O patrimonio oculto das terras que bordean a ría de Muros e Noia vainos proporcionar un gran fato de sorpresas: castros rodeados polo mar, lousas que falan, cruceiros, muíños e moita da nosa historia gravada en pedra.

"Só digo que ningún mosteiro hai en Galicia por grande e groso que sexa, cuxa facenda sexa maior ou máis cualificada que a de San Xusto".
Antonio Yepes, Crónica Xeral da Orde de San Bieito

Outra información de interese...
- Centro de Interpretación do Castro de Baroña: Aberto de martes a domingo, de 10:30 a 14:00 horas. Máis info en www.portodoson.org.
- Muíño de Mareas de Pozo do Cachón: 981 826 050

Día 1º

Comezamos a nosa aventura por terras de Porto do Son, no asentamento do castro de Baroña. O acceso ata o castro faise a pé por un camiño de terra custodiado por un gran piñeiral e unha fermosa praia.

Esta é sen dúbida ningunha, unha perfecta panorámica castrexa! Xa no centro da vila, visitade o Centro de Interpretación do Castro de Baroña, onde poderedes empaparvos e coñecer mellor a vida e a cultura dos castrexos grazas aos paneis, pezas orixinais, reproducións e visitas guiadas. O centro está situado no edificio que albergaba a antiga Casa do Concello. Xa que estades en Porto do Son, paga a pena dar un pequeno paseo polo porto e tomar un delicioso aperitivo nalgunha das súas terrazas.

Continuando pola liña da costa chegamos á “Pequena Compostela”, como é coñecida a vila de Noia, para escoitar de preto as lápidas que falan. Para esta revelación é preciso acceder á igrexa de Santa María a Nova, edificada sobre unha Quintana de Mortos. Este cemiterio, onde se conserva unha gran colección de laudas sepulcrais, foi feito con terra traída dende Terra Santa en galeóns noieses, segundo conta unha das numerosas lendas da zona. Xa no interior desta igrexa gótica, paseade gozando co xogo de luces proporcionado polo seu impresionante rosetón. Sentade a contemplar con calma a capela plateresca e o altar de estilo barroco. Mais o que sen dúbida vos chamará a atención deste templo convertido en museo é o enorme depósito de laudas gremiais que flanquean os seus muros. Entre as máis de duascentas lápidas, podedes ver gravados o pico e a maza dun canteiro, as tesoiras dun xastre, o coitelo dun carniceiro, pasando pola áncora característica dos mariñeiros ou as figuras antropoides dos fidalgos. As máis antigas son as que representan oficios medievais.

Non podedes deixar Noia sen visitar o seu centro histórico, con encantadoras praciñas e soportais dignos de calquera vila medieval. Precisamente, cada ano no mes de xullo, esta zona engalánase con estandartes de época para celebrar a coñecida Feira Medieval.

Deixamos estes monumentos de pedra para dirixir os nosos pasos ao concello de Lousame, onde descubriremos o cruceiro do desencravo de Berrimes, obra do Santeiro de Chave. En realidade, todo o concello é moi rico nestes elementos arquitectónicos que salpican montes, encrucilladas, fontes, adros ou mesmo pontes.

Tamén en Lousame, visitaremos o mosteiro de San Xusto de Toxosoutos ao que podemos chegar facendo unha ruta de sendeirismo seguindo o curso do río San Xusto. Unha camiñada moi agradable nun contorno verde, cheo de fervenzas, pontes medievais e ruínas de antigas fábricas. Ao chegar á contorna do mosteiro, paseade entre os restos do recinto que aínda se conservan como os muíños, a horta ou o pombal. A paz e o silencio ao que induce este lugar só se rompe co discorrer da auga sobre as rochas.

No próximo concello de Rois, atopamos outra pequena xoia: a igrexa barroca de San Vicente de Augas Santas que acolle retablos de 1738. Como remate para esta primeira xornada, poñemos rumbo a Muros. Aproveitade que vos cadra de camiño para facer unha derradeira parada ante o cruceiro do desencravo de Eiroa, unha obra de 1879 labrado nun único bloque granítico.

Día 2º

Sen dicir unha verba, a mariñeira vila de Muros vainos dar conta do seu pasado señorial simplemente deixándonos pasear polas rúas do centro histórico, que teñen nomes tan curiosos como “Saúde”, “Esperanza”, “Paciencia”…

Invitámosvos a dar un paseo e a ir descubrindo, devagar, os seus tan suxestivos nomes que, de seguro, non vos han deixar indiferentes.

Un bo punto no que inicialo é na tranquila praza do Concello tamén denominada Curro da Praza, por se teren celebrado aquí multitudinarias corridas de touros. Notaredes que as rúas e as prazas deste percorrido están salpicadas polos restos da antiga muralla, así como polas vivendas mariñeiras. Estas típicas casas tiñan un ou dous pisos con balcóns, e un baixo con soportais, que en ocasións quedan por debaixo do nivel das rúas. Hai anos, era frecuente ver nestes locais como os homes arranxaban os aparellos de pesca mentres que as mulleres salgaban e lavaban o peixe.

Aproveitade para coller forzas e gozar da gastronomía local facendo unha parada en calquera dos bodegóns ou tabernas da vila, nas que poderedes degustar deliciosas tapas de polbo ou caldeiradas de peixe fresco mentres mirades cara ao peirao, onde os barcos e as lanchas dos pescadores son mexidas polas ondas do mar ao abeiro dos montes Costiña e Rebordiño.

A nosa seguinte visita lévanos ata o centro de interpretación situado no muíño de mareas de Pozo do Cachón, un mecanismo accionado pola forza das mareas que data do primeiro cuarto do século XIX. É un dos máis grandes de España desta tipoloxía, pero o seu valor non reside no seu tamaño, senón en ser testemuña etnográfica e cultural. A comezos do século pasado, a xente acudía a este lugar aos chamados Baños de Santa Rita, un establecemento especializado na curación de enfermidades con base en baños temperados de algas e augas mariñas.

Seguindo a ruta pola costa e deixando atrás o centro da vila, entramos na parroquia de Louro, coñecida pola súa tradición turística, as súas praias e polo impresionante Monte Louro. Pero polo momento imos trala pegada prehistórica da vila. O noso destino é o petróglifo de Laxe das Rodas. Descuberto en 1956 podería ser, segundo expertos no culto ao sol, un calendario. Consta dun grupo de dez figuras que representan dous símbolos espirais, sete circulares e un cabalo solar.

Aproveitando o noso paso por Louro, debemos facer outra parada no convento de San Francisco do Rial que nos agarda sobre un fermoso val ao pé do Monte Oroso. O camiño ata el vén marcado por un orixinalísimo viacrucis construído grazas ás doazóns dos fieis. Este camiño de sacrificio está composto por quince estacións nas que se relatan escenas da Paixón de Cristo. No exterior do convento, non perdades de vista o curioso reloxo de sol. Se as agullas marcan hora para o baño, baixade ata a praia de San Francisco para refrescarvos nas súas augas cristalinas. Sentide primeiro a calor da area nos pés nus e, deseguido, a frescura desta auga salgada mentres vos relaxades e mergullades en pensamentos e sensacións.

E se, despois deste momento de relaxación, aínda vos quedan folgos e ganas de rematar a xornada con enerxía, animádevos a continuar o paseo duns catro quilómetros entre o lusco e fusco ata o Faro de Louro. Está situado en punta Queixal, xusto ao pé dos 241 metros do monte Louro. Inaugurado en 1862, a súa lanterna ilumina a embocadura da ría de Muros e Noia. Desde esta posición privilexiada, foi referencia de navegantes e testemuña de moitos naufraxios. O máis coñecido, o do cruceiro Cardenal Cisneros da Armada Española, en 1905. Poderedes subir ata o cumio e culminar as experiencias vividas cunha incrible panorámica deste tramo de costa. Sentade e ide recuperándovos da dura pendente mirando ao voso redor. Dun lado, a praia de San Francisco que acabades de deixar atrás; de fronte, a ría e, do outro lado, o solitario areal de Ancoradoiro e a lagoa de Xarfas, declarada espazo de interese natural.

Situados a esta altura teredes unha mellor perspectiva para recordar as experiencias vividas nestes dous días nos que, de sur a norte, trazaredes cos vosos pasos o contorno da ría de Muros e Noia.

Arriba
Axúdanos a mellorar!