Esta experiencia conxuga a visita a algúns dos máis belos xardíns palacianos e señoriais de Galicia cun percorrido polos viñedos e as adegas con Denominación de Orixe. Nesta viaxe o viño acompaña aos excelentes peixes e mariscos das rías galegas.

Esta experiencia conxuga a visita a algúns dos máis belos xardíns palacianos e señoriais de Galicia cun percorrido polos viñedos e as adegas con Denominación de Orixe. Nesta viaxe o viño acompaña aos excelentes peixes e mariscos das rías galegas.

Suxerímosvos vivir unha experiencia enoturística combinada coa visita aos mellores xardíns palacianos e señoriais de Galicia. Nestes espazos a flor da camelia brilla con luz propia. E acompáñase doutras especies, autóctonas e exóticas, de alto valor botánico e estético, coidadas con aloumiño e esmero. Ao noso paso tamén nos veremos rodeados de hortos, froiteiros e viñedos, de cuxas uvas saen os excelentes caldos das denominacións de orixe galegas.

Máis información...
- Pazo de Bazán. Teléfono: 986 542 250
- Museo Etnográfico e do Viño. Teléfono 986 526 119
- Adegas do Palacio de Fefiñanes. www.fefinanes.com
- Pazo de Rubiáns. www.pazoderubianes.com
- Pazo Quinteiro da Cruz. www.pazoquinteirodacruz.es
- Finca de A Saleta. Teléfono: 986 872 323
- Castelo de Soutomaior. www.hotelpousadadelcastillo.com   

Día 1º

En Cambados, o berce do albariño

Cambados, vila señorial e mariñeira, está situada na comarca pontevedresa do Salnés, nas Rías Baixas. É un excelente punto de partida para esta aventura que une viñedo e xardín. Será moi doado chegar ata aquí grazas á proximidade da Autoestrada do Atlántico (AP-9) e doutras importantes vías de comunicación.

Recomendámosvos chegar a primeira hora da tarde, con tempo para instalarvos no hotel e comezar a descubrir os múltiples encantos da zona. A oferta de aloxamento inclúe pazos, casas rurais e señoriais e tamén adegas que ofrecen hospedaxe. A insignia hoteleira é o magnífico Pazo de Bazán, edificio do século XVII, convertido hoxe en Parador de Turismo, onde no seu día se aloxou o Xeneral De Gaulle. 

O pazo goza dunha céntrica situación, fronte á Alameda da Calzada, onde os chopos e os álamos dan sombra aos visitantes durante a “Festa do Viño Albariño”, que se celebra na primeira semana de agosto e está declarada de Interese Turístico Nacional. Se facedes coincidir a visita con este evento veredes o lugar convertido nun bulicio de xente entregada á boa comida, bebida e charla nas casetas que instalan os adegueiros. Durante eses días ofrecen os seus mellores albariños a prezos populares, que se poden acompañar cos excelentes mariscos da ría.

Os segredos do viño do Salnés

Propoñémosvos comezar a tarde no Museo Etnográfico e do Viño, un dos primeiros de temática vitícola que se fundou en España. Dende a Alameda da Calzada transitamos un tramo da Avenida de Vilariño ata o cruzamento coa rúa de San Francisco, que seguimos ata onde se cruza coa Avenida da Pastora, por onde ascendemos ata chegar ao museo. Está instalado nunha antiga casa reitoral do século XVI, chamada Casa de Ricoy, e identificarémolo polo seu gran letreiro na fachada. No seu interior descubrimos os segredos do viño do Salnés e da Denominación de Orixe Rías Baixas.

As ruínas de Santa Mariña Dozo

A poucos pasos atópanse as ruínas de Santa Mariña Dozo, declaradas Monumento Nacional, que albergan un cemiterio, ao que Álvaro Cunqueiro describiu como “o máis melancólico camposanto”. En canto atravesedes o enreixado que dá paso ao que queda desta igrexa, representativa do estilo gótico mariñeiro, comprenderedes por que a súa visita é imprescindible. Os restos que se conservan dos muros de pedra aínda sosteñen uns arcos, nus cara ao ceo, pero ricamente ornamentados con adornos de bólas. No solo repártense o espazo multitude de lápidas con cruces, esculturas e as flores que as decoran, xunto á rebelde vexetación arbustiva que se fai forte entre as pedras.

As hipóteses que falan da destrución parcial da igrexa no século XIX apuntan a un incendio, fortuíto ou provocado, debido aos enfrontamentos ou ás continuas revoltas da época. A sensación de melancolía e romanticismo que pode inspirar este lugar multiplícase en días anubrados ou, se son soleados, á hora na que o Sol declina polo Atlántico dende o Monte da Pastora. Nese momento este escenario préstase a belos xogos de luces entre os arcos, polo que será unha boa oportunidade para captar unhas preciosas imaxes.

De viños polo barrio de Fefiñáns

Unha vez concluída a visita seguro que xa será unha hora apetecible para a degustación dos viños albariños do Salnés. Suxerímosvos que volvades ao centro de Cambados e vos internedes no aristocrático barrio de Fefiñáns ata chegar á praza do mesmo nome. Esta formidable explanada de pedra está rodeada por un conxunto artístico levantado no século XVI e declarado Ben de Interese Cultural. Del forman parte a Igrexa de San Benito; unha atalaia-miradoiro, chamada Torre da Homenaxe; un precioso arco-ponte de traza barroca; e o portentoso Pazo de Fefiñáns, flanqueado por dous curiosos balcóns circulares a modo de púlpitos.

Unha visita ás adegas de Fefiñáns

O interior do Pazo de Fefiñáns alberga dende 1904 a adega máis antiga do lugar. “Bodegas del Palacio de Fefiñanes” produce tres tipos distintos de albariño e augardentes. Se o programamos con antelación podemos percorrer as súas distintas salas de fermentación, crianza e embotellado. E ver o proceso produtivo in situ, acompañados do persoal da adega, que nos guiarán para explicarnos paso a paso a elaboración dos seus caldos, que poderemos degustar. Nunhas instalacións con tanto avoengo vemos como conviven as modernas tecnoloxías produtivas en harmonía coa crianza do viño en barricas de carballo, gardadas nun ambiente dominado pola pedra e a madeira.

Viñedo, o xardín e o bosque “máxico” do Pazo de Fefiñáns

Outro atractivo dentro do pazo é o viñedo histórico, cuxo percorrido organiza a Adega Gil Armada. É posible pasear pola plantación guiados por unha enóloga, que nos explicará as cualidades particulares desta uva, o seu cultivo, o seu clima e o seu solo. Despois acompañaranos na cata final para axudarnos a identificar aromas que lembran ao limón, a herba mollada, a rosa silvestre ou ás froias tropicais. Toda unha sinfonía de olores e sabores que poden saír da nosa copa. Ao final das hortas, onde se conservan estes antigos viñedos, está o bosque “máxico”. O apelativo é merecido, pois aparece por sorpresa tras atravesar un corredor de vides en emparrado.
Como por arte de maxia vémonos dentro dunha impresionante bóveda de buxo, rodeada de especies autóctonas como carballos e castiñeiros centenarios. Tamén percorreremos o xardín, que, segundo a época, déixase invadir de diferentes cores e olores, grazas ás rosas, as peonias, as lilas, o heliótropo, o philadelphus ou o muguet, entre outras.

O interior do pazo

A mesma adega tamén organiza a visita ás estancias do pazo, cuxa decoración reflicte os gustos exquisitos dunha fidalguía asentada en vilas e cidades, máis afastada do universo cultural campesiño. Seguro que vos sorprenden elementos como o belo papel pintado inspirado en motivos orientais dun dos salóns. Foi un capricho exótico traído polo primeiro marqués de Figueroa de Rusia, onde exerceu como embaixador a principios do século XIX.

Peixe, marisco e albariño

Ao despedírmonos das adegas e dos seus distintos espazos será hora de cear. Peixes e mariscos desta ría preparados á prancha ou con salsas e guarnicións máis ou menos sofisticadas, mesmo a base de albariño, reinan nos menús dos restaurantes e locais de tapas das rúas lindantes á Praza de Fefiñáns.
 

Día 2º

Camelias e viñedos nos pazos de Vilagarcía de Arousa e Ribadumia

O Pazo de Rubiáns, un maxestoso xardín de inverno

Despois dun almorzo tranquilo en Cambados aconsellámosvos comezar a mañá cunha visita de alto valor botánico, enolóxico e histórico-artístico. Referímonos ao Pazo de Rubiáns, moi próximo á poboación de Vilagarcía de Arousa, onde chegaremos en apenas vinte minutos en coche pola VRG-43.

Ao situármonos ante o portalón de entrada á propiedade xa reparamos na inscrición histórica realizada por García de Caamaño e Mendoza, Señor da Casa de Rubiáns. A visita, de dúas horas de duración, estará guiada por persoal do pazo e desenvolverase como un paseo moi didáctico polos xardíns, o parque, o bosque e o viñedo ata concluír no interior da Casa de Rubiáns, que, dende a súa reforma no século XVIII, quedou convertida en pazo.

Aquí a camelia é a señora entre máis de cen especies de flores, dende que o duque de Caminha llas obsequiou aos señores da casa a principios do século XIX. A idade e o porte téñenas convertido en formacións sorprendentes. Hoxe existen máis de 35 especies e 800 variedades diferentes, que fan de Rubiáns un xardín de inverno maxestoso.

Un dos lugares míticos do paseo é o Estanque das Ras, coa súa pérgola e glorieta emparrada e circundado por plataneiros e buxos. Tras del internámonos nun bosque axardinado de frondosas árbores de especies caducifolias. Se o día é soleado fixádevos como a luz revela toda a vexetación do sotobosque.

Poderemos participar na vendima, se é a época

Dende este espazo ascendemos por unha ladeira cultivada fundamentalmente de albariño, dende onde gozamos dunhas magníficas vistas da ría e de Vilagarcía de Arousa. O viñedo esténdese ao longo de 25 hectáreas e o seu cultivo realízase en “emparrado” e “espaleira”. Quizais poidamos observar as tarefas dos operarios do viñedo. Se o desexamos tamén é posible participar na vendima, cando sexa a época, programándoo previamente.

Tralo viñedo descubrimos a zona máis nova do xardín, de 25 mil metros cadrados, que alterna zonas de pendente rochosas e un fermoso salto de auga. A filosofía que impulsa os traballos aquí, algúns aínda en fase de proxecto, é recuperar unha zona que quedou afectada durante a vaga de incendios de 2006 en Galicia.

O peculiar cheiro do alcanfor

Os nosos anfitrións non deixarán que perdamos detalle do conxunto de elegantes criptomerias, de palmeiras, das perennifolias da entrada, dos calocedros, das enormes sobreiras e dos alcanforeiros, convidándonos a partir unha folla destes últimos para comprobar o típico cheiro do alcanfor. Seguro que tamén nos asombraremos ante a magnitude dos xigantescos exemplares de Eucaliptus globulus plantados en 1820, entre os que se atopa o máis grande de Europa, con 14 metros de perímetro. As sorpresas
parecen non ter fin en Rubiáns.

Visita ao interior do pazo, a súa panadería e a súa adega

Despois de percorrer o exterior é o momento de entrar no pazo, con estancias decoradas ao estilo do século XVIII. Así mesmo, visitaremos a capela familiar, unha construción do XVI consagrada a San Xosé, onde podemos observar unha rareza da simboloxía relixiosa: os esponsais da Virxe. Tamén atoparemos inusual a representación do coñecido como “San Xosé Milagreiro”, unha imaxe do santo de mozo co Neno Xesús en brazos.

Rematamos cun percorrido por diversas construcións que levan en pé dende o século XV, como a panadería, a adega e as cortes, que se restauraron e hoxe dan servizo ás visitas e á tenda. Nela atopamos produtos de elaboración artesanal relacionados co universo vexetal de Rubiáns como candeas de alcanfor, xabóns de aceite de camelia, xoiería artesá, ademais do viño producido nas adegas do pazo.

As ameixas de Carril

Para cando sexa a hora de xantar propoñémosvos facer un pequeno traxecto en coche ata Vilagarcía de Arousa, unha das principais vilas de Galicia, onde os seus restaurantes serven excelentes peixes e mariscos. Outra opción é conducir dez minutos máis cara ao norte, ata chegar á poboación de Carril, famosa pola súas ameixas, exaltadas cunha festa gastronómica propia en agosto. Recomendámosvos un menú deste exquisito bivalvo, acompañado con outros mariscos da zona, sen renunciar aos albariños da subzona do Salnés, da Denominación de Orixe Rías Baixas.

A “Camelia de Ouro”, no Pazo Quinteiro da Cruz

Trala sobremesa, animámosvos a visitar un dos exemplos de xardín palaciano máis sobresaíntes de Galicia, o Pazo Quinteiro da Cruz, na parroquia de Lois, dentro do concello de Ribadumia. É un espazo de elevado valor botánico e ornamental, onde a camelia é a protagonista do xardín, non só porque aquí se cultivan máis de mil variedades, senón porque faise con aloumiño e sabedoría, grazas ao cal foi merecedor, en varias ocasións, do galardón “Camelia de Ouro” no Concurso-Exposición Internacional da Camelia.
El Pazo Quinteiro da Cruz posee instrumentos del lagar y aperos de labranza catalogados en el patrimonio histórico vitícola europeo. Ao pasear por este terreo de sete hectáreas comprobaredes como o contorno semella que destila a esencia de boa parte do simbolismo galego polos elementos que o compoñen: a casa nobre; unha fermosa construción do século XVIII; dous hórreos espectaculares, un que mide ata 15 metros de lonxitude e o outro incorporado a un estanque-lavadoiro; dous cruceiros, fontes ornamentais, o pombal e a capela. Notaredes como todos se envolven da sinxela beleza do granito galego, macerado durante décadas na humidade do musgo e do lique.

A propiedade inclúe un alpendre con soportais onde se expoñen elementos de importante valor etnográfico como unha antiga lareira, instrumentos do lagar e apeiros de labranza, catalogados no patrimonio histórico vitícola europeo e no patrimonio histórico-artístico de Galicia.

Unha adega familiar

O xardín está rodeado de viñedos de albariño, que tamén imos percorrer. Deles extraen unha produción limitada, pero exquisita, coa que elaboran os seus cotizados viños brancos na adega familiar, aloxada nunha antiga construción de pedra dentro da propiedade. No interior podedes contemplar todo o equipamento necesario para a criomaceración do mosto e o posterior proceso de fermentación e control, a baixa temperatura, en tanques de aceiro inoxidable. Ao rematar a visita será boa hora para catar os seus caldos.

Ceamos no Grove e pasamos a noite na Illa da Toxa

Concluído o percorrido propoñémosvos ir en dirección sueste cara ao Grove, poboación coñecida como a “capital do marisco” e gozar dunha pequena camiñada polo Paseo Marítimo observando a intensa actividade do seu porto deportivo, antes da cea. Cando o apetito se manifeste, calquera das marisquerías da zona seguro que será do voso agrado. Á hora de durmir atoparedes aloxamento de gran calidade na bela e próxima Illa da Toxa, xa que dispón de dous hoteis-balneario e un hotel-talaso, que son emblema de luxo e termalismo.

Día 3º

Marisco, xardíns e augas mineiromedicinais

Unha travesía pola Ría de Arousa

Tras gozar dun bo almorzo cunhas estupendas vistas ao mar e ao contorno da ría de Arousa dende A Toxa, embarcámonos nunha travesía mariñeira pola ría, para descubrir os seus encantos paisaxísticos e a súa riqueza marisqueira. Non esquezades que as Rías Baixas galegas están consideradas unha das maiores reservas de fitoplancto do planeta, segundo a FAO. Esta é a razón de que diferentes mariscos criados aquí en bateas obteñan un tamaño e sabor excepcional.

Para iniciar a aventura será necesario que nos despracemos de novo ao porto deportivo do Grove, a só cinco minutos en coche, dende onde salen veleiros, catamaráns ou barcos de fondo transparente que realizan estas travesías pola ría. Moitos deles xa ofrecen a comida a bordo, a base dun menú tipicamente galego que adoita incluír a degustación de marisco fresco, en empanada galega e noutras preparacións típicas, acompañado de viño albariño da Denominación de Orixe Rías Baixas, polo que vos aconsellamos esta opción.

O traballo nas bateas

Durante a excursión fondéase ao lado de verdadeiros bosques de algas, fáciles de observar dende o fondo acristalado do barco. Tamén nos detemos ante as bateas para comprobar o duro traballo dos bateeiros, que realizan, con axuda mecánica, o desdobre das cordas que suxeitan o marisco e que poden pesar ata 300 quilos. E límpanas de algas ou parasitos para que non afecten ao crecemento dos mexillóns, ostras ou vieiras cultivadas na batea. Dende o fondo transparente do barco é posible ver como esas cordas penduran cara ao fondo mariño e ademais descubrir bancos de peixes de distintas especies, como sargos, bogas ou peixes bésta.

Cando desembarquemos no porto do Grove, podemos recompoñernos da viaxe tomando un refrixerio sentados nalgunha terraza próxima para despois poñer rumbo ao concello de Meis, onde chegaremos logo dunha media hora escasa pola AG-41.

A Finca da Saleta, un referente botánico

Neste contorno atópase a Finca da Saleta, referencia botánica nos rexistros de “Xardíns de España” da Sociedade Española da Camelia, de importante relevo no cultivo desta flor. Aquí cultívanse 200 exemplares de camelia arredor dunha pradeira que aparece tinguida de branco, rosa, vermello, violáceo e xaspeado durante a floración (entre novembro e marzo).

Tamén nos saen ao paso rododendros, azaleas, protáceas e mirtáceas australianas e ericáceas sudamericanas, perfectamente etiquetadas e identificadas; un corredor con diferentes variedades de enredadeiras e lugares onde os arbustos pasaron á categoría de árbores. O terreo está rodeado por cinco hectáreas de carballos, eucaliptos e sobreiras, entre os que se agacha un pombal octogonal. En xeral imos ver un xardín onde reina un caos perfectamente ordenado, deseñado pola paisaxista Brenda Colvin.

Ao lado da casa de labranza atopamos un hórreo e unha capela, que aínda conserva un retablo e una bóveda policromada, onde se dan cita os veciños para celebrar o día da Virxe da Saleta.

Un tratamento termal na Toxa

Cando conclúa a visita recomendámosvos volver á Illa da Toxa para entregarvos a una tarde de relax, que aproveite os efectos salutíferos da auga do mar ou dos mananciais. Tamén podedes recibir un tratamento de beleza, relax ou saúde. Hainos tan suxestivos como os que combinan a talasoterapia coas propiedades benéficas da uva albariña. Así tampouco deixamos de lado outro dos aspectos que a viticultura do Salnés exporta a campos como o terapéutico ou o cosmético.

Tralo tratamento termal sempre é apropiado e ata desexable rematar de relaxarse cunha pequena sesta. Ao espertar sentirémonos completamente descansados para dar un paseo pola illa, que nos sentará ben antes de cear e abriranos o apetito. As beiras da illa ofrecen vistas privilexiadas á ría, pisando a area da praia, ou dende paseos con brancas balaustradas. Tamén existen no interior sendas con palmeiras e un parque de piñeiros para respirar aire puro.

 

 

Día 4º

Da Toxa a Combarro, Pontevedra e Soutomaior

A tradición xaboeira da Toxa

Ao rematar o almorzo, non podemos abandonar a illa sen visitar a singular capela das Conchas, en pleno centro. O interior conserva certo aire mariñeiro, pero a verdadeira atracción é o exterior, completamente recuberto de cunchas de vieira, que nos ofrece un decorado perfecto para inmortalizar a visita cunha foto.

Se desexamos ultimar as compras e regalos podemos achegarnos ata a tenda-museo da “Toxa”, marca que produce un dos xabóns con máis tradición de España, ademais doutros produtos de hixiene e cosmética. No seu interior seguiremos a súa historia a través de paneis explicativos, e atoparemos á venda sales, xabóns ou cremas, elaboradas coas augas termais. Ao deixar a illa será inevitable tropezar coas vendedoras de colares de cunchas, que se apostan xunto á estrada, dando a benvida e despedindo aos visitantes.

Convidámosvos a seguir a ruta pola PO-316 e a PO-308, estrada costeira que percorre o sinuoso perfil norte da Ría de Pontevedra. Ao noso paso iremos atopando pequenas poboacións mariñeiras e importantes vilas turísticas, como Sanxenxo e Portonovo.

O encanto de Combarro

Pouco antes de chegar a Pontevedra anúnciase a poboación de Combarro, asombrosa polo seu singular carácter mariñeiro. Recomendámosvos facer unha pequena parada para que vos internedes no seu conxunto histórico ata a Praza de San Roque e paseedes polas súas rúas en pendente, que descenden cara á ría. Dende aquí teremos a sensación de estar sobre unha gran mole de granito, onde se teñen esculpido as casas cos seus soportais e as súas balaustradas de forxa, pedra ou madeira.

Durante o paseo atoparemos gran número de cruceiros, a maioría coa imaxe da Virxe e Xesús, unidos polos seus respectivos costados. Se probamos a mirar cara a onde o fai o Cristo estaremos dirixindo a vista a terra e se facemos o mesmo coa Virxe orientámonos cara ao mar. Esta é a peculiaridade dos cruceiros de Combarro.

Despois continuade cara á praia de Padrón, que nos revela a panorámica máis sorprendente de Combarro, formada por trinta hórreos aliñados ao pé do mar. Adornados de plantas, mesmo coa pintura descascada e con pequenas illas de herba nos seus tellados, o seu aspecto resulta cativador. Tradicionalmente, os mariñeiros usábanos como secadoiros de peixe e almacén de millo, patacas e outros produtos traídos en barca do outro lado da ría, onde posuían terras de labranza, por ser as da súa beira agrestes e menos apropiadas para o cultivo.

As animadas prazas do casco histórico de Pontevedra

Ao partir de Combarro, seguindo a mesma dirección cara ao interior da ría, enseguida chegamos a Pontevedra, onde vos propoñemos almorzar nalgunha das tascas, bares ou restaurantes do seu casco histórico, do que presumen os pontevedreses por ser un dos mellor conservados de Galicia. O café da sobremesa reservádeo para a terraza dalgunha das belas prazas da cidade, como a da A Verdura, A Ferrería ou A Leña, espazos públicos sempre moi animados, pois aquí gózanse con especial intensidade.

Tampouco podedes abandonar Pontevedra sen visitar a capela da Peregrina, unha das edificacións máis simbólicas da cidade, xa que é o santuario da súa patroa. A súa planta é practicamente redonda, en forma de cuncha de vieira, e a súa fachada convexa está precedida por un atrio con escaleiras adornado por unha balaustrada con pináculos. No corpo superior fixádevos nas imaxes de Santiago, San Roque e a Peregrina, todos vestidos de peregrinos xacobeos, como protectores dos fieis que ían a Santiago polo Camino Portugués.

As curiosidades do xardín do Castelo de Soutomaior

E para poñerlle o broche de ouro á última xornada entre viñedos e xardíns animámosvos a visitar o único xardín de España declarado “Xardín de Excelencia Internacional”, título outorgado pola Sociedade Internacional da Camelia. Trátase do parque botánico do castelo de Soutomaior, situado no concello do mesmo nome, dentro da comarca de Redondela.

Pola N-550 chegaremos en aproximadamente 25 minutos.
Non debemos demorar moito a visita, pois é un destino repleto de sorpresas, como unha extensa colección que abrangue máis de 500 exemplares de 25 especies diferentes de camelias. O protagonista é o exemplar máis antigo, en cuxa base medran 18 troncos, que o converten no de maior porte de Galicia. Aínda que por idade, o decano do lugar é un castiñeiro de 800 anos, dentro dun bosque con árbores autóctonas. Tamén atoparemos palmeiras, secuoias, plantacións de froiteiros e unha espectacular panorámica dos viñedos dispostos en bancais sobre o outeiro.

O exterior é de acceso libre e gratuíto, non obstante o interior do castelo está suxeito a horarios de mañá e tarde. Se tendes a oportunidade de visitalo non perdades a ocasión de coñecer as estancias restauradas desta fortaleza, onde Pedro Madruga, figura clave da historia medieval de Galicia, tivo o seu feudo.

Arriba
Axúdanos a mellorar!