A pesar de chamarse Costa da Morte esta fracción do litoral galego ofrece, en cada vila  que visitemos, leccións de vida, historia e tradición.

Agraciada no repartimento dunha natureza exuberante, a Costa Verdescente de Eduardo Pondal invita a renderse ante os seus encantos. 

Pensa miña nai que estou pescando na carballeira, estou no San Fins do Castro bailando unha muiñeira. A miña nai porque puido fixo unha casa na illa, para ver ós de Neaño como pescan a sardiña. O cura de Corme é xastre malpicano e mariñeiro. O de Pazos labrador e o de Cesullas gaiteiro      Foliada cantada en Cabana de Bergantiños

Outros datos de interese:
- Muíño de Forno do Forte: 981 711 520 www.concellomalpica.com/fornodoforte
- Centro de Interpretación do Dolmen de Dombate: Teléfono de atención a visitantes > 669 611 993.
- Torres do Allo: 981 706 028.
- Batáns de Mosquetín: 981 706 028.

Día 1º

A primeira incursión por terras da Costa da Morte iniciámola no verxel de Bergantiños como é coñecido o Refuxio de Verdes, no concello de Coristanco. Se tivésemos que buscar unha localización para situar as lendas de fadas, sería esta. A man do home, apenas perceptible, fai que o equilibrio e a harmonía deste lugar encantado se manteñan intactos.

Os muíños, as mesas, os bancos de pedra, as canles e as pontes de madeira vannos mergullando nun mundo cheo de vida onde é a natureza a que impón a súa vontade. Incluso as árbores voluptuosas invaden todo libremente coas súas pólas cubertas por enredadeiras e as rochas, salpicadas ao longo do río Anllóns, complican o continuo discorrer da auga, creando rápidos, fervenzas e regatos ao seu antollo.

Pero este antigo couto de pesca agocha algúns segredos que só poderedes descubrir percorrendo os sendeiros cubertos por un manto de follas. Verdes é, sen dúbida ningunha, un gran lugar de esparexemento que nos permite desconectar e pasar unha divertida xornada de baño, sempre que teñamos coidado cunha forte corrente que hai no río chamada o Pozo do Inferno.

E deixamos este pequeno anaco de paraíso para dirixirnos cara a Malpica de Bergantiños, en concreto ao Ecomuseo Muíño de Forno do Forte, en Buño. Este conxunto etnográfico é o encargado de amosar como era a vida dos xornaleiros que compaxinaban o seu día a día no campo, coa produción de pezas de barro. Segundo os filólogos, o topónimo desta vila provén da palabra latina buda, unha especie de xunco de nacemento espontáneo en terras arxilosas como as que aquí atopamos. A abundancia desta materia prima foi esencial para o desenvolvemento da súa industria máis característica, a cerámica, que converteu a Buño nunha vila internacionalmente coñecida. Durante a Mostra de Olaría, celebrada a mediados de agosto, teredes a ocasión de ver en activo o antigo forno mancomunado.

Seguindo o curso do río Anllóns, chegamos a Cabana de Bergantiños; aquí poderedes facer unha pequena ruta de pouca dificultade e perfectamente indicada polo Rego dos Muíños, ou do Roncaduiro. Foi precisamente o roncar da auga, que descende de fervenza en fervenza, a que puxo en marcha os 24 muíños que aquí se conservan e bautizou este regato. Con este son xordo nos oídos chegamos por fin ao castro de Borneiro, coñecido como A Cibdá -cidade en castelán antigo- que estivo habitado entre os séculos VI a. C. e o I d. C. A maior parte dos restos atopados poderédelos visitar no Castelo de Santo Antón da Coruña.  O castro está rodeado por un foxo e dous muros defensivos ao longo do seu perímetro, excepto polo leste, no que a propia pendente actúa como defensa natural. Dende aquí, poderedes controlar o mesmo ca os castrexos todo o territorio que vos rodea.

Sen saír de Cabana de Bergantiños deixamos A Cibdá para visitar a “catedral do megalítico galego”, o dolmen de Dombate e o seu centro de interpretación. Este monumento funerario, de ao redor de 6 000 anos de antigüidade, está constituído por unha masa de terra que se cobre parcialmente por unha coiraza pétrea, presentando pedras planas horizontais no exterior mentres que no interior se  constrúe con pedras ben trabadas.

Tras esta inmersión na cultura megalítica, dirixímonos agora a Zas para visitar as Torres do Allo. A sombra do estreito camiño rodeado de carballos centenarios parece un túnel do tempo que nos traslada ao pé do pazo, un dos máis antigos de Galicia. Esta construción, un dos mellores exemplos da arquitectura civil galega, acolle agora o Centro de Interpretación dos Recursos Turísticos e Patrimoniais do Territorio de Costa da Morte. De marcado estilo renacentista, os motivos de maior interese arquitectónico atoparédelos na parte alta das torres, ao redor das súas fiestras, que se adornan con elementos do gótico final.

No mes de agosto, o concello de Zas convértese na capital do folk coa celebración dun veterano festival celebrado na carballeira que lle dá nome a esta festa.

Para finalizar o día, nada mellor que unha boa caldeirada de raia, congro ou abadexo, un prato que non debe deixar de probarse en toda a Costa da Morte.

Día 2º

E de Zas imos cara a Vimianzo para descubrir outra marabilla do megalítico, o dolmen de Pedra Cuberta. Esta é a única anta en Galicia que presenta restos pictóricos, descubertos polos arqueólogos alemáns Georg e Vera Leisner nos anos 30 do século XX dándolle fama internacional. Ten pinturas en negro e vermello sobre fondo branco con motivos ondulados, serpentiformes, unha figura dun ídolo e un zócolo decorado. Estas representacións están cualificadas entre as máis importantes da arte megalítica europea. Pedra Cuberta ten grandes proporcións cun corredor de entrada de máis de seis metros de longo e cunha altura de case dous.

En Vimianzo, tamén poderedes visitar os batáns de Mosquetín. Este é un museo etnográfico composto por dous edificios onde se esconden as curiosas estruturas de tres batáns, uns aparellos utilizados para mazar e tupir a la, e sete muíños. Aproveitade para coñecer este recuncho vivo do río Grande. Recreádevos no son da auga correndo polas canles e pisade as numerosas rochas, lavadas e puídas pola corrente. As árbores daranvos sombra mentres case podedes escoitar o resón xordo e rítmico dos mazos de madeira que chegaron a desenvolver unha importante industria téxtil nesta comarca. O veciño Castelo de Vimianzo acolle, cada Semana Santa e cada verán, unha Mostra de Artesanía en Vivo que recorda esta noutrora fonte de riqueza, entre outras artesanías.

Desde Vimianzo seguimos dirección a Camariñas para, na Ponte do Porto, coller a estrada que leva a Muxía. No camiño atoparémonos coa igrexa de Santiago de Cereixo. Este pequeno templo do século XII é un dos exemplos más emblemáticos do románico rural na Costa da Morte. Foi parada de peregrinos que chegaban por mar ata a Ponte do Porto e logo se dirixían a pé a Muxía e Santiago de Compostela. Observade con atención os seus dous fermosos pórticos. Nun deles, atoparades o tímpano coa primeira representación románica da traslatio do corpo do Apóstolo Santiago nunha barca de pedra. E é que esta igrexa ten un marcado ton xacobeo. Hai quen di que aquí comezaba tamén un camiño cara a Compostela da xente que desembarcaba no porto de Cereixo.

Poñemos rumbo agora cara á costa para visitar o hórreo de Ozón, no concello de Muxía. Contade vós mesmos os 21 pares de pés desta cabaceira xigante construída en granito no século XVIII, antes de dirixirnos á igrexa de San Xián de Moraime. Unha vez alí, recibiravos un recinto sagrado no que atoparedes trazas dun pasado brillante e esplendoroso. Levantado no medievo, o templo do século XII estaba integrado no único mosteiro histórico da Costa da Morte, xa exclaustrado dende antigo. Fermoso é o seu pórtico con trazos da catedral compostelá. Moraime estivo vinculado ao priorado de San Martiño Pinario de Santiago, o que dá conta da súa importancia. Na penumbra interior, que invita á meditación, atoparedes pinturas que representan os sete pecados capitais e a morte. E, se dades unha volta polo camposanto, poderes descubrir as escavacións dunha necrópole romano-cristiá.

O mar de Muxía está moi preto de aquí. Xa na vila, un final máxico para este segundo día sería visitar un dos santuarios marianos máis emblemáticos de toda a Costa da Morte e de Galicia, o santuario da Nosa Señora da Barca. Este sobrio templo, mandado construír por iniciativa dos Condes de Monforte, recorda o lugar ao que a Virxe chegou nunha barca de pedra para animar o apóstolo Santiago a continuar coa súa predicación. Neste grande adro de pedra natural que mira ao mar, poderedes tocar e acariñar os vestixios sagrados desta aparición: a pedra dos cadrís, que se identifica coa barca; a pedra de abalar, que simboliza a vela e a pedra do timón. Todas elas pedras máxicas da milenaria embarcación ás que se lles atribúen propiedades curativas e adiviñatorias que só se saberán certas de seguir os rituais…

Para finalizar esta xornada entre histórica e máxica, non deixedes a Costa da Morte sen probar algunha delicia dos seus mares nalgún restaurante muxían: percebes do Roncudo ou navallas á prancha son só un delicioso aperitivo do moito que neles se ofrece.

Arriba
Axúdanos a mellorar!