En Padrón iniciamos esta ruta, que nos leva a Santiago de Compostela e aos pazos máis emblemáticos ata Pontevedra e Soutomaior. Ademais dos seus xardíns, gozaremos da súa historia e da súa gastronomía.

A presenza destacada da camelia, unha das flores máis emblemáticas dos xardíns palacianos de Galicia, apórtalles beleza e unha marcada personalidade.

Propoñémosvos unha escapada en contacto coa pedra máis nobre de Galicia, a dos seus pazos, e todo un universo vexetal concentrado nos seus bosques e xardíns.  Neles, as especies autóctonas e exóticas conviven entre estanques, fontes e fervenzas.
E xogan en composicións xeométricas, ao estilo francés, ou se envolven dunha apariencia agreste, máis inglesa.

Máis información...
- Pazo de Lestrove. www.pazodelestrove.com
- Pazo de San Lourenzo. www.pazodesanlorenzo.com
- Pazo de Santa Cruz de Ribadulla. Teléfono: 981 512 011
- Pazo de Oca. Teléfono: 986 587 435
- Pazo de Rubiáns: www.pazoderubianes.com
- Finca de A Saleta. Teléfono: 986 872 323
- Pazo de Lourizán. Teléfono: 986 805 000
- Castelo de Soutomaior: www.hotelpousadadelcastillo.com

Día 1º

Os xardíns de Padrón

Os nobres xardíns de Galicia son espazos que se prestan ao paseo sosegado e á charla.

Podemos iniciar o noso percorrido en Padrón, vila de resonancia literaria e xacobea, dentro da comarca do Sar, ao sur da provincia da Coruña. Para gozar con calma destes escenarios suxerímosvos chegar a primeira hora da tarde e buscar hospedaxe na localidade ou no seu contorno, que ofrece hoteis, pensións, casas rurais e pazos convertidos en aloxamentos turísticos.

No Xardín Botánico-Artístico conviven 300 especies diferentes

Unha vez acomodados podedes dirixirvos ao Xardín Botánico-Artístico, declarado Ben de Interese Cultural con categoría de Xardín Histórico en 1946. Está situado ao pé da estrada nacional ao seu paso por Padrón, na Avenida de Compostela.

O seu deseño lembra á moda francesa, que se incorporou ás características dos pazos galegos. Está rodeado por unha reixa de ferro forxado de estilo decimonónico que incrementa o aire romántico que xa lle concede a súa frondosidade. A entrada condúcenos ao corredor principal de plataneiros, que axuda a distribuír as sendas e as diferentes áreas nas que se divide o xardín.

O xardín posúe unha secuoia vermella,
unha árbore do amor e
unha palmeira de Senegal

Aquí conviven trescentas especies, moitas exóticas e algunhas únicas en España, en apenas unha hectárea de terreo. Destacan a secuoia vermella, que representa o teito vexetal do xardín, ao lado da estatua do trobador medieval Macías o Namorado; a árbore do amor, cuxas ramas espiñosas enrédanse formando a coroa de Cristo; ou a palmeira de Senegal, que proporciona as palmas para o Domingo de Ramos. Se a nosa visita é invernal gozaremos do colorido das súas camelias e se é a principios de verán da fragrancia das gardenias.

O Pazo de Lestrove ten cinco hectáreas de terreo axardinado

Moi preto do centro da vila, seguindo a Rúa do Carme, despois de cruzar a ponte sobre o río Sar, hai outro destino interesante pola súa arquitectura e espazos naturais, que se estenden en cinco hectáreas de terreo axardinado. É o Pazo de Lestrove, un edificio orixinario do século XVI que serviu de mansión de recreo aos arcebispos composteláns e que hoxe é un hotel-monumento con categoría de catro estrelas.
Tamén se coñece como Pazo Anxo da Garda pola advocación da súa capela. Suxerímosvos que entredes nela para ver unha impresionante talla a tamaño natural da Dolorosa, obra do escultor Ferreiro. Outro dos elementos que máis encanto reúne é unha fonte de pedra de tres alturas coroada cun Santiago peregrino, que nos dá a benvida dende o patio da entrada.

Os afamados pementos de Padrón

Ao rematar o percorrido podedes cear no restaurante do pazo ou optar por facelo en Padrón. Nos restaurantes, locais de tapas, polberías e tascas tradicionais do casco antigo non faltan os produtos da mesa tipicamente galega. Aquí o protagonista é o pemento de Padrón da Denominación de Orixe Protexida Pemento de Herbón, polo que é coñecido este concello e o dito que acompaña a súa degustación: “Uns pican e outros non”.

Día 2º

Os xardíns de Santiago e dos pazos do seu contorno

A Alameda, o grande espazo verde de Compostela

Aproveitando a proximidade de Padrón con Santiago de Compostela, propoñémosvos dedicar a mañá a coñecer os seus espectaculares espazos verdes. Podemos chegar pola autoestrada ou pola estrada nacional. Atoparedes unha oferta hoteleira variadísima para aloxarvos: hoteis con encanto, hostais, pensións, albergues e establecementos rurais.

Ao chegar, suxerímosvos comezar o percorrido pola Alameda, que podería considerarse o xardín palaciano da cidade, polo papel que xogaba na vida da fidalguía galega como área de entretemento e recreo. As mesmas actividades que os habitantes actuais da cidade desenvolven neste espazo tan próximo ao centro. Divídese en tres zonas: A Alameda, a Carballeira de Santa Susana e A Ferradura; cada unha pertence a épocas e deseños diferentes.

A escultura das “Marías”, a máis fotografada

A Alameda nace á entrada de Porta Faxeira, onde nos reciben aliñacións de plataneiros, camelias, un magnífico exemplar de Sequoia sempervirens e unha magnolia plantada pola Sociedade de Amigos do País. Ao final atopámonos coa escultura das “Marías”, que representa a dúas mulleres que foron moi populares en Compostela. É habitual vela rodeada de xente desexosa de ter unha foto xunto a estas pintorescas personaxes.

Detrás da escultura esténdese un gran paseo central, antano reservado á alta sociedade compostelá. As clases sociais menos privilexiadas podían percorrer os laterais, onde filas de camelias e tileiros prateados dan sombra a bonitos bancos de pedra e forxa da antiga fundición de Sargadelos. Se a nosa visita coincide en inverno veremos esplendorosos os exemplares de magnolia de Soulange.

O paseo central da Alameda estaba reservado antano á alta sociedade e os laterais ás clases máis modestas

Carballos, camelias e eucaliptos centenarios

Un estanque e o templete da música acaban de compoñer este ambiente modernista. Tamén detrás das “Marías” vemos un camiño que ascende ata a igrexa de Santa Susana, que se rodea dunha magnífica carballeira con exemplares de máis de trescentos anos. Este é o espazo máis antigo de todo o conxunto, mercado local dende a Idade Media e que algúns composteláns aínda lembran como escenario da feira de gando.

A Ferradura enlaza os dous extremos da Alameda. Por un dos seus lados unha gran bóveda de carballos en compañía de camelias centenarias, coñecido como o Paseo dos Leóns polas dúas estatuas que figuran en senllos piares á entrada, cobre o paseo. Dende aquí a catedral e a zona monumental regálannos o escenario perfecto para unha foto.

Dende a estatua de Rosalía de Castro contémplase o Campus Universitario

Máis adiante, un enorme Eucaliptus globulus, xa centenario, ofrécenos un banco de madeira ao seu redor para sentármonos un anaco a respirar o aire perfumado das súas follas e contemplar a fachada catedralicia do Obradoiro. A continuación, outro interesante espazo presidido pola estatua da insigne poetisa galega Rosalía de Castro proporciónanos unha vista privilexiada ao Campus Universitario. Complétase con outras esculturas como a da “Leiteira”, ademais de fontes e estanques e un alto pombal.

A Ferradura conta con notables exemplos arbóreos, como a “Perona”, un espécime de Abies nordmanniana plantado en 1947 para conmemorar a visita de Eva Perón. Tamén hai algúns cipreses de Lawson, abetos do Cáucaso ou cedros e destacan as ringleiras de palmeiras canarias e de castiñeiros de Indias.

O Pazo de San Lourenzo acubilla máis de cen especies vexetais

Dende o miradoiro aos xardíns do Campus Sur descenden unhas magníficas escalinatas. Se baixamos por elas e nos desviamos á dereita, cruzando a Avenida das Burgas, chegaremos á Carballeira de San Lourenzo. Ás súas costas levántase o pazo do mesmo nome, construído entre os séculos XIII e XVII, incluído dentro do Patrimonio Artístico Nacional.

O seu extenso bosque e os seus xardíns, completamente amurallados, esconden máis de cen especies vexetais. A xoia atópase no xardín claustral e é unha gran sebe de buxo de catro séculos de vida tallada cunha rica simboloxía relixiosa, que a converte na peza máis relevante da xardinería xeométrica española de tipo relixioso.

No casco histórico degustamos as típicas racións galegas

O final do percorrido coincidirá coa hora da comida. As rúas do casco histórico, en especial O Franco, A Raíña e outras próximas, ofrecen unha gran variedade de locais onde degustar as típicas racións galegas: polbo á feira, raxo, pementos de Padrón, orella, berberechos, mexillóns, lacón ou xamón asado, entre outras. Ou, se preferides, podedes decantarvos por un caldo e cocido galego, mariscos ou peixes en caldeirada ou tenreira galega.

Exemplares xigantes de camelia no Pazo de Santa Cruz de Ribadulla

A poucos quilómetros de Santiago existen dous magníficos exemplos de xardíns palacianos, perfectamente sinalizados no traxecto pola N-525 en dirección Ourense. O primeiro é o Pazo de Santa Cruz de Ribadulla, á altura do concello de Vedra. O desvío atoparédelo indicado como Pazo de Ortigueira, polo lugar onde se sitúa.

“Debo advertir que `aha´ es lo que dicen las camelias cuando abren,
y `hota´ cuando se desprenden de la rama y caen;
los japoneses son quienes nos han enseñado esto”.

Álvaro Cunqueiro

Moitos expertos considérano o espazo botánico ornamental máis fascinante de Galicia. As camelias están aquí representadas con múltiples variedades e algún exemplar xigante. Na coñecida como Carreira das Noivas forman un fermoso corredor de ambiente bucólico. Pero se o que preferides é maxia e misterio, entón percorrede a Carreira das Oliveiras, un longo paseo entre oliveiras centenarias, cuxas ramas se entrecruzan sobre as nosas cabezas. Tampouco debebes perdervos recunchos cheos de encanto como a fonte barroca da Coca ou a Fervenza.

A beleza dos xardíns do Pazo de Oca

Se despois nos reincorporamos á N-525 en dirección a Ourense atoparemos o desvío ao Pazo de Oca, xa no concello da Estrada. Moitos chámano o “Versalles galego” pola beleza dos seus xardíns. No exterior, pazo e capela únense en ángulo recto por un corredor de arcos formando un fermoso conxunto diante da praza.

O grande estanque que atravesa o xardín posúe unha ponte que separa de maneira simbólica o ben e o mal

No interior poden visitarse os xardíns, totalmente amurallados. Un dos elementos máis sorprendentes é un grande estanque a modo de río que cruza diagonalmente o xardín. Unha ponte de arcos de pedra, baixo a que se refuxia un embarcadoiro, atravésaa no medio do seu curso. Separa simbolicamente o ben, representado nunha metade do estanque por un pescador de pedra; do mal na outra, con esculturas de canóns e feras pétreas.

No xardín francés é posible admirar un labirinto de buxo, inspirado nun debuxo do pavimento da catedral de Canterbury. As plantas de camelias prodíganse por moitos recunchos. Na avenida dos Tileiros é fácil evocar escenas de época con paseos ou carreiras a cabalo. Aconsellámosvos que vos deixedes perder percorréndoo todo para atopar fontes, lavadoiros, floreiros e ocos de pedra e cerámica con plantas no seu interior. Acharedes espécimes destacables como unha gran Camellia reticulata, unha Cryptomeria japónica centenaria ou unha secuoia vermella, entre outras moitas variedades vexetais.

Ceamos en Vedra

Á hora de cear recomendámosvos parar en Vedra antes de regresar a Santiago para saborear a súa rica gastronomía. Produtos como  orella e os viños e augardentes do Ulla gozan de festa propia neste concello.

Día 3º

Os xardíns palacianos das Rías Baixas

Seguindo a pista de belos xardíns palacianos, propoñémosvos que vos dirixades á comarca do Salnés, nas Rías Baixas, despois do almorzo. Ademais, aquí resulta moi doado atopar aloxamento, pois existe unha ampla oferta e de calidade en toda a zona. Mesmo se consideramos hospedarnos nun Parador, atoparemos o excepcional Pazo de Bazán e, próximo tamén, o de Pontevedra, situado nun céntrico pazo renacentista.

A camelia reina no Pazo de Rubiáns, entre máis de cen especies de flores

Pola autoestrada AP-9 chegaremos a Vilagarcía de Arousa, en cuxas aforas, pola estrada de Pontevedra, está o Pazo de Rubiáns. Aquí a camelia é a señora entre máis de cen especies de flores, dende que o duque de Caminha as obsequiou a principios do século XIX. Hoxe recóllense as súas sementes para destilar o aceite esencial co que as monxas do mosteiro de Armenteira elaboran xabóns artesáns, que tamén atoparedes no pazo..

Nas súas 65 hectáreas de extensión, o pazo garda, ademais do xardín, un monte de sobreiras e un viñedo de albariño, que alimenta a produción de viños da adega, amparada pola Denominación de Orixe Rías Baixas. Chamaranvos a atención os seus exemplares de Eucaliptus globulus, plantados en 1820 como regalo do bispo de Tui. Están entre os máis grandes de Europa, con catorce metros de perímetro.

A adega e os xardíns do Pazo de Fefiñáns

Dende Vilagarcía de Arousa axiña chegaremos a Cambados. Nesta vila tan mariñeira como señorial podemos visitar os xardíns e o Pazo de Fefiñáns, na céntrica praza do mesmo nome, onde tamén se levanta a igrexa de San Benito, unha atalaia-miradoiro e un belo arco-ponte barroco. Todo o conxunto está declarado Ben de Interese Cultural.

O interior do pazo alberga a adega máis antiga do lugar, en activo dende 1904. Percorreremos unha extensión dunha hectárea de viñedo en emparrado e pasearemos entre os xardíns, que gardan especies autóctonas e buxos centenarios, coidados con esmero. Tamén é posible acceder ás estancias do pazo, onde descubriremos o gusto refinado da fidalguía galega que se asentaba en vilas e cidades.

Os eucaliptos do Pazo de Rubiáns,
con 14 metros de perímetro,
están entre os máis grandes de Europa

Peixe e marisco en Cambados, “capital” do viño albariño

Trala visita será xa hora de xantar. Nas rúas próximas concéntranse restaurantes, mesóns e locais de tapas que nos sorprenderán cos seus mariscos e peixes da ría. Non esquezades regar a comida cun albariño da Denominación de Orixe Rías Baixas, non en van estamos na súa “capital”.


As múltiples cores da camelia na Finca da Saleta


Pola tarde podemos organizar a visita á Finca A Saleta no próximo concello de Meis. Nesta ocasión agárdanos unha gran casa de labranza con hórreo, pombal e capela. O conxunto está rodeado por cinco hectáreas de carballos, eucaliptos e sobreiras e un xardín de tipo inglés, deseñado pola paisaxista Brenda Colvin.
Tamén aquí a camelia é protagonista, tinguindo a paisaxe de branco, rosa, vermello, violáceo ou xaspeado durante a súa floración. Pero tamén atoparemos rododendros, azaleas, protáceas e mirtáceas australianas e ericáceas sudamericanas, perfectamente etiquetadas e identificadas.

Impresionantes exemplares de camelia no Pazo de Lourizán

Poñemos rumbo a Pontevedra. Moi preto desta poboación, na estrada que se dirixe a Marín, atópase o Pazo de Lourizán e o seu gran terreo de 54 hectáreas, que hoxe alberga o Centro de Investigacións Forestais. A súa relevancia botánica e arquitectónica merece unha visita.

Impresionaranos a gran edificación de estilo modernista, cunha escalinata de corte imperial, profusas columnas, enormes ventanais, estatuas e ornamentos. Fíxoa levantar o político Montero Ríos, quen negociou o Tratado de París de 1898 que puxo fin á guerra hispano-norteamericana.

O contorno contén numerosos puntos de interese como o invernadoiro de cristal, o pombal, o hórreo, o lagar, as ruínas do muíño, o lavadoiro, a charca das troitas, o Parque das Rías, diversas fontes históricas e a Gruta dos Espellos, adornada con vidros de cores.

O Xardín Botánico posúe
castiñeiros xaponeses e chineses,
cedros do Líbano e olmos holandeses


O Xardín Botánico, creado en 1949 coa denominación de “Arboreto”, conserva especies tanto exóticas como autóctonas que se plantaron dende o século XIX ata a actualidade. O cedro do Líbano, a Metasequoia glyptostroboides e a formación de castiñeiros xaponeses e chineses están incluídos no Catálogo de Árbores Singulares de Galicia. Pero tamén destacan o olmo holandés, as palmeiras raíña ou a avenida de magnolias. Os expertos cualifican como “impresionantes” os seus exemplares de camelia “Alba Plena”. As plantas de camelias máis antigas datan do século XIX.


Trala visita podedes cear en Pontevedra. No casco histórico da cidade atoparedes bos mesóns e restaurantes da excelente cociña tradicional galega.

Día 4º

O Castelo de Soutomaior e o seu Xardín de Excelencia Internacional

Tralo almorzo en Pontevedra aconsellámosvos aproveitar a mañá cunha última visita ao Castelo de Soutomaior, na localidade próxima do mesmo nome, onde chegamos en pouco máis de media hora en coche. Os seus xardíns foron os primeiros de España en obter o título de “Xardín de Excelencia Internacional”, outorgado pola Sociedade Internacional da Camelia durante o Congreso Internacional da Camelia, celebrado na China en 2012, dada a importancia que esta flor ten no parque botánico de Soutomaior.

A árbore de camelia máis ancha de Galicia

Neste parque botánico existen 400 plantas de camelia de ata 25 especies diferentes, algunhas delas centenarias. Un dos exemplares consta de 18 troncos que medran dende a base da árbore e un diámetro de copa de 17 metros, o que a converte na máis ancha de Galicia.

Nas súas 35 hectáreas de extensión conviven palmeiras, laranxeiras, eucaliptos, castiñeiros, carballos e magnolios sobre este outeiro no que se alza o castelo medieval. A súa construción primitiva data do século XII e nel fixo o seu feudo Pedro Madruga, figura clave da Galicia do século XV, tanto na loita contra as revoltas campesiñas como contra os Reis Católicos.

Ao conxunto amurallado accédese por unha ponte levadiza. Sobre a porta distinguiremos o escudo dos marqueses de Mos. Dentro do palacio podemos contemplar as estancias totalmente restauradas e a excelentemente labrada “Galería de Damas”, que constitúe un magnífico miradoiro ao patio de armas.

 

Arriba
Axúdanos a mellorar!