A Coruña, Ares e Betanzos, Ferrol, Cedeira e Ortigueira... Son as rías do norte de Galicia que miran cara ao Atlántico. Todo un mundo por descubrir agrupado en dúas grandes áreas: A Coruña e As Mariñas, urbana e mundana; Ferrolterra, ilustrada e cun toque salvaxe.

A Coruña é unha cidade para pasear na que non se pode deixar de visitar os seus museos nin, por suposto, o faro romano da Torre Hércules, Patrimonio da Humanidade. Betanzos sorprende pola monumentalidade do seu centro histórico. E na Ruta da Camelia, o Pazo de Mariñán, cos seus xardíns á beira do mar.

Ferrolterra ten algúns dos espazos mellor conservados de Galicia, con moitas paraxes practicamente virxes. Entre estas, Estaca de Bares, un dos mellores puntos de observación de aves de Europa, ou os arredores do santuario de Santo André de Teixido, en plena Serra da Capelada. E aínda que esta é unha zona de costa abrupta e acantilada, o mar toma aquí un respiro formando espléndidos areais e praias como Morouzos en Ortigueira ou Vilarrube en Cedeira.

Arriba