O COUREL

Espazos naturais
3188
No Camiño de Santiago

Localización

Lugo

A Pobra do Brollón | As Nogais | Folgoso do Courel | O Incio | Pedrafita do Cebreiro | Quiroga | Ribas de Sil | Samos | Triacastela

Coordenadas:
42º 37' 47.1" N - 7º 09' 17.5" W

Descrición

Sobre lousa viva
"O Courel dos tesos cumes que ollan de lonxe" esténdese entre O Cebreiro, punto de entrada do Camiño de Santiago en Galicia, e o río Sil polo sur, pero sen chegar a tocalo. Vén sendo unha das terras máis vellas da península. O seu interese xeolóxico é manifesto: multitude de covas vivas e gateiras ou o espectacular pregamento de Campodola (Quiroga), cualificado como un dos monumentos xeolóxicos de Europa.
"Terras do lobo, cavorcos do xabaril"... O Courel é a gran reserva verde de Galicia. Todas as especies, agás as litorais, teñen representación neste cruce xeográfico de montaña, co mellor das características atlánticas e mediterráneas. Castiñeiros ao redor das aldeas e un reduto das oliveiras en Quiroga. As formacións boscosas típicas do Courel son as devesas, nome empregado para se referir ás fragas de moitas outras especies vexetais, xeralmente nas cabeceiras dos ríos.

Eiquí síntese ben pouco o que é un home... continúa o canto á beleza natural dos versos do seu poeta nacional Uxío Novoneyra. A escasa poboación destas paraxes, onde conflúen as provincias de Lugo e Ourense coa comarca leonesa do Bierzo, é na actualidade unha das máis envellecidas de Europa. Pero a vida respira verdadeira diversidade e historia nos entalados vales dos ríos Lor e Lóuzara, Selmo e Soldón. Sobre as abas verdes descóbrese esoutro patrimonio do Courel que son as súas aldeas de lousa, o corazón da serra. De Romeor a Froxán e da Ferrería a Ferramulín, os catro puntos cardinais.

Acceso

Atravesa O Courel de norte a sur a estrada LU- 651. Desde o norte chégase a ela na baixada do Cebreiro na LU-633 Pedrafita-Sarria.
Desde o sur, desvío en Quiroga na N-120 Ponferrada-Ourense.

Camiños de Santiago

Camiño de Inverno
Camiño Francés

Situación

Extremo sur-oriental da provincia de Lugo. Concellos das Nogais, Pedrafita do Cebreiro, Folgoso do Courel, Samos, Triacastela, O Incio, A Pobra do Brollón, Quiroga e Ribas de Sil.

Superficie

LIC “Ancares-Courel” 102.438,90 ha.

Servizos

Aloxamento: Si.
Comer: Si.

Sen pérdida

Sen dúbida, O Courel é a gran reserva verde de Galicia e conta tamén cun rico patrimonio histórico. O concello de Folgoso do Courel ocupa o espazo central da serra. Desde as súas principais localidades, Seoane e Folgoso, a vella e nova capital municipal respectivamente, tense acceso a este territorio pois as dúas están na estrada comarcal que vertebra de norte a sur, desde Pedrafita do Cebreiro ata Quiroga, o territorio. Pero a natureza do Courel demandará os nosos pasos para internarnos pé en terra polos camiños do bosque.
De Seoane arrinca o primeiro desvío cara á aldea de Romeor. Desde aquí cómpre camiñar uns poucos quilómetros penetrando nunha magnífica devesa e inspeccionar o túnel da Louseira, construíndo en época romana para a condución de auga.
No desvío da estrada de Seoane cara a Moreda e Parada achegámonos a un dos puntos de visita obrigada: a devesa da Rogueira. Moreda conta cunha Aula da Natureza, aberta desde a primavera ata comezos do outono e os períodos de vacacións invernais. A grandeza deste bosque está na súa reserva botánica con grande variedade de especies, mais de 800 contabilizadadas nunha pequena extensión de 200 ha. O itinerario desde a parte baixa da devesa percorre uns tres quilómetros de abrupta pendente. Polas ladeira precipítanse os regatos que nacen no cume como a Fonte do Cervo. Trátase dun gran penedo con dous canos dos que agroman ambas as augas de cores e sabores diferentes. Unha é cristalina e calcaria; a outra, marrón e ferruxinosa.
Outra forma de acceso á devesa pola súa parte alta tras o pico Formigueiros (1.639m) é desde a estrada local de Visuña, Ferramulín, Vieiros, A Seara e Vilarbacú, todas elas poboacións pintorescas. Desde aquí tamén se pode planificar o ascenso a dous dos atractivos naturais do Courel. Por unha banda a lagoa de Lucenza, de orixe glaciar e que estiña nalgúns veráns. Por outra, a Buraca das Choias, unha cova polo que aflora un regato.

Natureza senlleira

Cumes adscritos aos piornais e en xeral con predominio do monte baixo tamén de uces e xesteiras. Bosques nas altitudes medias de carballos, bidueiros, faias. Masas frondosas ben conservadas e salientables como a Devesa da Rogueira.
Abondosa fauna con máis de 170 especies de vertebrados: lobos, raposos, xabarís, teixugos, martas… Interesantes colonias asociadas ás simas e covas.

Outras características

Avistamento de paxaros
Natureza Espazos naturais ZEC - Rede natura 2000
Arriba
Axúdanos a mellorar!