Numerosos pasos, algúns deles articulados e de grande interese artístico, protagonizan as solemnes procesións de Semana Santa de Viveiro, nas que confrarías e irmandades enchen de relixiosidade e ambiente íntimo as rúas da localidade. Eucaristías, vía crucis, tamborradas… preceden aos días grandes.

Os actos máis rechamantes comezan o Xoves Santo, coa procesión da Última Cea –o paso da Cea foi creado en 1808 por un artesán que tomou a mariñeiros do veciño porto de San Cibrao como modelos para as figuras dos Apóstolos– e do Prendemento, organizada pola Irmandade do Prendemento, moi rechamante polas súas túnicas e caparuchos de cores vermella e branca.

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

O Venres Santo pola mañá ten lugar a procesión do Encontro, outra emocionante cerimonia na que participan, xunto ao Cristo que cae, as tallas da Dolorosa, San Xoán e a Verónica, e que é seguida pola multitude desde os balcóns e as rúas con crecente interese. Pola tarde, tras o Desencravo celébrase a procesión do Santo Enterro, a máis luxosa de todas, cos levadores ataviados con negra roupa talar de longa cola e un gran caparucho con anteface.

Arriba