O xeodestino Terra Chá abrangue os concellos de Abadín, Begonte, Castro de Rei, Cospeito, Guitiriz, Muras, A Pastoriza e Vilalba.

Esta é unha terra como non hai outra igual. En contraste coa típica paisaxe galega, A Terra Chá é unha inmensa chaira, a máis grande de Galicia. Unha planicie de prados sempre verdes sucada por numerosos ríos e lagoas, como o Miño, do que uns din que ten o seu nacemento na lagoa de Fonmiñá no municipio da Pastoriza. O seguro é que todos estes municipios pertencen á Reserva da Biosfera Terras do Miño.

É topograficamente chá como indica o seu nome e oscila na súa maior parte entre os 400 e 500 m de altitude. Está rodeada de conxuntos montañosos que a illan do mar.

Aquí abunda a auga, que destaca en zonas húmidas de alto valor ecolóxico como a lagoa de Cospeito, un lugar que segundo a lenda acocha unha cidade somerxida por castigo divino, agora lugar de residencia de lontras e lavancos.

A Terra Chá e a terra dunha exquisitez: o queixo San Simón da Costa, afumado e elaborado artesanalmente durante todo o ano.

Patrimonio

A Terra Chá é un xeodestino que atesoura algúns dos máis relevantes vestixios históricos e artísticos da Comunidade.

Destaca o castro de Viladonga un dos mellor escavados e cun importante museo só e un dos exemplos do rico patrimonio desta parte de Galicia.

Da de arquitectura relixiosa podemos salientar a igrexa de Sta María de Abadín, de estilo románico do s. XII coa capela maior do XVI de estilo gótico. No municipio de Begonte temos a igrexa parroquial de Santiago de Baamonde do s. XII e a igrexa de Santalla de Pena. En Guitiriz a igrexa de Sto Estevo de Parga e a capela de Sto Alberte do s. XIII con fachada do XVIII, con ponte e fonte. En Muras a ermida de Sto Antonio da Xestosa e a capela de Sta Cruz de Seilán.

Entre a arquitectura fortificada atópanse numerosos exemplos como a torre da homenaxe do castelo dos Andrade en Vilalba ou a Torre de Caldaloba (Cospeito) en estado ruinoso.

E como é terra de auga, construíronse pontes, como a ponte romana de Duarría ou a ponte gótica en Sto. Estevo de Parga (Guitiriz), para salvar os cursos fluviais.

Os museos neste xeodestino abranguen distintos temas e épocas. O Museo arqueolóxico do Castro de Viladonga en Castro de Rei complementa o Castro de Viladonga. En Vilalba o Museo de prehistoria e arqueoloxía tamén se centra na prehistoria mentres que en Bretoña (A Pastoriza) o Museo pedagóxico-etnográfico Villapol, móstranos aspectos etnográficos.

 

Espazos naturais

Dentro do espazo protexido Parga-Ladra-Támoga que comprende os municipios de Abadín, Begonte, Castro de Rei, Cospeito, Guitiriz e Vilalba encóntrase a lagoa de Cospeito que conta con observatorios ornitolóxicos.

A Serra do Xistral, cos seus cabalos salvaxes en liberdade, recibe o seu nome dos ventos fríos e húmidos, a xistra que barre os seus cumes polos municipios de Abadín, Muras e Vilalba. Mostra da gran riqueza ecolóxica que caracteriza este territorio é a Reserva da Biosfera Terras do Miño, que coas súas áreas recreativas e fluviais facilitan o desfrute das belas paraxes que atravesa este río e que inclúe os municipios de Abadín, Begonte, Castro de Rei, Cospeito, Guitiriz, Muras, A Pastoriza e Vilalba.

Ata cinco sendas de pequeno percorrido móstranos a riqueza paisaxista da Terra Chá: varios con interese naturalista como PR-G 152 Ruta dos Muíños en Abadín, PR-G 151 Ruta das Lagoas en Cospeito, PR-G 99 Ruta da auga de Guitiriz en Guitiriz e PR-G 153 Augas de Fonmiñá na Pastoriza. E un en Castro de Rei con interese arqueolóxico e histórico: o PR-G-154 Ruta do Azúmara.

Festas e gastronomía

Esta é a terra do Queixo de San Simón da Costa, que é elaborado en todos os concellos deste xeodestino e onde se cría o famoso Capón de Vilalba.

Entre as Festas de Interese Turístico de Galicia nas que se pode participar ao longo do ano na Terra Chá figuran o Festival de Pardiñas en Guitiriz, o Belén electrónico en Begonte, a Festa do Poldro de Muras e a Festa da Filloa de Muimenta en Cospeito.

Arriba
Axúdanos a mellorar!