Con preto de 6.000 hectáreas e situado no Macizo Central ourensán, O Invernadeiro esténdese a través de verdes e ondulantes montañas ou de abruptas paisaxes rochosas. 

Estes son os dominios do lobo, do xabaril, do armiño e da marta. Tamén de cervos, corzos e cabras bravas. Un paraíso que hai que preservar. Para visitalo cómpre pedir un permiso, pero a experiencia é inesquecible. 

Hai 6 rutas. Deste xeito, aínda que non sexas un experto podes axexar de cerca a corzos e cervos... Un momento máxico. Podes ver acivros, cancereixos ou teixos, as árbores sacras dos celtas, sobrevoados por aguias e falcóns.

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Lección de montaña

Non existen asentamentos humanos dentro dos límites do Invernadeiro. Todo é natureza. 

A súa historia vén de antigo, sempre como propiedade non dividida desde a Idade Media, dedicada daquela ao pastoreo e á caza. A mediados do século pasado converteuse nunha zona autorizada de repoboacións forestais ata que no ano 1979 sufriu un incendio e cambiou o seu destino. Das cinzas renaceu cunha aposta pola recuperación ambiental que se consolidou definitivamente no verán de 1997 coa súa declaración como Parque Natural. Na actualidade é unha das mellores aulas da natureza da comunidade para coñecer con intensidade a vida do Macizo Central ourensán.

As vellas montañas galaicas, que superan nas estremas do parque os 1.500 metros de altitude, combinan o encanto agreste da rocha coa suavidade dos grandes volumes arredondados. Son as serras propicias para acoller gran parte da vida salvaxe representada na súa cúspide polo lobo e as súas presas corzo e xabaril. Os ríos, igual ca en tempos primitivos os glaciares, viven neste espazo o gran momento da montaña. Os cauces xemelgos Ribeira Grande e Ribeira Pequena poñen o ritmo fluvial.

Sen Perda

Cómpre solicitarmos con antelación o permiso de acceso e efectuar todos os percorridos a pé polas rutas marcadas. As visitas para grupos realízanse a partir dun mínimo de cinco persoas. É amplamente recomendable para grupos escolares e outros colectivos a aula da natureza da Ribeira Grande e as súas actividades. 

Ofrece unha experiencia única, illados na natureza percorrendo os grandes terreos de caza do lobo. Algunha destas rutas permite observar un abraiante circo glaciar e varias fervenzas como a de Arcos. Na Ribeira Pequena salienta a ruta dos cercados que nos achega aos espazos dos cervos e outros ungulados en semiliberdade. Son precisamente cervos, cabras do monte, gamos, rebezos, muflóns as estrelas do parque. Habitan espazos valados que facilitan o control das poboacións e fai do seu albiscamento unha das experiencias de máis grato recordo dos visitantes.

Macizo Central

O Invernadeiro é o corazón dunha vasta zona montañosa practicamente despoboada. As maiores elevacións atópanse na Serra de Queixa, que ostenta o punto máis alto na estación de montaña de Manzaneda (1.782 m), e na Serra de San Mamede (1.619 m). Rexistran abundantes precipitacións en forma de chuvia e neve, pero tamén importantes períodos estacionais de seca.

Desde A Proba de Trives podemos ascender ata a estación de montaña de Manzaneda con múltiples opcións turísticas xa que non limita a súa actividade tan só á temporada de esquí. É o punto de partida de varias rutas de sendeirismo á busca da antiga actividade glaciar da montaña. Tamén podemos optar por continuar ata Celeiros, capital municipal de Chandrexa de Queixa.

Na outra vertente do macizo, dúas son as posibilidades. Por unha banda, no concello de Vilariño de Conso, os encraves de Pradoalbar, onde o río enche o val de gran beleza; e Chaguazoso, onde veremos unha espectacular morrena glaciar e a fervenza do río Cenza.

A media altitude son frecuentes as extensións arboradas. Bosques autóctonos de interese botánico pola presenza conxunta de especies atlánticas e mediterráneas como carballos e cerquiños. Unha das manchas máis curiosas é o Bidueiral de Montederramo, dunhas 250 hectáreas na parroquia de Gabín, propiciado pola necesidade desta madeira para os outrora numerosos zoqueiros e carpinteiros da zona.

Por outra banda, nas terras do Bolo, o Canón do río Bibei. A fotografía por antonomasia encádrase co santuario barroco das Ermidas pendurado no monte entre ladeiras de viñedos e un bo definidor climático como é a presenza de oliveiras. A paisaxe dos socalcos para vencer o forte desnivel acada aquí unha das súas mellores mostras. O río asiste e resiste a esta longa historia de humanización que vén de lonxe, como a sólida ponte romana do Bibei capaz de soportar aínda o tráfico moderno.

Natureza senlleira

Boa recuperación do estrato arbóreo e dos piñeirais. Ao abeiro de abruptas abas, consérvanse bosques maduros de carácter autóctono. Excelente representación arbustiva de media montaña.

A fauna presenta a pirámide trófica completa. Bioindicadores da saúde dos ecosistemas fluviais como a lontra e outras especies aínda máis escasas a nivel ibérico.

Datos de interese

Situación

  • Parque Natural, integramente no concello de Vilariño de Conso. O Macizo Central abrangue a área montañosa das comarcas centrais ourensáns, nos concellos do Bolo, Chandrexa de Queixa, Laza, Manzaneda, A Pobra de Trives, Viana do Bolo, Vilariño de Conso, Quiroga, Larouco e Montederramo.
  • O Bidueiral esténdese entre os concellos de Montederramo e Vilar de Barrio.

Superficie

  • 5.722 ha. ZEC: 46.829,43 ha.
  • ZEC “Bidueiral de Montederramo” 1.948,55 ha.

Acceso

  • Ao Parque desde Verín pola estrada comarcal OU-114 de Laza, e alí tomar o desvío a Campobecerros. Para o Macizo Central, polo norte, a estrada C-536 con desvíos en O Castro de Caldelas ou na Pobra de Trives para chegar a Manzaneda. Para o Canón do Bibei, polo leste, estrada C-533 Petín-A Gudiña e desvío ao santuario das Ermidas.

Servizos

  • Aloxamento e comida nas localidades dentro do ZEC Macizo Central.

Máis información

  • Para visitar o Parque Natural, permiso expedido por escrito polo Servizo de Conservación da Natureza de Ourense Rúa do Paseo, 18 – 5º. Ourense.
    Tel: 988 386 376 - 988 386 029 (laborables de luns a venres de 9:00 a 14:00 horas)
    e-mail: servizo.conservacion.natureza.ourense@xunta.es

Equipamentos

  • Centro de recepción
  • Aula da Natureza, na Ribeira Grande.
  • Observatorios de fauna (cercado de ungulados silvestres).
  • A Aula da Natureza conta con dormitorios e outras instalacións como laboratorio e aula de proxeccións para a realización de actividades coordinadas por monitores.

 

Arriba