Este xeodestino abrangue os concellos de Ares, Cabanas, A Capela, Cariño, Cedeira, Cerdido, Fene, Ferrol, Mañón, Moeche, Monfero, Mugardos, Narón, Neda, Ortigueira, As Pontes de García Rodríguez, Pontedeume, San Sadurniño, As Somozas, Valdoviño e Vilamaior. Os nomes de Ferrolterra saben a mar.

Ferrol é o mellor porto natural de Europa, así o cualificou o Almirantado británico cando en 1800 quixo conquistalo. É tamén o Barrio da Madalena e o Arsenal, as primeiras obras feitas en Europa co criterio da Ilustración. Ferrol encerra ademais unha emotiva sorpresa, a Semana Santa, unha das máis impresionantes de Galicia.

En Ferrolterra están tamén a praia de Pantín, escenario habitual de campionatos mundiais de surf, e as lagoas de Doniños e Valdoviño, paraíso de aves acuáticas. E nas proximidades de Ortigueira, dúas marabillas: a Serra da Capelada, que se corta abruptamente ao chegar ao mar formando os cantís máis altos da península Ibérica, e o santuario máxico de Santo André de Teixido.

Mais hai tamén un Ferrolterra terra dentro. Como as Fragas do Eume, un bosque avesío e segredo que no seu corazón esconde o Mosteiro de Caaveiro... e, nas inmediacións, o fascinante Mosteiro de Monfero, cunha enigmática fachada co deseño dun taboleiro das damas.
 

Patrimonio

O Ferrol da Ilustración (a cidade do Arsenal á beira da que se articula todo este territorio marcado pola pegada dos Andrade e unha das portas de entrada do Camiño Inglés a Santiago) ou o castelo de Moeche (protagonista do acontecemento histórico da Revolta dos Irmandiños) conforman a carta de presentación destas terras.

Entre o patrimonio histórico que atesoura o xeodestino Ferrolterra hai que destacar na cidade de Ferrol o barrio da Madalena e as señoriais prazas de Armas e de Amboaxe e o seu relevante Museo Naval. O castelo de San Felipe vixía desde a súa atalaia o castelo da Palma (en Mugardos) e entre ambos protexen a entrada da ría. A torre grande do castelo dos Andrade en Pontedeume xunto coa fortaleza de Naraío en San Sadurniño son tamén importantes mostras da arquitectura fortificada desta parte de Galicia. O mosteiro de Caaveiro na Capela, o convento de Santa María en Monfero e o de San Martiño de Xubia ou do Couto en Narón son relevantes testemuñas do esplendor que outrora as ordes monacais conseguiron nesta terra.

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Ferrolterra é tamén terra de santuarios. Algúns exemplos destacados son a igrexa barroca de Santa María co Cristo da Cadea (en Neda), a igrexa de San Miguel de Breamo (en Pontedeume), a igrexa de Santa María de Doroña (en Vilarmaior), e nas Somozas a súa fermosísima igrexa barroca de Santiago.

As vilas que debuxan a paisaxe desta terra gardan a esencia de outrora. Son boa mostra a vila de Ares, coas súas casas con balcóns para colgar as redes de pesca, a pequena vila de Redes onde as traseiras das casas transformáronse en embarcadoiros ou o Barrio do Ponto en Ortigueira, polo que camiñar noutro tempo.

Quedan tamén nesta paisaxe pegadas dos antigos que nos achegan á historia como as mámoas de Vixía Herbeira ou o conxunto castrexo de Punta do Castro e a vila galaico romana de San Xiao do Trevo en Cariño; ou o enclave arqueolóxico do castro da Vila da Igrexa en Cerdido, o castro da Frouxeira en Valdoviño e os enterramentos megalíticos do Porto Roibo, Abelleira, Mourela e Vilavella nas Pontes de García Rodríguez.

Ferrolterra observa o mundo desde o seu faro de Estaca de Bares, en Mañón; e ten tamén espazos para ver a vida doutra cor desde o curioso Museo do Humor de Fene, ou desde a praia e o piñeiral de Cabanas.

Espazos naturais

O norte da provincia da Coruña constitúe un territorio excepcional onde o visitante poderá gozar de espectaculares areais, de vilas pintorescas que conservan a esencia da Galicia máis pura, dunha gastronomía privilexiada e duns espazos naturais únicos. O punto máis setentrional da Península Ibérica (Estaca de Bares), a lagoa da Frouxeira visitada cada ano por miles de aves migratorias, os cantís da Serra da Capelada de ata 600 metros en vertical sobre o mar, o santuario de Santo André de Teixido (onde “terá que ir de morto o que non foi de vivo”) son enormes segredos que agardan ser descubertos polo viaxeiro.

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

A natureza foi moi xenerosa con estas terras e situounas cerca do corazón dun pulmón verde, as Fragas do Eume, un Parque Natural que rezuma frescura e que é o gran tesouro natural de Ferrolterra. Tamén se encontran neste xeodestino os espazos protexidos de Xubia-Castro, de Ortigueira-Mera e o da Costa Ártabra, que abarca 100 km de litoral entre as rías de Ares e de Ortigueira.

Festas e gastronomía

A gastronomía da zona ten o seu máximo expoñente na súa tradicional Feira do Polbo de Mugardos, declarada de Interese Turístico, e tamén nos seus pementos do Couto, con Indicación Xeográfica Protexida.

Afeccionados á música celta de todo o mundo visitan cada ano o Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira, que é Festa de Interese Turístico Internacional. A Semana Santa de Ferrol tamén foi distinguida coa Declaración de Festa de Interese Turístico Nacional. Son Festas de Interese Turístico de Galicia a Romaría da Fraga nas Pontes de García Rodríguez e a Festa das Alfombras Florais do Corpus Christi en Ares.

DESTACADO: Santo André de Teixido

Os “milladoiros” ou túmulos de pedras que se agrupan a ambos os dous lados do camiño que conduce á igrexa de Santo André de Teixido son testemuños pétreos da peregrinación de miles de persoas que se achegan ao máxico santuario da Serra da Capelada.

O templo gótico-barroco de tipoloxía mariñeira acolle aos fieis que, seguindo a tradición, beben da fonte dos Tres Caños, piden un desexo ao santo e arroxan á auga un anaco de pan que, se non se afunde, atraerá a boa fortuna á vida do romeiro. Os “sanandreses” ou a “herba de namorar” forman parte deste rito que se reproduce historicamente nas proximidades dos cantís de Vixía Herbeira, os máis altos da Península Ibérica.

Desde unha garita de pedra do século XVIII pode o visitante marabillarse observando a grandeza do Océano Atlántico.

Xunta de Galicia

© 2016 Turismo de Galicia | Todos os dereitos reservados
Política de privacidade | Contacto | Accesibilidade

Galicia
Arriba