Conta Xulio Verne que o segredo mellor gardado do Capitán Nemo está en Vigo. Sabías que aquí viña o submarino Nautilus a aprovisionarse de ouro? Na ría de Vigo hai ducias de galeóns afundidos cargados co ouro das Américas. Tesouros que aínda non saíron á luz.

Pero tamén hai tesouros ao alcance de todos. Como pasear polo Casco Vello e tomar unhas ostras na Pedra. Ou un día de praia en Samil. Ou o Parque de Castrelos, co seu pazo e os seus xardíns. Ou unha excursión en barco ao paraíso das illas Cíes. Ou pasear por rúas repletas de elegantes camelias.

Maybe some resources are not geo-referenced and they are not being displayed.

Ou subir ao Castro para ver unha impresionante posta de sol. E para os que senten novos, a lendaria noite viguesa... Aberta ata o amencer. Isto é Vigo, a maior cidade de Galicia. Unha cidade moderna e emprendedora, aberta ao mundo. A cidade de Vigo é coñecida como a Cidade Olívica. Isto fai referencia a que no adro da igrexa da Colexiata de Santa María existía desde moi antigo unha grande oliveira, que foi plantada polos Cabaleiros Templarios cando rexían esta freguesía. Aínda que a oliveira co tempo foi derrubada, actualmente existe outra que a rememora - e que se di descende da mesmo árbore - no Paseo de Alfonso XII. A oliveira forma parte do escudo da cidade.

Destacado

O visitante de Vigo ten unha oportunidade única de encontro coa natureza virxe, achegarse ás Illas Cíes. Son tres illas situadas na entrada da Ría de Vigo e forman parte do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia. Contan cun cámping e con transporte regular en tempada alta que traslada aos turistas ao arquipélago, con varias viaxes ao longo do día, aínda que debemos ter presente que hai unha limitación de visitantes por día para reservar con tempo a travesía. Lugar ideal para gozar dun ambiente natural en praias paradisíacas. Gran riqueza paisaxística, de fauna (en especial aves mariñas) e flora.

Ruta recomendada

Percorrido polos diferentes períodos históricos de Vigo, partindo dos vestixios máis antigos e encamiñándonos progresivamente cara ás fases construtivas máis recentes, cunha especial ollada ao Vigo de fins do s. XIX e comezos do XX, época na que a puxante burguesía industrial e comercial erixiu o ensanche, con edificios moi representativos.

Partindo do Monte Castro...

Así, partimos do Monte do Castro, no que nos imos achegar ás raíces de Vigo, ao albergar vestixios e homenaxes a persoeiros ou acontecementos que explican a alma viguesa. Neste punto da cidade poderemos contemplar os restos dun poboado castrexo (s. III a.C. – II d.C.), o que queda das fortificacións do s. XVII ou os monumentos ao apreciado trobador medieval Martín Códax e ás Áncoras, que rememora a Batalla de Rande. Este outeiro é un fantástico miradoiro sobre a cidade, a ría e as Illas Cíes dende o que tirar as mellores fotos da nosa visita, especialmente fermosas ao atardecer, no que a ría nos agasalla cun manto de reflexos dourados.

No Berbés...

Dende o Monte do Castro saímos cara a Praza do Rei onde se acha a Casa do Concello, e dirixímonos ao Paseo de Alfonso XII, boa atalaia sobre a ría e o porto, buscando o símbolo da cidade: a oliveira. Continuamos pola rúa Poboadores e Anguía cara o Berbés, antigo barrio de pescadores que conserva algunhas das construcións tipicamente mariñeiras con arcadas e soportais. Nas súas inmediacións está a Lonxa do peixe. Asistir á poxa do peixe tralo seu desembarco é un gran espectáculo, mais hai que ter vontade de facelo, pois desenvólvese entre as catro e cinco da madrugada. O paseo por esta área ou o movemento de peixe son estampas que non debería perderse o visitante con ganas de participar da vida cotiá viguesa e da visión dunha das actividades que mellor define á cidade, a súa vinculación coa pesca.

Ata o mercado da Pedra...

Dende aquí podemos seguir a rúa Teófilo Llorente que nos leva á Praza da Pedra, co seu singular mercado e a típica estampa das ostreiras ofrecendo estes ricos moluscos aos viandantes. Tomamos logo a rúa Oliva ata a Colexiata de Santa María, Concatedral de Vigo, templo neoclásico que alberga a imaxe do Cristo da Vitoria, moi venerado na cidade. Continuamos cara á Praza de Almeida, onde se erguen a Casa Ceta (s. XV) e a Casa Pazos Figueroa, renacentista do s. XVI, sede do Instituto Camôes, un curruncho moi acolledor no que podemos atopar as construcións máis senlleiras da cidade e que nos ofrece unha fermosa estampa do Vigo medieval.

Polo centro...

A seguinte parada da nosa ruta é na Porta do Sol, onde atopamos un fito do Vigo contemporáneo, a escultura "O Sireno" de Francisco Leiro, e bos exemplos de arquitectura modernista, como o Edificio Simeón (1911). Dende aquí entramos no ensanche, de fins do século XIX e comezos do XX, pola rúa Policarpo Sanz, que conta con moi bos exemplos de arquitecturas da época, como o antigo Hotel Moderno (1897) ou o Teatro García Barbón, obra de 1913 de Antonio Palacios, reflectindo o poderío económico da clase burguesa industrial e mercantil que os erixiu. Estamos nunha área das que contan con maior vida urbana, boa zona de restaurantes e terrazas, sobre todo se tomamos a confluencia coa rúa Colón e nos encamiñamos cara á Alameda, bo lugar para tomar un descanso e admirar as súas árbores centenarias, fontes, esculturas e xardíns. Moi preto está o paseo das Avenidas, que nos pon en contacto con outro dos puntos máis característicos de Vigo, o Porto Deportivo e o Club Náutico, edificio racionalista de 1944.

Da rúa Areal á Gran Vía...

Continuamos o noso paseo pola rúa Areal, de moita animación nocturna, na que poderemos contemplar o singular Edificio Bonín (1910). Na confluencia con Serafín Avendaño volvemos cara a García Barbón e dende esta rúa chegamos á céntrica estación de ferrocarril, que nos pon en contacto cunha das principais rúas da cidade, A Gran Vía, buliciosa, comercial e moi transitada. Nela aparecen tres conxuntos escultóricos que cómpre visitar pola súa significación artística e porque funcionan tamén como iconas viguesas, son o Monumento ao Traballo de Ramón Conde, a Fonte dos Cabalos (Praza de España) de Juan Oliveira e a Porta do Atlántico (Praza de América), de Silverio Rivas.

No Parque de Castrelos...

Unha vez na Praza de América, punto de confluencia dun bo número de grandes avenidas do Vigo máis actual, dirixímonos pola de Castrelos ao parque homónimo, que ocupa unha extensión de 24 Ha. Posúe un gran auditorio ao aire libre e nel está situado o Pazo de Lavandeira (s. XVII), tamén coñecido como Quiñones de León, sede do Museo Municipal, e a xoia románica da igrexa de Santa María de Castrelos (s. XII). A súa visita é moi recomendable por ser o principal pulmón verde da cidade e un lugar excepcional para o paseo e o goce dos sentidos. Trala visita tomamos o camiño de retorno, volvendo sobre os nosos pasos á Praza de América e seguindo despois polas rúas da Coruña e Beiramar para chegar de novo á zona do Berbés, onde rematamos.

Onde comer

O mar é tamén o gran protagonista da mesa de Vigo. A gastronomía é esencialmente mariñeira, aparecendo como pratos destacados todo tipo de peixe e mariscos de sabor incomparable. Non é unha materia prima na que se fagan elaboracións complexas, senón que son cociñados de xeito sinxelo, con poucos condimentos para apreciar o seu sabor e a súa calidade. Nos viños destacan os Albariños, en especial os do Condado.

Entre as mellores áreas para xantar ou picar algo atópanse por unha banda a Zona Vella, dende a Praza da Constitución ao Porto. Neste espazo é unha experiencia única achegarse á rúa da Pescadería (A Pedra), onde as ostreiras ofrecen estes moluscos e outros mariscos para degustalos in situ. En Travesas hai unha boa concentración de establecementos ao redor da Praza da Independencia. En Bouzas o mellor lugar é nos arredores da Praza de Abastos. Polo seu lado, no Calvario son bos lugares as rúas adxacentes a Urzáiz. En Teis a referencia é a rúa Sanjurjo Badía, sobre todo a partir do mercado do Toural.

Non perderse

  • FESTA DA RECONQUISTA
    Na Praza da Constitución (Zona Vella) celébrase o 28 de marzo a rememoración da loita dos vigueses contra as tropas francesas en 1809.
  • FESTA DA CHEGADA DA PRIMAVERA
    O segundo domingo de maio faise unha teatralización simbólica da chegada da primavera na Praza da Constitución.
  • FESTA DO SANTÍSIMO CRISTO DOS AFLIXIDOS DE BOUZAS
    Festa de interese turístico que se celebra no barrio vigués de Bouzas o terceiro domingo do mes de xullo. Data do ano 1605. Entre os variados actos destaca a Procesión do Cristo, a Regata de Faluchos (embarcacións tradicionais) e un Festival Pirotécnico.
  • FESTAS DO CRISTO DA VITORIA
    A concorridísima procesión que saca ao patrón da cidade o primeiro domingo de agosto polas rúas para agradecer a vitoria sobre os franceses a comezos do s. XIX dá inicio á "Semana Grande de Vigo". 

 

Arriba