De Santiago de Compostela a Cambados, paseamos polos xardíns máis sorprendentes dos seus pazos. Coñecemos as diferentes especies que acubillan e todas as curiosidades que esconden estes máxicos espazos.

Como “flor de inverno” ou “flor de Galicia”, así se coñece aquí á camelia.
Aínda que é unha especie orixinaria da China e Xapón, onde a consideran a flor máis fermosa do mundo, hai 300 anos achou excelente acomodo nos aristocráticos xardíns dos pazos galegos. A nosa proposta lévavos de paseo por estes espectaculares escenarios, onde a camelia viste á pedra e xuntas conforman ambientes cheos de encanto.

Máis información...
- Hostal dos Reis Católicos. Teléfono 981 582 200
- Pazo de San Lourenzo. www.pazodesanlorenzo.com
- Pazo de Santa Cruz de Ribadulla. Teléfono 981 512 011
- Pazo de Oca. Teléfono 986 587 435
- Pazo de Rubiáns. www.pazoderubianes.com 
- Finca de A Saleta. Teléfono: 986 872 323
- Parador Pazo de Bazán. Tel_ 986 542 250
- Adegas do Palacio de Fefiñanes. www.fefinanes.com

 

Día 1º

O Hostal dos Reis Católicos foi un hospital de peregrinos

Esta proposta parte de Santiago de Compostela, onde vos aconsellamos chegar pola tarde para gozar dun paseo relaxado polo seu monumental casco histórico, declarado Patrimonio da Humanidade en 1985. A cidade posúe unha ampla oferta de aloxamento. Pero o seu emblema é o Hostal dos Reis Católicos, antigo hospital de peregrinos e Parador dende 1954.

A situación privilexiada do Hostal, na Praza do Obradoiro, ao lado da catedral, provoca a admiración dos visitantes. Ante a súa porta, de fina ornamentación plateresca, podemos identificar aos Reis Católicos, Isabel e Fernando, encerrados nuns medallóns; as figuras núas de Adán e Eva; e os doce apóstolos aliñados no friso. E, por riba destes, a Virxe María, Xesús, San Xoán Evanxelista e o Apóstolo Santiago con vieira e bastón de camiñante. Ao mirar máis arriba destaca a cornixa, decorada con gárgolas grotescas e obscenas.

O interior do edificio pode visitarse sen necesidade de ser hóspede, coa compañía dun guía turístico. Desta maneira podemos percorrer os seus catro patios interiores e unha fermosa cepela oxival, declarada Monumento Histórico Artístico en 1912. 

Da catedral ás tapas do Franco e A Raíña

A catedral impresionaravos pola gran cantidade de tesouros artísticos que alberga, como o Pórtico da Gloria, obra cumio do Románico. O resto da tarde aconsellámosvos que vos perdades pola rúas empedradas do casco antigo, mesturándovos entre a masa de peregrinos, universitarios, visitantes e composteláns, que marcan o carácter tan xenuíno desta cidade. Atoparedes abundantes monumentos e igrexas que se poden visitar, ademais de numerosos museos e salas de exposicións.

E á hora de tomar algo ou cear hai establecementos de todos os ambientes que satisfacen os gustos máis variados: restaurantes, marisquerías, locais de tapas, viñotecas, xamonerías, mesóns e asadores, bares ou tabernas. Un costume moi compostelán é ir de tapas ou racións, en especial percorrendo as pintorescas Rúa do Franco y A Raíña.

Día 2º

A Alameda de Santiago e os xardíns dos pazos próximos á cidade

 A Alameda posúe un enorme valor botánico

O verde ten caracterizado dende sempre a paisaxe de Santiago. Tamén no casco antigo, onde os seus xardíns históricos son lugares emblemáticos e moi transitados. O preferido para os paseos e o recreo dos composteláns é a Alameda, que podemos visitar tralo almorzo.

"Chove en Santiago
meu doce amor.
Camelia branca do ar
brila entrebecida ô sol
."
"Llueve en Santiago
mi dulce amor.
Camelia blanca del aire
brilla entenebrecida al sol”
.
 Federico García Lorca

Os seus xardíns, bancos, estatuas, esculturas, fontes, estanques, quiosco da música, pombal e igrexas axudan a recrear ambientes decimonónicos, modernistas e actuais. Ademais, destaca o seu valor como xardín botánico, pola súa gran variedade de especies vexetais, moitas delas exóticas.

Camelias japónicas, máis dun século mirando cara á catedral

Os tileiros prateados do Campo da Estrela dannos a benvida cando accedemos por Porta Faxeira. Camiñando baixo a bóveda arborada do Paseo da Ferradura atoparemos algúns dos 66 exemplares de camelia japónica que levan máis dun século contemplando unha das imaxes más fermosas da cidade sobre a súa catedral e a zona monumental.
O mesmo lle ocorre ao xigante Eucaliptus globulus que dobra a esquina. Non deixedes de pasar un momentiño sentados no banco de madeira que o rodea, respirando o seu aroma fresco e desconxestionante, ao mesmo tempo que se admira a fachada do Obradoiro da catedral.

A Carballeira de Santa Susana posúe exemplares de máis de trescentos anos

Despois veredes a “Perona”, un espécime de Abies nordmanniana que se plantou en 1947 para conmemorar a visita de Eva Perón á cidade. E, en ascenso, rodeando o monte de monte de Santa Susana, a súa impoñente carballeira, con exemplares de máis de trescentos anos.

O Pazo de San Lourenzo conserva exemplares de camelia do século XIX

Dende a Alameda alcanzamos rapidamente outra carballeira centenaria, a Carballeira de San Lourenzo, cruzando a Avenida das Burgas. Se prestades atención non será difícil ver asomar un esquío de entre algún tronco oco.

Unha gran sebe de buxo tallada, de hai catro séculos,  é unha das pezas máis relevantes da xardinería xeométrica española.

Detrás desta carballeira levántanse os xardíns e o bosque do Pazo de San Lourenzo, protexidos por una alta muralla de pedra. A súa visita pode organizarse de maneira particular. É unha grande oportunidade para contemplar máis de cen especies vexetais, onde tamén destacan as camelias, cuxos exemplares máis antigos pertencen ao século XIX. 
Pero é no xardín claustral onde se esconde a xoia do pazo, unha gran sebe de buxo tallada que constitúe unha das pezas máis relevantes da xardinería xeométrica española, tanto polo seu tamaño como polos seus catro séculos de vida.

Paseando entre xardíns terase ido a mañá. Aconsellámosvos regresar ao casco antigo seguindo as rúas de San Lourenzo, Poza de Bar e Hortas. Esta última é unha longa subida empedrada cara á Praza do Obradoiro. No seu contorno existen locais de menús con prezos alcanzables e outros que representan a vangarda culinaria da cociña galega.

En Vedra visitamos a que foi residencia temporal de Jovellanos

Pola tarde podemos continuar paseando entre xardíns. Existen excelsos exemplos preto da cidade de Santiago, seguindo a N-525 en dirección Ourense. Á altura do veciño concello de Vedra atopamos un desvío ao Pazo de Ortigueira, coñecido tamén como Pazo de Santa Cruz de Ribadulla, que foi residencia temporal do político e escritor Jovellanos.

Os seus xardíns, abertos ás visitas, están considerados por moitos expertos como o espazo botánico ornamental máis fascinante de Galicia. Neles as múltiples variedades de camelia japónica xúntanse formando fermosos paseos, como o chamado Carreira das Noivas. Hai exemplares xigantes non só de camelias, que aquí se cultivan para a venda, senón tamén de magnolios.

Durante o percorrido existen multitude de espazos para deixarse perder, pero non marchedes sen ver a fonte barroca da Coca ou a Fervenza. E, por suposto, a Carreira das Oliveiras, un longo paseo de oliveiras centenarias, cuxas raíces grosas e nodosas se descobren da terra, capaces de transportarnos coa imaxinación ás paisaxes dun libro de Tolkien.

O Pazo de Oca, considerado o “Versalles galego”

Trala visita reincorporámonos á N-525, seguindo en dirección a Ourense. Imos camiño do Pazo de Oca, que moitos denominan o “Versalles galego”, precisamente pola beleza dos seus xardíns, que se poden visitar. Atoparemos o desvío á dereita sinalizado, xa no concello da Estrada.

Tras un pequeno percorrido desembocamos na súa gran praza exterior, presidida pola fachada principal do pazo, do século XVIII, que remata nunha torre medieval. Ao fondo, en ángulo recto co pazo, hai unha capela barroca comunicada con este por un bonito corredor de arcos.

Nun dos xardíns do pazo hai un labirinto de buxo inspirado nun debuxo do pavimento da catedral de Canterbury

Os seus xardíns, rodeados por una alta muralla de pedra, tamén son históricos e recrean varios ambientes. No xardín francés é digno de admirar un gran labirinto de buxo inspirado nun debuxo do pavimento da catedral de Canterbury. No máis paisaxista camiñamos por sendas cun halo de maxia e misterio. E no hortícola anímannos os cultivos de flores e emparrados. Este crúzao en diagonal o elemento máis admirado do conxunto, o seu grande estanque.

Un estanque con ponte, embarcadoiro e muíño

Á metade do percorrido, unha ponte de arcos atravesa o estanque. Baixo a mesma refúxiase un embarcadoiro e un muíño, que aínda funciona. Unha das metades do estanque que divide a ponte representa a paz na figura dun pescador de pedra. A outra simboliza a maldade e a guerra, con canóns e pétreas feras. Partindo do centro do estanque e en perpendicular xorde unha grande avenida de tileiros, onde, se deixamos voar a imaxinación, é fácil evocar escenas de trepidantes carreiras de cabalos entre os nobres.

Unha camelia de doce metros e unha secuoia xigante

Estes xardíns posúen un importante valor botánico. Destaca un espécime de Camellia reticulata “Captain Rawes” de doce metros de alto e unha Criptomeria japónica centenaria, que figuran no Catálogo de Árbores Monumentais de Galicia, ademais dunha secuoia xigante. E unha longuísima ringleira de camelias “Mont Blanc” cruza a práctica totalidade da ala oeste do xardín, tinguíndoa de branco na súa época de floración.

Aconsellámosvos que vos tomedes o voso tempo no paseo por este señorío de natureza, auga e pedra, pois numerosos elementos captarán a vosa atención. É o caso da sorprendente Fonte da Mona ou a Fonte da Troita.

En Vedra é típica a orella de porco e os viños e augardentes do Ulla

Finalizada a visita, estará próxima a hora da cea. Recomendámosvos que no camiño de volta a Santiago paredes en Vedra. Tede en conta que a rica gastronomía do concello ten dado lugar ás festas da orella e dos viños e augardentes do Ulla.

 

Día 3º

Pazos e camelias no Salnés

Tras almorzar poñemos rumbo á comarca do Salnés, en pleno corazón das Rías Baixas, onde a camelia séntese moi a gusto grazas ao seu clima suave e húmido. A simbiose entre pazos e camelias sorpréndenos tamén aquí con exemplos de extraordinaria beleza.

No século XIX plantáronse as primeiras camelias no Pazo de Rubiáns

O noso primeiro destino é o Pazo de Rubiáns, no concello de Vilagarcía de Arousa. A vía principal de comunicación con Santiago é a AP-9. Aquí concorren un pazo de cinco séculos de antigüidade conservado en perfecto estado, un gran xardín, un horto e un bosque axardinado, un viñedo de albariño e un monte de sobreiras. O conxunto suma 65 hectáreas.

Máis de cen especies de flores adornan o xardín, pero a camelia é o seu emblema dende que a principios do século XIX se plantaron as primeiras, regalo do duque de Caminha. Sen dúbida, outro elemento que vos chamará a atención son os seus eucaliptos, traídos polo bispo de Tui a esta propiedade sobre 1820 e que hoxe se atopan entre os máis grandes de Europa ao superar os catorce metros de perímetro.

Coas sementes destas camelias elabóranse aceites, cos que as monxas do Mosteiro de Armenteira fabrican xabóns .

Solicitándoo con antelación, o persoal do pazo serviranos de guía. Ademais de orientarnos por este tesouro natural ideado en 1870 polo paisaxista francés Martín Dorgambide, explicarannos o proceso de elaboración de aceites esenciais de camelia. A Estación Fitopatolóxica do Areeiro destílao das sementes obtidas neste terreo, que logo empregan as monxas do mosteiro de Armenteira para fabricar xabóns artesáns, que tamén podemos levar de aquí como aromático recordo.

En Vilagarcía degustamos mexillón, vieira e ostra con viño albariño

Rematada a visita suxerímosvos que vos acheguedes á vila de Vilagarcía de Arousa para comer. A súa ría é feudo de excelentes mariscos, como o mexillón, a vieira e a ostra, cultivadas nas bateas. E os seus viñedos son o reino do albariño da Denominación de Orixe Rías Baixas.

A Finca da Saleta, en Meis, posúe un extenso xardín de tipo inglés

Pola tarde agárdanos o último verxel da camelia na finca de A Saleta, no concello de Meis, onde chegaremos dende a PO-531. O lugar exacto coñécese como San Vicente de Meis. Aquí atoparemos un xardín de cinco hectáreas de tipo inglés, deseñado pola arquitecta paisaxista Brenda Colvin e que se pode visitar con cita previa.
Á entrada áchase unha gran casa de labranza; unha capela dedicada á Virxe da Saleta, que no seu interior conserva un retablo e unha bóveda policromada; e un gran hórreo. Máis adiante tamén veremos un pombal de planta octogonal rodeado dun bosque de carballos, eucaliptos e sobreiras.

No xardín hai moitas plantas de orixe exótica: rododendros, azaleas, protáceas e mirtáceas australianas e ericáceas sudamericanas. E numerosas variedades de camelia, de pétalos brancos, rosas, vermellos, violáceos, xaspeados e reticulados que tinguen o xardín ata a entrada da primavera. Acharémolo todo perfectamente identificado e etiquetado, grazas ao inxente labor do matrimonio británico Gimson, recoñecido con importantes premios e mencións.

Cambados, un bo lugar para cear e durmir

Toda a comarca do Salnés ofrece establecementos de calidade onde poder durmir, como hoteis, casas e hoteis rurais con encanto. Pero o símbolo é o Parador do Pazo de Bazán, en Cambados. A localidade tamén goza dunha exquisita oferta de restauración para poder cear. No seu aristocrático barrio de Fefiñáns concéntranse gran número de restaurantes, cuxo prato estrela é o marisco e o peixe da ría, acompañados dunha copa de viño albariño, da Denominación de Orixe Rías Baixas.

Día 4º

Visita ás adegas, o viñedo e o bosque do Pazo de Fefiñáns

Tralo almorzo podemos aproveitar a ocasión de atopármonos na coñecida como capital do albariño, “príncipe dourado dos viños” para Álvaro Cunqueiro, e organizar unha visita ás adegas de Fefiñáns. Estas alóxanse nun impresionante pazo integrado nun conxunto artístico do século XVI, declarado Ben de Interese Cultural, do que forman parte a Igrexa de San Benito, unha atalaia-miradoiro e un fermoso arco-ponte barroco.

Ademais das adegas, o interior do Pazo de Fefiñáns acolle unha hectárea de viñedo con cepas centenarias de albariño e un bosque de especies autóctonas e buxos centenarios, entre os que poderemos pasear.

Arriba
Axúdanos a mellorar!