Fidalguía en rosa pau...

No castelo de Soutomaior as camelias mestúranse coas rosas. Un aroma e unha cor que debería campar hoxe nas armas da casa, en contraste coa historia de feroz fortaleza medieval que foi outrora.

En Soutomaior habitou Pedro Madruga, aquel señor feudal de forca e coitelo, capaz de meter nunha gaiola ao mesmísimo bispo Don Diego de Muros e de pasealo deste xeito por toda a comarca, certamente con escarnio. Daquela en Soutomaior non había camelias. Estarían case de fixo os castiñeiros. E se cadra tamén algunhas vides.

Moito máis tarde habían chegar laranxeiras, eucaliptos e palmeiras. E naturalmente as camelias. Camelias que se esparexeron primeiro en grupiños polo parque e se enroscaron logo como grilandas de cor derredor do outeiro. Camelias brancas, impecables, coma pasteis de nata nun carabelo. Grandes, abertas coma dalias. Marelas, encarnadas... E rosas, claro, de todos os matices e tamaños.

Rosa é tamén, e neste caso rosa pau, a cor inexorable que adquiren a miúdo as camelias ao morreren. Cos seus pétalos escuros dourados, case ocres, elabóranse as célebres alfombras de flores que cobren de complicados arabescos as rúas de moitas cidades galegas nas procesións do Viático ou do Corpus. Quizais en desagravio.

Información visitas:
+34 986 804 100

Enlaces relacionados...

DOCUMENTOS RELACIONADOS...

Xunta de Galicia

© 2016 Turismo de Galicia | Todos os dereitos reservados
Política de privacidade | Contacto | Accesibilidade

Galicia
Arriba