Aquí está a mellor praia do mundo. E non o dicimos nós, dío o xornal The Guardian. É a praia de Rodas nas Illas Cíes. Augas cristalinas e tranquilas, area fina e dourada, unha suxestiva forma de media lúa e, protexendo a praia, un bosque de piñeiros que invitan á sesta.

Se no pasado as Cíes foron refuxio de piratas, agora están deshabitadas e abertas ao público só no verán. Así, consérvanse como un paraíso natural, sen présas, sen tráfico. Só o rumor das ondas e o vento. Mais se botas de menos o ruído, sube ao Faro. As vistas son impresionantes e poderás gozar dun espectáculo único: o balbordo de milleiros de gaivotas (quizais a maior colonia de Europa) nos cantís... voando aos teus pés.

Alén das Cíes, o parque das Illas Atlánticas inclúe Ons, Sálvora e Cortegada. En Ons non podes deixar de contemplar as misteriosas "furnas", covas mariñas esculpidas en granito que, como a lendaria "Burato do Inferno", dicíase que baixaba ata o mesmo inferno e nas noites de tormenta podíanse oír as voces dos mortos. E logo, para recuperar forzas, nada como saborear o famoso "polbo á Illa".

Natureza senlleira

Os sistemas naturais representativos do Parque Nacional das Illas Atlánticas son as zonas costeiras e a plataforma continental atlántica. En todas as illas existen zonas de reserva para a cría de aves mariñas que o visitante deberá respectar. Os sistemas naturais representativos do parque son as zonas costeiras e a plataforma continental atlántica. A vida vexetal está condicionada polos ventos cargados de salitre. A flora máis representativa atópase en cantís e dunas. Abundan as toxeiras; e as rarezas do parque son a camariña (Corema album), a xesta de Ons (Cytisus insularis) e as flores chamadas paxariños da Linaria arenaria. Gran parte dos animais terrestres tamén dependen do mar.

Numerosas colonias de aves, principalmente de gaivota de pata amarela e corvo mariño cristado. No mar, posibilidade de avistamento de cetáceos coma o rorcual común que no verán frecuentan estas augas. Ademais, no medio mariño son importantes as comunidades de algas pardas.

Sen perda

Non circulan vehículos por ningunha das illas que forman o Parque Nacional. Ademais, outro aspecto que debemos ter en conta é o control de lixo.

Os visitantes deberán responsabilizarse dos envases e residuos que transporten ás illas. Nas Cíes o acceso controlado a un número máximo 2.200 persoas diarias garante a tranquilidade.

Desde o embarcadoiro de Rodas resulta doado achar os percorridos principais a cada un dos tres faros existentes. Trátase de rutas de dificultade media, un pouco esixentes en días de calor e nalgúns treitos de ascenso. Porén, maior será a recompensa paisaxística.

Unha das máis recomendadas é subida en zigzag ao Monte Faro, a unha distancia de 7 km entre ida e volta desde o peirao. Neste traxecto atoparemos ricos observatorios de aves en paisaxes como o da Campá, unha auténtica ventá labrada en pedra onde abouxan en época de cría unha importante colonia de gaivotas de pata amarela cunhas 22.000 parellas reprodutoras.

Na illa de Ons o visitante atopará desde o peirao a praia e o poboado do Curro de onde parte unha longa ruta con varias posibilidades. Subirmos ao miradoiro do Faro entre as construcións dos "illáns" ou ben ir cara ao norte e situármonos na solitaria e fermosa praia de Melide. Cara ao sur, por diferentes carreiros chegaremos ao miradoiro de Fedorentos pasando polo Buraco do Inferno, unha furna con forma de pozo onde se escoita o bruar do mar desde as entrañas da terra.

Os billetes de embarque emítense co regreso pechado en día e hora para a cota de visitantes establecido en cada arquipélago. Non existe transporte regular para saltar dunha illa a outra, pero pódense contratar cruceiros turísticos para visitar en conxunto os ecosistemas das rías.

Datos de interese

  • Situación
    Nas Rías Baixas. Componse de catro arquipélagos que son: Cortegada e Sálvora na ría de Arousa, Ons fronte á ría de Pontevedra e Cíes cerrando a ría de Vigo.
  • Superficie
    8.332,80 ha (1.194,80 ha terrestres e 7.138 ha mariñas). En concreto: Cíes (2.658 ha marítimas e 433 ha terrestres), Ons (2.171 ha marítimas e 470 ha terrestres), Sálvora (2.309 ha marítimas e 248 ha terrestres) e Cortegada (43,8 ha terrestres).
  • Acceso
    Servizo regular de transporte marítimo de pasaxeiros ás Cíes desde os portos de Vigo, Baiona, e Cangas en temporada alta. De igual xeito, a Ons desde Portonovo, Sanxenxo, Bueu e Marín. Servizo de guía a Cortegada desde Carril (Vilagarcía de Arousa). Sálvora, sen servizo marítimo de transporte ten ademais acceso restrinxido.
  • Servizos
    • Aloxamento: Só nas Cíes e Ons.
    • Comida: - Só Cíes e Ons contan con servizos de restauración.
  • Máis información
    Sede do Parque Nacional: Rúa Oliva nº 3 (Vigo). Tel: 886 21 80 90. e-mail: iatlanticas@xunta.es
  • Equipamentos
    • Centro de Interpretación Illas Cíes.
    • Punto de Información Illa de Ons (Tel. 986 687 696).
    • Observatorios de aves (illa de Ons e illas Cíes).
Arriba