Os concellos que integran este xeodestino son: Muros, Outes, Noia, Lousame e Porto do Son. Muros ao norte e Noia ao leste son as capitais desta tranquila e fermosa ría. Rivalizando en atractivos, tanto unha como a outra teñen un centro antigo declarado Conxunto Histórico Artístico.

Un centro que fala dun pasado nobre ligado ao mar e á pedra.

Muros é unha inesperada mestura de arquitectura popular e señorial. Nas súa prazas, rúas, arcos e soportais, conviven antigas casas de pescadores con palacetes góticos. Noia sorprende polas súas casas brasonadas, os seus magníficos edificios civís e polas súas numerosas igrexas e capelas... Como "unha pequena Compostela". A ría ofrece innumerables praias, a maioría de area branquísima como as do Ancoradoiro, San Francisco, Aguieira, As Furnas ou Basoñas. Hai tamén importantes restos arqueolóxicos e castros, como o de Baroña, á beira do mar e dunha marabillosa praia.

Patrimonio

Os importantes elementos arquitectónicos que o viaxeiro pode admirar ao percorrer os concellos do xeodestino Ría de Muros e Noia amalgámanse coas impoñentes paraxes naturais que rodean os núcleos poboacionais e que son o acompañamento perfecto ao exercicio do turismo urbano e cultural.

A grandeza monumental das vilas da Ría de Muros e Noia convive en perfecta harmonía cos seus valores ambientais, coa súa pegada histórica e co desenvolvemento e o crecemento das súas poboacións.

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Desde tempos prehistóricos as xentes que habitaron estas paraxes quixeron deixar testemuño do seu paso a través de representacións artísticas e arquitectónicas como as diversas estacións rupestres localizadas en diferentes puntos deste destino, tal é o caso dos gravados de Laxe das Rodas en Louro ou da estación da Cova da Bruxa, e o dolmen de Argalo, inquietante cámara funeraria con arte rupestre no seu interior. Tamén existen sobre o terreo asentamentos castrexos, algúns deles dos máis fermosos de Galicia como o impoñente Castro de Baroña, coas súas construcións acariñando o mar.

As terras da Ría de Muros e Noia están comunicadas, en boa parte, por maxestosas pontes, como a ponte Grande ou a ponte de Traba; e, como non, a Ponte Nafonso, cos seus impresionantes vinte arcos de perfil oxival.

Non son senón exemplos dunha grandiosidade arquitectónica que se estende por toda a comarca en forma de pazos urbanos, vivendas burguesas, pazos góticos ou santuarios como o da Virxe do Camiño en Muros, ou igrexas como a de Esteiro, a de Tal, a de San Xoán de Roo ou a de San Martiño (un xeito inigualable de coroar a fermosa praza do Tapal noiesa). Tamén os cenobios a través do mosteiro de San Xusto de Toxos Outos, Ben de Interese Cultural, igual que o é o Conxunto Histórico da vila de Muros. No campo da arquitectura relixiosa, a Ría de Muros e Noia esconde curiosidades como a igrexa de Santa María A Nova, en Noia, tamén Monumento Histórico Artístico Nacional desde 1973, xa que nela gárdase un depósito de laudas gremiais dos máis grandes de Europa, con máis de duascentas lápidas sepulcrais que representan oficios dos gremios medievais.

Son tamén exemplos destacables da arquitectura civil desta zona construcións como a Casa Caldeirón, a Casa Anido ou a Casa Romaní en Muros ou o faro de Louro. As xentes desta zona viven co mar dentro das súas vidas. O oficio do mar e a consciencia da súa presenza pálpanse na cultura destas terras onde, con todo, atopamos tamén outros recursos que foron nalgún tempo de grande importancia para os habitantes de concellos como o de Lousame. Tal é o caso das Minas de San Finx, cuxa explotación concluíu a finais dos 80 co cesamento da actividade extractiva pero que na actualidade está a ser rehabilitado o poboado da mina e acondicionándose para acoller un museo e un centro de interpretación na antiga escola. 

Espazos naturais

É suficiente con meter os pés na auga do Atlántico ao percorrer areais como os de San Francisco, O Ancoradoiro, Testal, Boa ou A Aguieira para quedar namorado do arrecendo salgado desta costa.

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Desde o cabo Uía pódense contemplar a illa da Creba e a Illa Vella e escoitar as lendas que nos falan sobre mouros e princesas enfeitizadas. A Ría de Muros e Noia é, de seu, un espazo para o feitizo. As Brañas da Pedra do Cadro, os altos cumes do Barbanza e da serra de Outes son paraxes dunha beleza paisaxística tal que paga a pena calquera longa viaxe para poder conservalos na retina.

Pero de todos os importantes espazos naturais da zona tres teñen a protección merecida dentro da Rede Natura 2000. O monte e a lagoa de Louro, que presenta unha afortunada conxunción de lagoa, praias, pedregais e faros. O esteiro do río Tambre, onde as paisaxes campesiñas conviven cos mariñeiros. E parte do complexo húmido de Corrubedo que se estende pola franxa litoral do concello de Porto do Son.

Festas e gastronomía

As tradicións populares son tamén moi importantes para a vida das xentes da ría. Costumes como o mercado semanal na Rúa do Fachendoso de Noia, o paseo dominical pola señorial Alameda da vila, presenciar algunha vez o Gran Premio de Carrilanas de Esteiro, en Muros (declarada Festa de Interese Turístico de Galicia).

DESTACADO: Vilas de Muros e Noia

Os cascos históricos das vilas de Muros e Noia esconden tesouros da vida mariñeira e da arquitectura tradicional que merece a pena descubrir. As súas orixinais estruturas urbanas e o seu aire entre rústico e señorial ocultan xoias como o Muíño de Marea do Pozo do Chacón, en Muros, que é un muíño que aproveita a enerxía do fluxo das mareas. É un dos poucos que existen en Galicia e un dos de maiores dimensións de España.

O escritor Otero Pedrayo cualificou a Noia como a mellor vila oxival galega, pola profusión de construcións góticas so seu fermosísimo casco histórico. O tipismo das súas casas pescadoras súmase ao encanto do que se deu en chamar a pequena Compostela.

Xunta de Galicia

© 2016 Turismo de Galicia | Todos os dereitos reservados
Política de privacidade | Contacto | Accesibilidade

Galicia
Arriba