galicia. Podedes deixar o automóbil na zona de recepción ao visitante e logo facer a pé unha ruta de menos dunha hora de duración que percorre todos os xacementos arqueolóxicos escavados. Buscade a espléndida colección de esvásticas achadas nestas escavacións dentro do museo. Dende a cima obteredes panorámicas espectaculares da Guarda, a desembocadura do Miño no Atlántico e os outeiros suaves e ondulados de viñedos, casas e hortas do Val do Rosal e do veciño Portugal. E se antes de marcharvos vos apetece unha merenda, hai servizo de cafetería e restauración.

En Tui, a lamprea e o meixón, pratos estrela

Logo propoñémosvos remontar o Miño por estrada para chegar a Tui, que foi unha das capitais de Galicia ata 1833. Para dormir atoparedes hoteis, pensións e casas rurais. Pero o seu buque insignia é o Parador, a un quilómetro do centro, fronte á Ponte Internacional deseñada por Eiffel, que nos comunica con Portugal. Á hora da cea a “lamprea á tudense”, o seu prato estrela, será unha tentación. En temporada atoparémola, así como os meixóns, en restaurantes da zona porque péscanse no estuario do Miño.

 

Día 4º

De Tui á Ribeira Sacra

Aconsellámosvos empezar a mañá cun bo almorzo para ascender cedo ao promontorio onde se asenta a vila de Tui.

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Sentiremos ter viaxado ao medievo mentres subimos polas rúas da Canicoba, Entrefornos, Rúa do Corpo Santo ou o túnel de Encerradas, un pasadizo abovedado baixo o Convento das Clarisas, que comunica a parte alta coa zona entre murallas. As monxas elaboran os afamados “peixiños”, uns deliciosos doces de améndoa típicos desta localidade.

Chegamos á gran catedral fortificada, a única da provincia de Pontevedra, de estilo románico e gótico. A súa porta occidental merece a fama de ser unha das máis belas do gótico español. No seus capiteis historiados vemos aves e felinos de gran realismo. Tamén á virxe tendida nunha cama, que representa a Natividade. Axiña vincularedes as imaxes con coñecidos capítulos bíblicos.

Neste contorno domina a conca do Miño. Exhíbese en toda a súa frondosidade, cos seus bosques de ribeira e os seus fértiles vales, cheos de hortas e de grandes viñedos. Veremos mutar esta paisaxe unha vez que tomemos a A-55 e despois a Autovía das Rías Baixas (A-52) cara aos dominios da Denominación de Orixe O Ribeiro, en Ourense. O camiño tórnase máis accidentado a medida que avanzamos polos Montes da Paradanta, tapizados de matogueiras salpicadas de formacións rochosas.

En San Clodio visitaremos unha adega e o mosteiro

Sobre o mediodía alcanzamos San Clodio, unha das parroquias de Leiro, a medio camiño entre O Carballiño e Ribadavia. O val do río Avia caracterízase pola docilidade da súa paisaxe, que deu lugar historicamente a importantes plantacións de viñedos nas súas faldras. Poderemos visitar unha plantación da uva autóctona treixadura ao lado dun gran casal rural, convertido en aloxamento con encanto. A súa galería ofrece unha posición privilexiada para ver ascender o viñedo por unha ladeira orientada ao mediodía. Despois camiñaremos sobre a súa terra areosa. Na adega Viña Meín, levantada aos pés do casal e adosada a un gran bolo granítico, repasaremos o proceso de produción destes viños. Se nos apetece, podemos concluír a visita no comedor degustando empanada e queixos cos que acompañar a este branco de treixadura, ao que tamén se lle engade godello, albariño, torrontés ou albilla, en diversas proporcións segundo os anos.

Apenas a un quilómetro de distancia atópase o Mosteiro de San Clodio, hoxe hotel-monumento pero aberto ás visitas. Poderemos aproveitar a sobremesa e visitar este lugar onde os monxes do Císter no século XII empezaron a plantar os primeiros viñedos.

A beleza paisaxística da Ribeira Sacra, bañada polo río Sil

Pola tarde poñemos rumbo a unha das paisaxes máis fascinantes da Galicia interior, compartida polas provincias de Lugo e Ourense, a Ribeira Sacra. O seu nome esténdese á denominación de orixe que ampara os viños aquí producidos. Veremos os viñedos colgados de abruptos canóns nas ladeiras que reciben máis luz solar, mentres que nas de sombra é o bosque autóctono o que se apodera do terreo. As altas temperaturas que permiten esta espectacular orografía favorecen a aparición de especies propias do bosque mediterráneo como as sobreiras e os albedros.

Neste territorio agreste ábrese paso o caudaloso río Sil, que parece axeonllarse ante as igrexas e mosteiros que o bendicen dende o alto. Lugar de refuxio para eremitas dende o século IV, a Ribeira Sacra converteuse no berce do monacato galego. Hoxe quedan sobresaíntes exemplos como o Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil, Monumento Histórico Artístico dende 1923 e hoxe Parador, onde mesmo poderemos relaxarnos no seu spa. Chegaremos pola A-52, que pasa por Ourense, e logo pola N-120 dirección Monforte de Lemos. No km 550 (en Penalba) collemos o desvío a Luíntra e continuamos ata Santo Estevo de Ribas de Sil.

 

Día 5º

Unha aventura en catamarán polo río Sil e visita a unha adega

A beleza da Ribeira Sacra, cos seus viñedos en pendente, merece ser vista dende todas as perspectivas. Pola mañá trasladarémonos á ribeira lucense do Sil e observarémola dende as profundidades do canón, durante unha viaxe en catamarán, que parte e regresa ao embarcadoiro de Doade, no concello de Sober.

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Durante hora e media quedaremos absortos vendo como os viñedos dispostos en terrazas ou socalcos parecen escalar polos desfiladeiros. Ao volver a Doade poderemos degustar unha comida tradicional con produtos autóctonos e de temporada, como os cogomelos e castañas, que constitúen unha excelente guarnición para as carnes da zona, acompañadas polos mencías da Denominación de Orixe Ribeira Sacra.

Pola tarde exploraremos o canón a vista de paxaro. Antes deberemos ascender as montañas por serpeantes pistas. Culminaremos o traxecto nunha das adegas da denominación. Coñeceremos o proceso de produción do viño, orientado fundamentalmente á variedade mencía, aínda que tamén se usa brancellao, merenzao, sousón e caíño tinto. Para os brancos empréganse as variedades godello, albariño e treixadura. Os profesionais da adega contarannos en que consiste a “viticultura heroica”, un concepto que xa intuímos de camiño, ao ver como os bancais de viñedos parecen precipitarse en pendentes de vertixe. Trala visita regresamos ao hotel para cear e descansar.

 

Día 6º

Da Rúa a Monterrei

Tralo almorzo iniciamos a visita á comarca veciña de Valdeorras, na parte nororiental da provincia de Ourense, seguindo a N-120. O noso destino é o concello da Rúa, onde se localiza a maior parte das adegas da Denominación de Orixen Valdeorras. Non perdemos de vista o río Sil, que á altura da Rúa alcanza os dous quiilómetros de ancho no encoro de San Martiño, lugar privilexiado para a flora e as aves, onde se ten rexistrado máis dunha ducia de familias de patos distintas.

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Dende aquí poñemos rumbo ao Monte da Coroa para visitar unha adega situada no que foi un antigo asentamento romano. O seu edificio construíuse só con materiais autóctonos como a pedra, a madeira, o barro ou a lousa, sobre a que xira a economía da comarca. Como noutras do lugar, a adega fai madurar os viños baixo terra, en covasadega, a poucos metros do que foi unha explotación aurífera traballada polos romanos.

Produtos elaborados da matanza do porco como o botelo ou a androlla son típicos da zona

Ao rematar a visita aconsellámosvos buscar un lugar de comida tradicional onde acompañar un botelo ou unha androlla, elaborados da matanza do porco, cos godello ou os mencía, as variedades máis empregadas polas adegas da denominación. Para dixerir ben os pratos animámosvos a pasar a tarde percorrendo o complexo do Aguillón, zona verde de paseo no contorno do encoro de San Martiño. Fóra da parte máis urbana hai paseos de terra que se internan entre as árbores e poden chegar a pequenas enseadas. Son miradoiros privilexiados das aves que frecuentan este espazo natural.

Continuaremos ata as ladeiras e os vales da Denominación de Orixe Monterrei, na zona suroriental de Ourense, próximos a Portugal. O emblema da comarca é a cidade-fortaleza de Monterrei. Aos seus pés hai un Parador, con aires de pazo, unha opción perfecta para pasar a noite ao amparo da fortaleza. Verín e os seus arredores completan a oferta hoteleira e de aloxamentos rurais.

Día 7º

De Monterrei a Santiago de Compostela

Pola mañá faremos unha visita obrigada á cidadela de Monterrei, considerada por moitos autores como a maior acrópole de Galicia. Se estamos aloxados no Parador será un pequeno tramo en ascenso.

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Ao subir decatámonos da estructura de triple muralla e observamos as construcións que aparecen ao noso paso. Ao chegar á cima accedemos ao patio de armas, arredor do cal atopamos a Torre da Homenaxe, a Torre das Damas, o Palacio dos Condes e a Igrexa de Santa María. Impresionarannos as panorámicas do val, bañado polo río Támega, e os seus viñedos. Podemos baixar a comer a Verín, a capital comarcal. O polbo á feira dos seus bodegóns é popularmente recoñecido.

A primera hora da tarde poderemos visitar unha das adegas da Denominación de Orixe na parroquia veciña de Pazos. Pasearemos polo amplo viñedo asentado en chan ao lado da adega, recibindo explicacións da man dos seus profesionais. Concluímos a visita coa degustación dos seus caldos: treixaduras e godellos nos brancos e mencía con tempranillo nos tintos.

Culminaremos o día en Santiago de Compostela, onde chegaremos comodamente por autoestrada. Procuraremos non retrasar moito a saída para ter tempo de instalármonos no hotel elixido e cear na capital de Galicia. A oferta gastronómica e hoteleira da cidade é moi ampla. O Hostal dos Reis Católicos une historia, arte, tradición e luxo. Será emocionante descansar xunto á fachada do Obradoiro da Catedral de Santiago.

 

Día 8º

En Santiago de Compostela, das cubertas da catedral ás súas rúas empedradas

Estamos en Santiago de Compostela. A visita á catedral é ineludible. Pero a moitos sorprenderalles que se poida empezar polo tellado.

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Así é como o imos facer esta mañá, guiados por profesionais que nos conducen polas cubertas do templo. Descubriremos a beleza harmónica dos seus diferentes estilos arquitectónicos, as impresionantes prazas que a rodean e o seu extraordinario contorno. Dende a altura contemplaremos a vista de paxaro boa parte desta cidade Patrimonio da Humanidade.

Ata a despedida, Santiago está repleto de sorpresas que nos cativarán. A emblemática Rúa do Franco e as rúas próximas do casco histórico compostelán reúnen a rica variedade da gastronomía galega. No contorno da catedral reina a delicada artesanía do acibeche e a prata. Convive en harmonía cos locais e establecementos comerciais máis diversos, dende os tradicionais aos máis vangardistas. E todo dominado pola pedra e por espazos verdes con singular encanto.

Arriba