Os concellos que integran o xeodestino son: A Lama, Barro, Bueu, Caldas de Reis, Campo Lameiro, Cangas, Cotobade, Cuntis, Marín, Moaña, Moraña, Poio, Ponte Caldelas, Pontevedra, Portas e Vilaboa.

As terras da ría de Pontevedra están marcadas pola súa tradición mariñeira. Aquí ata os nomes soan a mar: Ons, Aldán, Bueu, Marín... E por suposto, Combarro, cos seus hórreos de pedra no bordo da auga. Na outra beira, ao final da ría, a Costa da Vela, cos seus cantís e, dominando o ceo e a terra, o Monte do Facho, antigo castro e santuario romano.

Pontevedra é a capital das Rías Baixas. Unha cidade señorial que reborda vida, co centro histórico máis importante de Galicia, despois do de Santiago. e atractivos como a praza da Ferrería, a Basílica de Santa María ou o Museo de Pontevedra, cunha magnífica colección de xoias celtas. Nos arredores, nada como unha relaxante visita ao mosteiro de Poio, de orixe medieval. E a 20 km de Pontevedra, unha das xoias ocultas de Galicia: o Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro. Máis de 80 petróglifos na maior concentración de gravados rupestres de Europa, entre eles "A Laxe dos Carballos", unha fascinante escena de caza dun fermoso cervo.

Patrimonio

O xeodestino presenta, entre outros, dous puntos fortes. Un é a aldea costeira de Combarro, cos seus hórreos literalmente metidos nas augas da ría pontevedresa. O segundo é o Camiño Portugués a Santiago, que entra en Galicia pola localidade de Tui, e que cruza o territorio no sentido sur-norte.

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Pedra, mar, praia, montaña e río. Esas palabras resumen o que ofrece o xeodestino. É dicir, un enorme abanico de posibilidades nas que cómpre subliñar a propia cidade de Pontevedra, cuxo centro histórico foi rehabilitado na última década e é un pracer pasear polas súas rúas, tanto para veciños como para visitantes. Dentro del, varios edificios emblemáticos acollen un museo que pola relevancia dos seus fondos transcende con moito a dimensión local: o Museo Provincial de Pontevedra. Debemos salientar tamén os dous monumentos que sobresaen na cidade: o Santuario da Peregrina coa súa planta en forma de cuncha e a basílica de Santa María A Maior, construída polo gremio de mareantes no s. XIV.

Ao norte, antes de chegar á minúscula e ben conservada zona vella de Cuntis, os petróglifos de Campo Lameiro, conxunto de insculturas único no mundo e que presume actualmente do Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre. O recinto foi inaugurado en xullo de 2011 e garante a protección dos petróglifos que permite organizar as numerosas visitas que reciben. O parque ten unha extensión de case 22 hectáreas e abrangue preto dun cento de rocas que mostran os gravados. Concíbese como unha paisaxe aberta, semellante a como debeu ser concibida. Os carballos que conforman pequenos bosquetes axudan a dar esa sensación.

Espazos naturais

A península do Morrazo é unha combinación de praias con gran afluencia turística no verán e un final, na punta, que é un espazo protexido: a Costa da Vela, salvaxe, sen asfalto, dominada por un santuario prehistórico e cun areal ao que acoden os amigos da tranquilidade.

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Outro espazo protexido nesa península é cabo Udra (á altura de Bueu). Tamén na costa as súas augas forman parte da Rede Natura, ao oeste no complexo Ons-O Grove e ao leste na enseada de San Simón. Xa cara ao interior as terras vanse elevando para rematar nas montañosas da Lama, previo paso por Ponte Caldelas, alturas medias con numerosas casas de indianos, na Serra do Cando. O norte é atravesado polo río Lérez e no seu discorrer tamén é considerado espazo natural protexido.

Festas e gastronomía

Cobres, unha pequena aldea do concello de Vilaboa, celebra un Entroido tan peculiar, con danzas seculares se non milenarias, que foi declarado Festa de Interese Turístico Galego. Máis baile con esa mesma categoría, pero desta vez en Cangas: a Festa das Danzas Ancestrais. Na capital provincial son as festas de San Benitiño de Lérez as que contan coa declaración de Festa de Interese Turístico de Galicia.

Súmaselle nese capítulo a Festa da Troita (Ponte Caldelas), o Encontro Degustación do Millo Corvo (Bueu), a Festa de San Miguel e Danza das Espadas (Marín) e a Festa do Lacón con Grelos (Cuntis). Outros concellos, como Portas, ofrecen unha imaxe de autenticidade.

DESTACADO: O pobo de Combarro

O pobo de Combarro, de profundas raíces pescadoras, é un enclave de gran orixinalidade pola perfecta adaptación ao medio natural no que se sitúa e a forma tradicional de vivir dos seus habitantes nunha orixinal simbiose entre o mundo rural e mariñeiro.

En Combarro combínanse casas antigas con hórreos, cruceiros e embarcacións. As súas casas están construídas sobre o pedregal granítico espido para aproveitar a franxa litoral cultivable, son de cantería con solainas e balaustradas. En Combarro hai máis de trinta hórreos de pedra, que alí se chaman palleiras, que conforman un dos conxuntos deste tipo de construcións máis impresionantes de Galicia.

Arriba