Os concellos que forman este xeodestino son: A Pobra de Trives, A Rúa, A Veiga, Carballeda de Valdeorras, Chandrexa de Queixa, Larouco, Manzaneda, O Barco de Valdeorras, O Bolo, Petín, Rubiá, San Xoán de Río e Vilamartín de Valdeorras.

Cabeza Grande en Manzaneda, con case 1.800 m de altitude, e Pena Trevinca, con 2.127 m, son os teitos de Galicia. Unha Galicia branca que parece tocar o ceo.

No concello do Bolo, o maxestoso santuario barroco das Ermidas mira ao ceo desde unha profunda gorxa do río Bibei, xa que foi construído para ser contemplado desde o alto.

No Macizo Central, Manzaneda é a única estación de esquí de Galicia. É tamén unha estación de montaña aberta todo o ano na que se pode gozar do deporte e do turismo de natureza. Os montes de Pena Trevinca son un espazo natural protexido. O seus cumios están coroados por lagos glaciares como Ocelo ou a Lagoa da Serpe, de augas purísimas e cristalinas. Esta é Zona de Especial Protección de Aves, o lugar ideal para os amantes do turismo ornitolóxico. Hai tamén magníficas rutas de sendeirismo, turismo fluvial no encoro da Veiga e unha xoia oculta, o Teixadal de Casaio, un dos maiores bosques de teixos de Europa.

Pero se estas terras son ben coñecidas é sobre todo ao seu viño, caldos que buscan o seu propio mercado apoiándose nunha Denominación de Orixe propia, Valdeorras (das once uvas presentes, a mencía e godello mandan).

Patrimonio

No tocante ás representacións arquitectónicas hai que destacar dúas torres: a do Castro (nos arredores do Barco, con espléndida vista sobre a vila e o río) e a do Bolo.

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

A parroquia de Xagoaza no Barco posúe o mellor exemplo de románico valdeorrés no seu mosteiro e igrexa do século XII, que pertenceu á Orde de San Juan de Xerusalén. Claro que existen obras anteriores, como a magnífica ponte da Cigarrosa, na Rúa, que une este concello co de Petín e formaba parte da Vía XVIII do Itinerario de Antonino.

O viaxeiro que se achegue a este xeodestino non pode deixar de visitar o santuario das Ermidas, no Bolo, encaixado no canón do río Bibei, nunha paraxe de conto.

Espazos naturais

Desde o punto de vista natural o xeodestino esconde varias sorpresas interesantes. Unha delas é o Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra, que limita con León, un tesouro de máis de tres mil hectáreas. E curioso: ten unhas excelentes colonias de morcegos que aínda encerran moitos segredos. Outra desas sorpresas é a paisaxe protexida Val do río Navea (este val esténdese polos concellos de San Xoán de Río e A Pobra de Trives), cun magnífico bosque de especies autóctonas.

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Un bosque con recoñecemento de monumento natural é o Souto de Rozabales no que se atopa o castiñeiro de Pumbariños de 12,15 m de perímetro e quizá milenario. E outra máis, en fin, o Macizo Central (para ser xustos, unha parte del), onde se atopa non só a vila de Manzaneda cos restos ben conservados das súas murallas, porta de acceso ao recinto e castelo, senón tamén a única estación de esquí de Galicia.

Certo é que todo iso pode palidecer ante outro espazo declarado Rede Natura: Pena Trevinca, paraíso de montañeiros e ata escaladores. O pico que lle presta o nome está a 2.127 metros sobre o nivel do mar, o que o converte no de maior altitude de Galicia. Está rodeado de belos vales de orixe glaciar.

Festas e gastronomía

Hai neste xeodestino unha festa que destaca sobre as demais, ata o punto que foi declarada de Interese Turístico de Galicia: o Folión Tradicional, que ten lugar no concello de Manzaneda e que ten como personaxe principal a Mázcara, como folións hai tamén noutros enclaves do xeodestino, destacando o de Vilariño de Conso. Na Pobra de Trives réndese homenaxe gastronómica ao seu excelente chourizo, meses antes de que teñan lugar na mesma localidade as xa moi veteranas Xornadas Internacionais do Folclore.

Pero se estas terras son ben coñecidas non se debe só ás súas festas senón sobre todo ao seu viño, caldos que buscan o seu propio mercado apoiándose nunha Denominación de Orixe propia, Valdeorras (das once uvas presentes, a mencía e godello mandan). Algunhas das adegas que se localizan a tiro de canón do río Bibei (en Larouco, vía romana cun deseño que parece imposible, máxime dous milenios atrás, e que salva espectacularmente o desnivel ata a corrente de auga) parecen estar erguidas en lugares sinxelamente inaccesibles.

Como é de esperar, a gastronomía é tradicional e a típica da montaña. O mel está presente en toda Galicia, pero aquí ten fama pola súa calidade. Xeodestino este, por outra banda, que presume de boa castaña. Tanto o Mel de Galicia como a Castaña de Galicia son produtos con Indicación Xeográfica Protexida.

DESTACADO: Val do río Navea

O val do Navea é Paisaxe Protexida, nel predomina a vexetación arbórea, como o gran bosque de San Xoán de Río ou os famosos soutos da comarca de Trives. Os históricos castiñeiros conviven con curiosas construcións que se están rehabilitando chamadas sequeiros, destinadas tradicionalmente ao secado de castañas.

Sobre o río Navea hai unha ponte medieval, construída sobre os restos da antiga ponte romana. Este río verte as súas augas ao Bibei, cuxa canle é atravesada por unha das pontes romanas mellor conservadas de Galicia construída para o paso da Vía Nova ou vía XVIII do itinerario de Antonino cuxo trazado se finalizou arredor do ano 80 d.C.

Arriba