O xeodestino Ribeira Sacra abrangue os concellos de A Peroxa, A Pobra de Brollón, A Teixeira, Bóveda, Carballedo, Castro Caldelas, Chantada, Esgos, Monforte de Lemos, Montederramo, Nogueira de Ramuín, O Saviñao, Pantón, Parada de Sil, Paradela, Portomarín, Quiroga, Ribas de Sil, Sober, Taboada e Xunqueira de Espadanedo.

Facendo de Ourense e Lugo un único reino, as augas do Sil e do Miño corren a se atopar creando un contorno divino, a Ribeira Sacra. Un lugar tocado polo ceo. Paraxes impoñentes como os canóns do Sil, que son navegables, e paisaxes que albergan unha das maiores concentracións de Europa de igrexas e mosteiros medievais. Algúns tan impresionantes como o de Santo Estevo de Ribas de Sil, construído nunha ladeira e arrodeado de frondosos bosques. Ou o de Montederramo, de dimensións colosais. Ou o de Ferreira de Pantón, habitado por monxas desde o século XII. Ou, escavado na roca, San Pedro de Rocas, o máis antigo de Galicia.

Y a vide. Por que nestas terras, fértiles e cun microclima propicio, os mosteiros crearon unha cultura do viño que hoxe está máis viva que nunca baixo a D.O. Ribeira Sacra. Falamos de viñedos en abas tan inclinadas que o seu cultivo require un esforzo heroico. Así nace o lendario Amandi, un tinto que durante séculos se elaboraba en exclusiva para o Papa.

Patrimonio

Na Ribeira Sacra a auga constituíu o primeiro camiño. Á beira dos ríos que sucan os vales establécense fronteiras naturais para organizar o espazo. A orografía da zona invita ao recollemento, á reflexión e ao descubrimento dun mesmo. Quizais foi por isto que as ordes monacais atoparon nesta zona o seu acubillo e á beira delas xurdiu unha nova vida nas ribeiras do Miño e do Sil.

Desde a Alta Idade Media ata o tempo da Desamortización os conventos xogaron nesta parte de Galicia un papel de especial importancia. Tamén agora son importantes os cenobios e a cultura que ao redor deles se xerou porque lle imprimiron a esta terra unha aura única no mundo e porque chegaron ata os nosos días como testemuño do pasado na cultura do presente.

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

A Ribeira Sacra contén nas súas paisaxes un magnífico compendio de restos de épocas diversas. Os poboadores da prehistoria deixaron tras deles túmulos e castros que chegaron ata nós como paisaxes da vida doutro tempo. Exemplos admirables son as mámoas das Cabanas en Nogueira de Ramuín ou o castro de Candaz en Chantada. Pero tamén a presenza romana nestas terras foi decisiva á hora de proporcionarlles unha tradición cultural e unha estética determinada. Da vida dos romanos na Ribeira Sacra quedaron, entre outros moitos exemplos, a tradición de elaborar aceite de oliva en Quiroga ou un dos máis espectaculares vestixios da súa brillante enxeñería, o túnel de Montefurado, que desviou o leito do Sil para aproveitar o ouro que arrastraba o río.

Pero a Ribeira Sacra debe o seu nome ao asentamento nas beiras das augas de importantes cenobios que foron berce da cultura e da espiritualidade dun tempo e que hoxe son os tesouros en pedra desta terra. Exemplos colosais da arquitectura relixiosa son os conventos de Santa Cristina de Ribas de Sil en Parada de Sil, Santa María de Ferreira en Pantón, Santa María en Montederramo, San Pedro de Rocas en Esgos, Santa María de Xunqueira de Espadanedo e Santo Estevo de Ribas de Sil en Nogueira de Ramuín.

Pero tamén as igrexas forman parte da paisaxe espiritual e relixiosa destas terras e son prodixiosos exemplos artísticos. Entre outros moitos templos e santuarios dignos de visita, destacan as igrexas de Santo Estevo de Atán, San Miguel de Eiré e San Fiz de Cangas en Pantón, Santa María de Pesqueiras en Chantada, San Xoán de Portomarín, San Paio de Diomondi e Santo Estevo de Ribas de Miño no Saviñao ou os templos de San Xoán da Cova e Santo Estevo de Chouzán en Carballedo.

Non se pode marchar da Ribeira Sacra sen coñecer os lugares que obtiveron a Declaración de Ben de Interese Cultural: o Conxunto Histórico Artístico do Pazo de Taboada e o Conxunto Histórico Artístico das Adegas de Vilachá na Pobra de Brollón. O centro histórico da cidade de Monforte de Lemos mostra a importancia desta vila en épocas pasadas. Destacan o mosteiro de Nosa Señora da Antiga tamén coñecido como Colexio da Compañía, o mosteiro de San Vicente do Pino (actualmente parador de turismo) e a torre da homenaxe do antigo castelo dos Lemos (agora un museo).

Espazos naturais

Desde o chamado Balcón de Madrid ou desde o miradoiro situado entre Vilouxe e Caxide podemos albiscar o abismo desde a máxima altura do Canón do Sil. Son varias as rutas de catamaráns que permiten navegar polas augas dos dous cursos fluviais do Miño e do Sil, dando a oportunidade de coñecer a Ribeira Sacra desde un punto de vista máis espectacular. Os seus viñedos colgados das montañas ao lado da solaina e a fondura que consegue o canón introducen ao viaxeiro de cheo na sensación de aventura e na consciencia de estar nun lugar privilexiado.

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

O Canón do Sil é Lugar de Importancia Comunitaria, así como o Bidueiral de Montederramo e o Monte Faro, desde cuxa cume, cunha ermida e unha área recreativa, domínanse amplas vistas das catro provincias galegas. O curso do río Cabe é unha galería vexetal poboada de ameneiros, salgueiros e freixos xunto con outras especies autóctonas.

Festas e gastronomía

A Ribeira Sacra é tamén o nome da Denominación de Orixe dos seus afamados viños, cuxa produción iniciaron no seu día as comunidades monásticas que se asentaron nas marxes dos cursos fluviais. Cada ano, en Sober, celébrase unha festa que conseguiu a declaración de Festa de Interese Turístico de Galicia, a Feira do Viño de Amandi, na que se exalta un dos tesouros producidos co traballo conxunto do home e da natureza na Ribeira Sacra. Dúas festas máis conseguiron na zona a mesma declaración, o Folión de Carros en Chantada e a Festa das Fachas de Castelo en Taboada. Mostras dos costumes tradicionais dunha zona que foron pasando de pais a fillos e que chegan aos nosos días tamén co perfil de reclamo turístico.

Ademais do cultivo da vide e do aceite, outros traballos tradicionais consérvanse aínda na zona e son moi apreciados polos visitantes, tal é o caso das olarías de Gundivós e Niñodaguia, que se fan con arxilas obtidas nestas terras en fornos artesanais que son xa hoxe pequenas reliquias cargadas de identidade.

DESTACADO: San Pedro de Rocas

San Pedro de Rocas é un mosteiro único por estar escavado na roca natural. É rústico, antiquísimo e case primitivo e constitúe un dos primeiros asentamentos eremitas nestas terras e conta cun gran valor antropolóxico.

Data do ano 573 e segundo a lenda foi fundado por sete homes que escolleron este fermoso enclave para retirarse a unha vida de oración. A súa igrexa, do século VI, é un dos templos cristiáns máis antigos que se coñecen e nela descubríronse pinturas murais con imaxes dos apóstolos e un mapamundi.

Xunta de Galicia

© 2016 Turismo de Galicia | Todos os dereitos reservados
Política de privacidade | Contacto | Accesibilidade

Galicia
Arriba