Un vilán ao norte, o impoñente Cabo Vilán, e unha santa ao sur, Nosa Señora da Barca, reciben aos que chegan por mar á Ría de Camariñas. Cabo Vilán cos seus cantís, para advertir do perigo destas augas. A Virxe, para bendicilas e pedirlles que sexan clementes cos homes. Pois aquí, na Costa da Morte, o mar é máis poderoso que a terra. Moi preto do Cabo, o Cemiterio dos Ingleses recorda a traxedia do Serpent, buque da Royal Navy que encallou en 1890 e só sobreviviron tres mariñeiros. Mais unha vez pasado o Cabo, o mar acouga.