Os concellos que compoñen este xeodestino son: A Merca, Allariz, Baños de Molgas, Barbadás, Coles, Maceda, O Pereiro de Aguiar, Ourense, Paderne de Allariz, San Cibrao das Viñas, Taboadela, Toén, Vilamarín e Xunqueira de Ambía.

Desde planos diferentes, Ourense e Allariz parecen mirarse unha á outra.

Ourense, romana e señorial, desde as beiras do Miño. Allariz, rexia e monumental, desde as beiras do Arnoia.

Ourense é a cidade da auga. Os símbolos da cidade son o Santo Cristo, a Ponte Romano e a fonte das Burgas, que brota a 65º en pleno centro. Ten ademais un centro histórico moi ben conservado, repleto de bares e terrazas e tamén, quizá para emendarse, unha marabillosa catedral. Nos últimos anos as ribeiras do Miño convertéronse no outro gran paseo da cidade, cunha ruta termal moi coidada e, en moitos casos, de balde.

Allariz, cuxa orixe remóntase ao século VI, recibiu o Premio Europeo de Urbanismo pola recuperación do centro histórico e do río. Residencia real na Idade Media, aquí se educou o mozo Alfonso X o Sabio e non é de estrañar que a beleza da contorna inspirase algunha das súas “Cantigas”.
 

Patrimonio

O xeodestino posúe entre outros alicientes o Camiño de Santiago, chamado aquí Camiño do Sueste-Vía da Prata. Un percorrido dobre (vén bifurcado desde A Gudiña) que permite coñecer pequenos núcleos con moita historia como Xunqueira de Ambía e a súa colexiata. O itinerario cruza Allariz e pouco máis adiante un enclave minúsculo pero con moita historia chamado Armeá, á beira de Santa Mariña de Augas Santas e a súa igrexa, de gran tamaño e inconclusa. O castro de Armeá (onde se atoparon uns guerreiros pétreos que se poden admirar no Museo Arqueolóxico de Ourense) e ese templo-basílica foron declarados Conxunto Histórico-Artístico.  Merecen visita Os Fornos da Santa que estivo a piques de perecer abrasada pero de onde foi sacada por intervención divina.

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Dous pesos pesados lideran este xeodestino: as localidades de Ourense e Allariz, cada unha cunha morea de monumentos que reclaman a atención. A capital da provincia é ben coñecida tanto pola súa vinculación co río Miño, como co mundo romano. O Miño está cruzado na capital por varias pontes e un moderno paseo permite percorrer a beira. Son moi representativas da capital termal de Galicia, de Ourense, as coñecidas Burgas, un espazo rehabilitado xa nos límites da zona vella, no que manda sen dúbida a Catedral. O templo, tardorrománico, foi erguido a partir do século XII, declarado basílica en 1837 e Monumento Nacional no ano 1931. Non hai que esquecer a visita ao Museo Arqueolóxico.

Allariz tivo a sorte de conservar practicamente intacto o seu núcleo principal, granítico tanto nas rúas como nos edificios. A súa exemplar rehabilitación mereceu o premio Europa Nostra e hoxe a vila é un modelo do turismo sustentable galego. Os seus museos conforman unha pequena rede que, xunto coa potenciación de negocios hostaleiros “con encanto” e o agarimo co que se trataron as beiras do río, atraen milleiros de visitantes. Xa saíndo do casco histórico fai falta subliñar a ponte románica de Vilanova

Entre os monumentos destas terras podemos destacar en Baños de Molgas a capela prerrománica de Santa Eufemia de Ambía e o santuario dos Milagres no monte Medo. Dentro da arquitectura popular podemos descubrir o conxunto de hórreos da Merca e o conxunto de casas fidalgas en Sobrado do Bispo (Barbadás).

Espazos naturais

O municipio de Allariz pertence e dá nome á Reserva da Biosfera Área de Allariz, un mosaico humano e natural elaborado con séculos de paciencia e laboriosidade.

No Ecoespacio do Rexo unha intervención artística modificou un espazo natural dándolle un novo valor.

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Festas e gastronomía

Os Maios é unha ancestral tradición galega que aínda se celebra con moita forza en Ourense. Toda a provincia é unha festa con gran participación popular polo magosto, no outono, mais é na súa capital onde esa cita está declarada de Interese Turístico Galego, do mesmo xeito que a anterior.
 
Non tan vella, mais tamén con séculos encima xa que arrinca de 1317, e agora goza da mesma categoría, é a Festa do Boi, coas rúas de Allariz como escenario cando o Corpus.

DESTACADO: Ourense, cidade da auga

A cidade de Ourense está intrinsecamente ligada coa auga. A do río Miño que atravesa a cidade discorre baixo as súas seis pontes. O Viaduto, a Ponte Nova, a Pasarela do Vao, a Ponte Romana, a Ponte do Milenio e a Ponte do Ribeiriño constitúen en si mesmos un recurso turístico pola singularidade da súa disposición e pola evolución arquitectónica que reflicten e que se pode gozar percorrendo o paseo fluvial por calquera das súas dúas beiras.

Tamén a auga, esta vez quente, converteuse no signo máis identificativo da capital da provincia. A Ourense chámaselle tamén a cidade das Burgas, polos seus mananciais de augas hipertermais, silicatadas, fluoradas e litínicas, que teñen importantes propiedades dermatolóxicas e cuxo nome crese que procede do latín burca, que quere dicir pía, en alusión aos baños romanos. Existen tres Burgas, a de Arriba, a do Medio e a de Abaixo, de estilos popular, moderno e neoclásico respectivamente e que son o punto de partida dun complexo termal, ao aire libre e ás beiras do río Miño.

Arriba