As camelias do lume...

Baixo a bóveda verde dun bosque enmarañado, un gran cirio de lume alumea de súpeto a montaña. Ende ben que non hai perigo. É só o sol que no devalo conseguiu filtrarse entre as árbores e rebotar sobre os cristais das fontes, tinguindo de rebrincos de cor o fluír da fervenza.

Namentres, un feixe de camelias esvara monte abaixo coma nun tobogán, deixándose levar pola corrente. E delimitan a golpe de rosas e de fucsias as sombras escuras da ribeira.

Hainas que percorren deste xeito muíño, lavadoiro e varias fontes. Outras alfombran de pétalos cansos e follas secas os recunchos e vieiros. Ou a modo de moles almofadas de cretona, tapizan os bancos de ferro estilo «remordimiento español», que é un nome que se entende así que o viaxeiro se encosta no respaldo e decontado se lle espetan un nariz e dúas cabezas, por exemplo, fermosamente repuxadas, iso é certo. E o viaxeiro lamenta moito telo feito.

E por veces, a finais do inverno, vense pousadas encol dunha mesa de pedra moi baixiña, na que o primeiro dono do pazo -o político Montero Ríos, que tamén era baixiño- amañou máis dunha vez o mundo. Porque en Lourizán o de andar sobre un leito de flores non é metáfora. Polo menos non o é o de camiñar sobre un leito de camelias.

Información visitas:
+34 986 805 000

Enlaces relacionados...

DOCUMENTOS RELACIONADOS...

Xunta de Galicia

© 2016 Turismo de Galicia | Todos os dereitos reservados
Política de privacidade | Contacto | Accesibilidade

Galicia
Arriba