Ruta da camelia

Galicia posúe as características óptimas para o cultivo da camelia. Un clima húmido, temperaturas suaves e solos fértiles e acedos fan que o crecemento destas plantas sexa espectacular e sorprenda a expertos de todo o mundo.

As camelias chegaron a Galicia a finais do século XVIII, procedentes de países afastados como China e Xapón. Nun principio instaláronse nos xardíns dos pazos e casas señoriais da nobreza galega, pero co tempo introducíronse nos xardíns e terreos, tanto públicos como privados, de toda a nosa xeografía, ata converter Galicia nun referente internacional no cultivo e produción desta planta. Na actualidade a comunidade atesoura case 8.000 variedades diferentes de camelia.

Propoñémosvos varias rutas por algúns dos xardíns máis espectaculares de Galicia.
Deterémonos nos fascinantes espazos verdes que albergan os pazos máis singulares das provincias da Coruña e Pontevedra. Coñeceremos todos os segredos que ocultan tanto as pedras como as especies botánicas destes lugares cheos dun encanto particular. Os produtos típicos e os viños de cada territorio intensificarán a exquisitez da nosa viaxe.
 

Arriba