Camelias medievais...

Polos sendeiros do tempo. As camelias do pazo de Rubiáns habitan un xardín imbuído de sombras medievais.

Un xardín que transcorre paseniño polos sendeiros do tempo: «aquí un eucalipto do século XVIII; acolá un par de magnolios que medraron ao tempo que a casa», parece indicar, coma se de sinais de tráfico se tratase. E logo estarían xa os magnolios no 1380? Ao mellor estaban nacendo e en Rubiáns asistiríase á nenez e adolescencia dun magnolio; poucos lugares gozan de semellante privilexio.

As camelias, ao tempo, «dispérsanse polos séculos», ledas e liviás, pero non menos centenarias. Quítanlle severidade ao xardín e contrastan co rexo porte da casa, pálidas coma un halo de borraxeira.

Hainas marelas, brancas, fucsias e, dende logo, encarnadas. A famosa variedade «Eugenia de Montijo», denominada así para honrar aquela emperatriz de pelo roxo que naceu en pleno terremoto e, por se pouco fora, nunha cidade, Granada, con nome que tamén evoca a cor vermella. Unha cor que se axeita á idiosincrasia da casa; a sobriedade dun pazo de orixe medieval que cada inverno aledan as camelias.

Información visitas:
+34 986 510 534 / +34 619 261 847

Enlaces relacionados...

DOCUMENTOS RELACIONADOS...

Arriba